Alegacións ó asentamento industrial ENCE

Planta de ENCE na ría de Pontevedra

O pasado 27 de outubro a S.G.H.N. presentou unha serie de alegacións ó ESTUDIO DE IMPACTO AMBIENTAL DO PROXECTO SECTORIAL PARA O ASENTAMENTO INDUSTRIAL DE LOURIZAN (Pontevedra) DO GRUPO EMPRESARIAL ENCE, S.A recollido no expediente 2003/0205.

Transcribimos un extracto amplio do escrito presentado á Consellería de Medio Ambiente sobre este proxecto e da análise expostas pola S.G.H.N.

O proxecto pretende racionaliza-lo uso das instalacións da actual fábrica de celulosa co proxecto da fábrica de Tisú e a nova planta de tratamento de vertidos, facendo común parte da obra civil e sistemas de xestión.

A ubicación da fábrica de tisú neste área, implicaría a consolidación dunha empresa que hipotecou o desenvolvemento económico do sector marisqueiro local, así como o turístico, ó eliminar un área de praias como Lourizán-Praceres.

O asentamento da poboación de Marín e Pontevedra está cercenado nesta área, ó impedi-la actual ubicación do complexo industrial a evolución e unión dos núcleos de poboación de Marín e Pontevedra, tanto pola ubicación física como polas molestias, especialmente polas desagradables emisións olorosas que emite esta industria e que incluso constituen un referente social para que se achega a Pontevedra e Marín.

O proxecto indica que se respectará a lexislación vixente. A S.G.H.N. entende que este cumprimento non é unha actitude que se poida presentar como voluntaria, xa que é de obrigado cumprimento para esta e calisquer outra industria con estas características.

A actual industria provocou e mantén unha situación de contaminación permanente na ría, o que limita actualmente a producción marisqueira, reduce a calidade das augas e polo tanto de sustentación das cadeas tróficas na súa área de influencia.

Neste senso, entre os estudios que centran o seu obxectivo nos efectos dos vertidos industriais do complexo ENCE-ELNOSA instalado na ría de Pontevedra compre destacar, entre os que se centran no bentos intermareal rochoso, o levado a cabo polo Instituto de Investigacións Pesqueiras (CSIC) de Vigo a cargo de Niell (1.974). Neste estudio se describen as alteracións atopadas na zonación do fito e o zoobentos na área afectada polo vertido da fábrica de pasta de papel, en comparación coa zonación atopada na ría de Vigo. Ademais destas variacións, tamén se describen certas anormalidades como: diminución de biomasa, menor diversidade, rasgos anormais no tocante a edade, crecemento e morfoloxía das poboacións estudiadas e presencia de organismos indicadores de contaminación.

No que atinxe á contaminación de animais bentónicos na ría de Pontevedra, o Instituto Español de Oceanografía publicou, entre outros, os resultados obtidos por Aravio e Masso (1.975) os resultados acadados no estudio do contido en mercurio dos moluscos desta ría, fruto dun traballo no que “se trata de determinar la contaminación en mercurio (…) en relación con el emplazamiento de la fábrica de pasta de papel Kraft, Celulosa de Pontevedra, S.A.”. Entre as conclusións deste estudio se sinala que “en toda la ría de Pontevedra se aprecia la acumulación de mercurio en estos moluscos (almeixas, berberechos e mexillóns), pues aun en los lugares más alejados de la fábrica el contenido en mercurio es claramente superior al que tienen los mismos en las rías de Arousa y Muros”.

Tocante á acumulación de metais pesados nos sedimentos, Rubio et al (1.995) sinalan un enriquecemento en Pb, Cu e Zn “hacia la cabecera de la ría, reflejando la influencia de los vertidos industriales.” ó mesmo tempo que reflicten a non contaminación por Ni, Co e Cr. Entre os vertidos industriais, este mesmo traballo cita a ENCE e ELNOSA (comparten un mesmo punto de vertido) ó E de Marín e a TAFISA augas arriba de Pontevedra no esteiro do Lérez.

