- A Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO/BirdLife), a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e a Sociedade Galega de Ornitoloxia presentaron as correspondentes alegacións ao Proxecto de Mellora para o aproveitamento en regadío das 42 captacións das augas subterráneas “A Limia 2022”, polos graves impactos que podería causar en espazos e especies protexidas.
- A zona afectada está incluída dentro dunha das principais Áreas Importantes para a conservación das Aves e a Biodiversidade (IBA) de Galicia, afectando tamén a unha parte significativa dun espazo da Rede Natura 2000 (a ZEPA da Limia), e xunto a unha Reserva da Biosfera.
- O espazo afectado constitúe un dos últimos territorios reprodutores para algunhas especies de aves da rexión como a avefría europea ou o alcaraván común e alberga poboacións de plantas e aves catalogadas como ameazadas (Vulnerables ou En Perigo de Extinción) a nivel estatal e rexional como a tartaraña cincenta, o sisón común ou o cardiño de lagoa (Eryngium viviparum).
Características do proxecto
O proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío das 42 captacións das augas subterráneas na Limia (Ourense) presentado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Sociedade Mercantil Estatal de Infraestruturas Agrarias, S.A., pretende desenvolver tres redes colectivas de transporte de auga para a rega nunha zona de actuación que cubriría unha superficie de 4.859 ha (case 50 km2).
As tres balsas de rega terían unha capacidade de almacenamento de 76.000 m3, unha cantidade que supera o volume da capacidade de abastecemento de auga potable da cidade de Ourense que alcanza os 69.000 m3 ao día. Desde os pozos de bombeo das captacións subterráneas, impulsarase a auga ata as balsas mediante a construción de tubaxes de impulsión e desde as balsas desenvolverase unha rede de rega ramificada baseada na realización dun 120 km lineais de gabias onde se soterrarán. A todas estas infraestruturas e obras de construción habería que sumarlle a construción de camiños, edificios de control, obras e estruturas especiais para a rega e a electrificación de todo o sistema para o funcionamento da rega, coa consecuente instalación de liñas eléctricas.
As organizacións apuntan, ademais, que con todo isto producirase un aumento da intensificación agrícola na zona e unha potencial sobreexplotación do acuífero, amplificando os potenciais impactos ambientais do proxecto.
Aínda que o proxecto xa foi modificado para sacar as balsas de rega da superficie da ZEPA (o resto das infraestruturas están total ou parcialmente dentro da ZEPA) e usar enerxías renovables para as captacións, a transformación e intensificación do uso das terras seguirá xerando impactos significativos sobre os valores do espazo, que xa está nun estado pouco favorable, sen esquecer que tamén hai especies e hábitats protexidos fóra da ZEPA.
Impacto para a biodiversidade
O impacto ambiental da destrución e ocupación definitiva dos terreos polas balsas e da escavación das gabias será grave e irreversible, afectando o funcionamento hidrolóxico dos hábitats da zona e ás súas especies.
A obra, de 36 millóns de euros, apenas contempla un 0,8% do orzamento total de execución para a posta en marcha dalgún tipo de medida correctora ou compensatoria que amorteza os graves impactos que sufrirá o territorio. Ademais, trátase de fondos do Plan de Recuperación e Resilencia, que están suxeitos a cumprir o criterio DNSH (“Do not significant harm”), que significa que os investimentos non poden xerar impactos, algo que non se cumpre neste caso, aínda que poida argumentarse a mellora na xestión da auga.
O proxecto localízase parcialmente dentro da Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) ES0000146 «A Limia» e é lindeira coa Zona Especial de Conservación (ZEC) ES1130006 «Veiga de Ponteliñares», ambos os espazos protexidos da Rede Natura 2000, e coa Reserva da Biosfera “Área de Allariz”, que podería verse tamén parcialmente afectada.
Por outra banda, debido á súa importancia ornitolóxica e ás especies de aves incluídas no Anexo I da Directiva de Aves (Directiva 2009/147/CE, relativa á conservación das aves silvestres), a zona foi designada como Área Importante para a Conservación das Aves e a Biodiversidade (IBA) 008 “A Limia”, e por tanto o proxecto podería afectar gravemente as especies polas que foi designada. Entre estas especies destacan o sisón común, recentemente catalogada a nivel estatal como “En Perigo de Extinción” ou a tartaraña cincenta, declarada por SEO/BirdLife Ave do Ano
para chamar a atención sobre o seu delicado estado de conservación xa que se atopa incluído tamén nos Catálogos Español e Galego de Especies Ameazadas coa categoría de “Vulnerable”.
