No verán de 2023, SGHN asinou un convenio de colaboración con Gemosclera para a conservación do nenúfar branco (Nymphaea alba) en Galicia, especialmente centrado nas poboacións da Limia. A especie amosa un declive xeral nas últimas décadas polo que a finalidade do convenio é asegurar a súa conservación mediante o estudo e reforzo das poboacións coa implantación de exemplares nalgúns dos espacios xestionados pola SGHN.
En anos anteriores realizouse a valoración de diferentes técnicas de plantación e realizarónse transplantes de exemplares mediante plantación directa ou en contedor. Neste ano, concretamente o 19-08-2026 realizouse o seguemento das novas masas avaliando o seu grao de implantación, a sua adaptación aos diferentes puntos e a resposta ante ás especies exóticas invasoras (caranguexo vermello e tartaruga de Florida).
Estado actual das masas
Poza dos arieiros
Sendo un dos primeiros puntos de plantación tamén é a charca con maiores problemas para a implantación de nenúfares: fallou a plantación directa, houbo que transplantar os nenúfares de capazos ao chan polo descenso do nivel de auga na charca e, dende o primeiro momento, comprobouse a intensa predación sobre os nenúfares polo caranguexo americano e, neste ano, pola presencia dun ou dous exemplares de tartaruga de Florida (Trachemys scripta). Neste 2026, as plantas volveron brotar con escaso vigor e mesmo foron capaces de florecer pero a mediados do mes de xullo non quedou rastro delas, sendo este o único espacio onde os resultados foron negativos.
Poza das conícoras
En xeral, neste punto os golpes de nenúfar de plantación directa evolucionaron ben; mantiveron bó vigor e excepcional crecemento ata duplicar a súa superficie. Mentres, os exemplares instalados en capazo e transplantados ao chán están arraigados e floreceron, pero teñen un menor crecemento probablemente debido ao efecto do transplante.




Poza do observatorio dos terróns
Os exemplares instalados neste punto mediante plantación directa tamén evolucionaron ben; con respecto ao ano pasado melloraron en vigor, número de follas e tamaño das mesmas. En comparación cós exemplares da poza das conícoras, o seu desenvolvemento é menor, cuestión que se pode explicar polas características do punto de plantación: substrato bastante areoso, profundidade de plantación cercana aos dous metros e zona exposta ao vento e as correntes.



Poza de Ángel
Neste punto a vexetación higrófila e as salgueiras medraron tanto que dende a beira da charca inmediata non se poden ver claramente as masas de nenúfar. A vista de dron compróbase que os dous golpes (plantación directa e transplante) evolucionaron ben, mantendo vigor e duplicando a superficie cuberta polas follas. Por comparación entre as diferentes masas semella que os exemplares do golpe máis grande empezan a fusionarse o que facilitará a rexeneración de novos fascículos que farán medrar a masa actual.


En resumo, pódese dicir que as novas masas de nenúfar teñen evolucionado ben excepto algúns exemplares o que supón a consolidación de novas poboacións de nenúfar branco (Nymphaea alba) na Limia.
