Xa temos crianza no Museo de Historia Natural!

Estes días estamos a rematar os preparativos para esta campaña coa que damos paso ao outono: un agasallo aos socios, centros educativos e visitantes en xeral do museo. Consiste nun plantón dun carballo (Quercus robur) fillo do que temos aquí no xardín dende hai máis de 15 anos.

Estes pequenos foron criados con cariño e esmero polo noso Administrador, Salva Sánchez, a partir de landras recollidas por el no chan do xardín. Agora mesmo temos xermolando algo máis de 3.000 exemplares e a nosa intención, tal como dicimos, é agasallar con un a aquelas persoas que o desexen.

Salva comezou a recoller as landras que caían do carballo que medra no terreo, e decidiu aproveitalas debido á grande cantidade delas que produciu esta tempada. O que fixo foi depositalas en setembro nuns recipientes con terra, que rega tódolos días e non deixou de recolectar e incorporar landras novas a unhas bandeixas onde deixa que broten. Estes xermolos tardan arredor de quince ou vinte días en sacar as primeiras follas.

Os envases nos que se entregan estes carballiños proceden de doazóns dos xardineiros da empresa contratada polo Concello, logo de plantar as flores nos xardíns da cidade, así que xa non se precisaban e foron reutilizados. Estes recipientes levarán unha etiqueta co escudo da entidade. Aproveitamos a ocasión para lembrarvos que no museo utilizamos outros elementos reciclados, como botellas de plástico recortadas, para outros cometidos similares.

Achégate ao museo polo teu plantón!