Vía Láctea

Nunha noite escura e despexada de case calquera día do ano podemos ver un resplandor brillante e leitoso que se estende a través do ceo e que parece dividilo. Chamámolo Vía Láctea. O nome de Vía Láctea deriva do grego Kiklios  Galaxios que significa “camiño de leite”. Leite derramado, segundo a mitoloxía, pola deusa Hera ao darse conta de que era Heracles e non o seu fillo Ares quen succionaba con forza o leite divino apartandoo violentamente do seu peito e derramando o seu leite polo ceo nocturno.

Durante miles de anos a súa natureza exacta foi un misterio ata que  Demócrito (460-370 a.C.) afirmou por primeira vez que a Vía Láctea estaba formada por estrelas distantes. En 1785 William Herschel fixo o primeiro mapa da Vía Láctea e chegou á conclusión de que as estrelas estaban agrupadas nunha enorme formación de disco.

Hoxe en día podemos dicir que a Vía Láctea é unha galaxia espiral barrada cos típicos compoñentes estruturais: un disco delgado cun diámetro aproximado de 120.000 anos luz, un bulbo cun diámetro de 25.000 anos luz, e rodeado todo iso por un halo que alberga ao redor de 150 cúmulos  globulares. O centro da galaxia é un lugar denso e caótico, con estrelas e gas que viran a toda velocidade aredor dun buraco negro súper masivo coñecido como Saxitario A.  Aínda que hai diferenza á hora de determinar cantas estrelas contén a nosa galaxia pódese dicir que seguramente exceda o medio billón de estrelas.

Falar da Vía Láctea requiriría de moitísimo máis espazo e tempo, xa que ten moitísimo que contar, convidámosvos a gozala en calquera noite despexada do ano, non vos defraudará. De momento podedes vela nesta foto do noso compañeiro de Fotografía Ferrolterra e da SGHN, Marcos Lopez Alonso, obtida en Carracedo Muras o 28 de abril de 2019.

Vía Láctea