XV edición de “Na Procura do Abellaruco”

Un periplo desde Manzaneda e Trives ata Vilariño de Conso

Un ano máis repetimos experiencia e intentamos de novo atopar á nosa estrela estival por terras de Ourense. Como sempre con ganas de non defraudar e máis cun punto de presión para os organizadores pois xa na XV edición resulta complexo asegurar a observación do abellaruco e completar un programa atractivo para todo o día.

Pero sabemos que quen a segue, acaba conseguíndoa. E así foi gracias ao traballo previo de motias persoas que adicaron o seu tempo a visitar e definir os putos de interese e o itinerario da xornada.

Así, no día previsto, o sábado 28/06/2025 xuntámonos no pobo de Manzaneda e, unha vez agrupados e organizados os vehículos, empezou o programa coa localización das aves por unha ampla zona a distancia suficiente da súa área de nidificación, para molestar o menos posible ás aves. Os ocupantes dos primeiros vehículos tiveron ocasión de ver as aves pousadas nas puntas das árbores secas e nalgún cable antes de chegar ao punto de aparcamento, desde o cal se desplegou o dispositivo de observación e ali todos puidemos ollar ao lonxe dous abellarucos pousados nunha liña eléctrica.

Despois, aposentados os observadores na beira da estrada, os abellarucos sobrevoaron en varias ocasións ao grupo coas sus acrobacias e vóos rápidos probablemente tratanto de capturar algún insecto e ¿quen sabe? tratando de comprobar as “intencións” deste numeroso grupo de humanos.

Cós deberes feitos un ano máis, partimos cara a Trives para visitar o Museo da Escola e da Infancia instalado no antigo colexio de Santa Leonor; o museo recolle unha extensa colección de material escolar recompilado polo mestre Julio Vázquez, material moi diverso e ata sorprendente polo contido de moitos dos documentos alí recollidos que reflicten a nosa historia e a historia escolar recente. Hai que ter en conta que o Museo está pechado ao público por eso, desde estas líñas, queremos agradecer o traballo das personas que fixeron posible a visita e ao Concello pola súa boa disposición e facilidades para desenvolvela.

Cando se está por esta zona entre Trives e Manzaneda é pouco menos que obligatorio visitar ó avó dos castiñeiros: o castiñeiro de Pumbariños ubicado no souto de Rozabales, unha árbore incluida no catálogo de árbores senlleiras de Galícia (Decreto 67/2007, de 22 de marzo da Xunta de Galícia). O castiñeiro de Pumbariños está considerado como un dos castiñeiros de maior circunferencia de Galicia con preto de 14 metros. A árbore é impresionante e amosa os avatares da súa longa existencia e danos significativos que levaron a desenvolver tratamentos de cirurxía arbórea e outras intervencións para tratar de axudar á súa pervivencia, incluíndo un valado perimetral para disuadir aos visitantes de achegarse ata o pé da árbore e mesmo de trepar ás súa polas. O castiñeiro está rodeado por outros bós exemplares moito máis novos pero tamén de bó porte e aspecto vigoroso entre os que voaban diversas especies de aves como a Pica das árbores que facía os seus típicos vôos nupciais.

Despois de disfrutar desta zona, foise achegando a hora do xantar que nesta ocasión celebramos en Vilariño de Conso, ali tivemos ocasión de descansar e facer unha sobremesa para comentar distintos temas: organizar o clube de lectura, falar de aves, expor algúns proxectos … e inevitablemente falar da Limia.

Pasadas as horas máis quentes, na parte final da xornada fomos visitar o recentemente restaurado foxo do lobo de Chaguazoso situado augas abaixo da presa do encoro do Cenza. O Foxo do Lobo de Chaguazoso destaca tanto pola súa ubicación nun val como por ser un dos tres foxos en forma de cruz existentes na Península Ibérica. Xa no foxo houbo ocasión para falar da construcción do encoro e, sobre todo para falar do lobo que segue a estar no punto de mira.

Có lobo como punto de interese pechouse esta xornada na que seguimos afondando tanto no coñecemento de especies e espacios da nosa provincia como compartindo coñecementos e preocupacións por este noso entorno tan rico e diverso.

E non queda nada máis que agradecer a presencia e o comportamento de todos os participantes e, moi especialmente, o profundo recoñecemento a aquelas persoas que quitando parte do seu tempo, fixeron posible que disfrutaramos desta magnífica xornada.

E xa estamos na preparación da XVI edición de “Na procura do abellaruco”. Vémonos o ano que ven. Preme aquí para ver a listaxe de especies observadas durante a xornada.

  • Divulga ti tamén!