Aves únicas en Galicia
Ademais destas especies, que sofren un grave declive a nivel estatal, na zona afectada polo proxecto subsisten algunhas poboacións de aves únicas a nivel autonómico. Por exemplo, unha poboación reprodutora de avefría europea, catalogada como En Perigo de Extinción no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, coas únicas poboacións reprodutoras galegas na Limia e practicamente os únicos territorios nidificantes que subsisten no norte da península. Tamén poderían verse afectadas entre 3-4 territorios de cría de pernileiro correbois, catalogada tamén como En Perigo de Extinción na mesma norma galega, tanto no caso das súas poboacións nidificantes como no caso das invernantes.
A riqueza ornitolóxica da Limia, e concretamente da zona do proxecto, na época reprodutora queda patente coa presenza como reprodutores de especies como noiteboa, calandriña común (co único núcleo reprodutor de Galicia), cotovía, papuxa rabilonga ou picanzo vermello. Por outra banda, tamén usan a zona como área de alimentación, descanso ou invernada outras especies protexidas e ameazadas entre as que destacan polo seu número e importancia: o abelleiro europeo, miñato queimado, miñato real (incluída no Catálogo Español de Especies Ameazadas como En Perigo de Extinción e que conta con varios dormideiros invernais na zona do proxecto), cobreira europea, tartaraña das xunqueiras, gatafornela, aguia calzada, esmerillón, falcón peregrino, avetarda euroasiática ou chorolito dourado europeo.
Outra especie para a que a conservación deste espazo é clave, é a rula europea, que presenta un grave declive e para a que existe un Plan de Xestión a nivel europeo que establece a necesidade de poñer en marcha medidas de conservación, especialmente nas ZEPA onde se atopa. Conta cunha poboación reprodutora relevante na ZEPA afectada polo proxecto, onde ademais prodúcense grandes concentracións en paso. Neste caso, tanto as zonas arborizadas ou árbores dispersas, como as zonas de cultivo son de interese para a especie.
Importancia botánica
A zona afectada tamén alberga as mellores poboacións a nivel mundial do endemismo vexetal Eryngium viviparum (cardiño de lagoa), incluída no Libro Vermello da Flora Vascular Ameazada de España, publicado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, coa categoría de En Perigo e que está catalogado como Vulnerable no Catálogo Español de Especies Ameazadas e como En Perigo de Extinción no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Trátase dunha especie exclusiva do noroeste de Francia (landas de Morbihan), norte de Portugal e noroeste de España, con aproximadamente o 98% dos efectivos mundiais en territorio galego e case o 95% na Limia.
Doutra banda, pero non menos importante, hai que destacar que a localización das enormes balsas de regulación que se queren construír supoñería a destrución directa de arboredo autóctono maduro, circunstancia a ter moi en conta pois no ámbito do proxecto as transformacións hidrolóxicas e agrícolas supuxeron nos últimos 60 anos a perda de máis de dous terzos do arboledo existente.
Proxecto contrario á estratexia de conservación de aves ameazadas
A Estratexia de conservación de aves ameazadas ligadas a medios agrarios e esteparios aprobada en España establece os criterios orientadores e as directrices para a conservación das especies que se atopan nun estado desfavorable de conservación en España. A transformación en regadío provoca a perda do hábitat no que perviven as aves dos agrosistemas, polo que, seguindo o establecido no Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia e a ficha do propio espazo, o presente proxecto non debería executarse.
Solicitudes das tres organizacións
As tres organizacións solicitaron ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que se denegue a autorización do proxecto por:
- A falta de avaliación de repercusións e impactos sobre espazos protexidos da Rede Natura 2000.
- A afección directa do proxecto sobre Áreas Importantes para a Conservación das Aves e a Biodiversidade (IBA), ao desenvolverse no interior de IBA 008 “A Limia”.
- A afección a especies ameazadas e protexidas, a nivel europeo, estatal e autonómico, algunhas delas catalogadas a nivel estatal e autonómico como “En Perigo de Extinción”.
- A deficiente avaliación de repercusións sobre o impacto do proxecto nun espazo natural protexido como é a Reserva da Biosfera “Área de Allariz”.
- As considerables deficiencias detectadas na calidade do documento de Avaliación Ambiental.
- A posible vulneración da normativa europea en materia de medio ambiente e dos regulamentos que establecen os criterios para a implementación do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE.