Sen tempo non foi!

Moratoria a novas granxas ou ampliacións na Limia

Hai 28 anos

Xa pasaron nada menos que 28 anos desde que SGHN alegou contra o primeiro gran complexo gandeiro industrial na Limia, o de porcos e polos na Pedra Alta, na zona de augas permanentes da antiga lagoa de Antela. Nos escritos ao concello de Sarreaus (06/05/1998) e á entón Confederación Hidrográfica do Norte (05/06/1998), que nunca tiveron resposta, SGHN xa alertaba claramente dos riscos ambientais e sanitarios, como se pode ver nos paragrafos das alegacións recollidos na seguinte imaxe.

Hai 19 anos

En 2007, os datos oficiais recollidos no “Estudo hidrolóxico-ambiental da Limia” da entón Confederación Hidrográfica do Norte xa revelaban un grave empeoramento das aguas superficias na estación de control da calidade das augas en Ponteliñares, xusto ao final da chaira limiá. Os niveis de nitritos excedían os límites legais para a fauna piscícola. Os niveis de osíxeno disolto chegaban a ser extraordinariamente baixos, mesmo nulos impedindo toda forma de vida superior nas augas. As concentracións de fosfatos disoltos indicaban un gravísimo risco de eutrofización augas abaixo. Todas as evidencias apuntaban a unha excesiva carga gandeira.

Hai 18 anos

En canto tivo coñecemento do devandito “Estudo hidrolóxico-ambiental da Limia”, SGHN comezou a solicitar unha moratoria a instalación de novas granxas ou ampliacións das existentes na cabeceira do Limia.

A calada por resposta, unha e outra vez

Dende entón, SGHN dirixiu un total de 84 escritos a todos os organismos “supostamente competentes”, 68 deles á Xunta de Galicia: dende os Servicios Territoriais en Ourense ata o propio Presidente. Nin a Xunta de Galicia, nin a Confederación Hidrográfica, nin a Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia fixeron caso algún.

As consecuencias

  • Augas subterráneas non potables polo exceso de nitratos, como xa alertou SGHN en 1998.
  • Eutrofización gravísima do encoro das Conchas, como xa alertou SGHN en 1998. Os “blooms” de cianobacterias tóxicas tinguen de verde e azul as augas do encoro dende 2011.
  • Sentenza pioneira a nivel internacional do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por violación dos dereitos fundamentais dos veciños das Conchas, ordenando unha moratoria inmediata á instalación de novas granxas ou ampliación das existentes.

Setembro de 2026, a Xunta establece unha moratoria ás granxas na Limia

A medida agora adoptada é imprescindible, pero case con total seguridade será insuficiente. Esta afirmación baséase nun feito incuestionable: a carga gandeira na cabeceira do Limia duplicouse desde as primeiras alegacións de SGHN en 1998 e aumentou máis dun 30% desde a petición sistemática de moratoria a partires de 2008. Hai 18 anos unha moratoria combinada cunha xestión correcta dos residuos gandeiros quizais podería ter sido unha solución. Na actualidade apenas será un parche e seguramente serán necesarias medidas máis custosas e dolorosas respecto a excesiva gandería industrial.

  • Divulga ti tamén!