Defensa de Monte Chá en (Brión) e Leixa, rexeitando a construcción de polígonos industrias nestes lugares

POR UNHA VERDADEIRA ORDENACIÓN TERRITORIAL, CONTRA O CONSUMISMO DO SOLO E EN PROL DO SEU USO SOCIAL

As organizacións e persoas abaixo asinantes, ante o Proxecto de creación de dous Parques industriais no Concello de Ferrol, queren manifestar que o solo é un ben precioso, escaso e susceptible dunha ordenación racional. Polo que antes de deixar un impacto irreversible sobre unhas zonas que contan cun valor ambiental, paisaxístico e patrimonial resulta necesario o desenvolvemento de estudios económicos, sociais, ambientais e patrimonlais que determinen a oportunidade e a idoneidade de ocupación dos espacios de Leixa e Brión, lugares onde se pretenden localizar os devanditos parques.

Na nosa bisbarra, e mesmo no Concello de Ferrol, xa existen outros espacios dedicados a solo industrial, que non están ocupados ó 100%, mellor situados e dotados dos servicios que precisan. Polo que, falando en termos económicos, os seus custes son moito menores dos que serán necesarios para a creación da Plataforma Loxística de Brión. Aproveitando a existencia destes Polígonos, algúns deles moi próximos entre si, convidamos á Mancomunidade de Concellos de Ferrolterra a que abandonen visións localistas e aposten con forza pola creación dun único Polígono Industrial que cubra as demandas deste tipo de solo por moitos anos, dando así un exemplo de solidariedade, de conciencia ambiental e de saber facer no eido da ordenación territorial.

Os seres humanos para realizarnos non só precisamos lugares onde traballar, onde poñer o mellor de nós ó servicio da sociedade, lugares onde nos sintamos productivos. Tamén necesitamos lugares que nos fagan lembrar a nosa Historia, lugares onde pasar o noso tempo de lecer, onde evadirnos das nosas rutinas, en contado coa Natureza. Por iso, reclamamos un uso recreativo dos Montes de Brión consonte cos criterios de preservación ambiental.

Reclamamos tamén que se aclare definitivamente a titularidade dos terreos de Monte Chá. Terreos reclamados como propios tanto polo Concello de Ferrol como por particulares.

Asemade, consideramos necesario a implantación de políticas forestais que devolvan ó monte os seus usos tradicionais. O monte pode ser economicamente explotado con actividades ecoloxicamente sostibíes.

Polo antedito, as organizacións e persoas asinantes manifestamos o noso rexeitamento ós Proxectos do Parque Industrial de Leixa e da Plataforma Loxística de Brión.

Ferrol a 3 de novembro de 2004

COMISIÓN POLA DEFENSA NATURAL E PATRIMONIAL DOS MONTES DE BRIÓN E LEIXA integrada por ADEGA-Trasancos, Club Montaña Ferrol, EU-IU, NÓS-UP, SGHN-Ferrol, Veciñ@s e Propietari@s de Brión.