Polo que respecta ó medio físico, o contido en osíxeno na auga de mar na enseada de Lourizán, onde se produce o vertido de ENCE-ELNOSA amosa unha situación crítica, con niveis que chegan a un 7,4% de saturación normalmente aliviados por efecto das mareas ESCORP-Fase I, 1.980 en Mora et al. (1.989). Neste mesmo traballo se citan múltiples estudios sobre o contido en materia orgánica, que alcanza as maiores concentracións no interior da ría con valores elevadísimos e que chegan a acadar o 20%. Neste e sucesivos traballos, (Planas e Mora, 1.988 e 1.989 entre outros) demóstrase influencia da contaminación orgánica nas proximidades do vertido de ENCE-ELNOSA nos diferentes aspectos cualitativos, cuantitativos e tróficos das poboacións do macrozoobentos tanto intermareal como submareal. Así, pode comprobarse a ampla presencia de especies indicadoras de contaminación que aumenta cara ó vertido, a variación espacial da densidade, riqueza específica, diversidade e equitatividade, entre outros parámetros.

(Niell, X. 1974. Efectos de los vertidos industriales de una fábrica de pasta de papel sobre la estructura del sistema intermareal (facies rocosa). Las Ciencias, 39(5) ; Aravio, J. & Masso, C. 1975. El contenido en mercurio de los moluscos en la Ría de Pontevedra como medida de su grado de contaminación en dicho metal. Bol. Inst. Esp. Oceanogr., 191: 3-16.; Rubio, B.; Nombela, M.A.; Vilas, F.; Alejo; I.; García-Gil, S.; García-Gil, E. e Pazos, O. 1995. Distribución y Enriquecimiento de metales pesados en saedimentos actuales de la parte interna de la ría de Pontevedra. Thalassas, 11: 35-45. ; Mora, J., Planas, M. & Silva, R. 1989. Impacto de la contaminación orgánica en la ensenada de Lourizán (Proyecto Escorp). I.- El medio físico y la macrofauna bentónica. Cah. Biol. Mar., 30: 181-199. ; Planas, M. & Mora, J. 1988. Impacto de la contaminación orgánica en la ensenada de Lourizán (Proyecto Escorp.). III.- Aspectos cuantitativos de la dinamica poblacional del macrobentos. Thalassas, 6: 15-22. ;Planas, M. & Mora, J. 1989. Impacto de la contaminación orgánica en la Ensenada de Lourizán (Proyecto Escorp). IV.- Estructura trófica del macrozoobentos. Thalassas, 7: 39-47.)

O impacto na ría veuse reducido coa aplicación de novos sistemas de depuración, pero é suliñable que este complexo industrial accedeu a mellorar os sistemas de depuración de efluentes baixo a presión social.

A S.G.H.N. considera improcedente o actual proxecto na ubicación de Lourizán e plantexa o traslado da ubicación a un polígono industrial, con capacidade para desenvolve-lo conxunto industrial de ENCE, S.A., a fábrica de Tisú, e aínda que non contemplado no proxecto, de ELNOSA, co seus axeitados dispositivos de minimización de emisións e depuración dos mesmos.

Hai que ter en conta que a actual ubicación e consolidación do Complexo Industrial, aparte dos factores contaminantes (visual, físico e do aire), hipoteca o desenvolvemento urbanístico entre Pontevedra e Marín, e á industria turística, tan defendida noutras ocasións. A remolición dos sedimentos non beneficia en nada ó sector marisqueiro e a día de hoxe supón unha enorme molestía pola emisións olorosas, aínda non suficentemente estudiadas a nivel sanitario.

Outros temas paralelos a este proxecto, pero non menos importantes, foi a actitude da Xunta de Galicia declarando o proxecto de interese Supramunicipal. Podería discutirse se este proxecto merece ou non esta calificación, pero a Xunta de Galicia como propietaria do 10% da futura fábrica de Tisú é arte e parte. Unha segunda actuación é a continua e constante publicidade de ENCE sobre diversas actividades sociais como o apoio económico a varios equipos deportivos (futbol, balonmano), cátedra ENCE na Escola Universitaria de InxeñeirosTécnicos Forestais, etc, que se ben está no seu dereito, resulta opresivo unha continua publicidade de respecto ambiental e preocupación social, que se repite en varias cuñas  de publicidade tódolos días nas radios e destinada a contrarrestar a mala e xustificada prensa desta empresa. Por último, ENCE-ELNOSA está asentada en terreo público, nunha concesión adminitrativa que caducará en 2018, polo que un traslado planificado e paulatino destas dúas empresas (ELNOSA é potencialmente máis perigosa e danina que ENCE) a un polígono industrial debidamente acondicionado, é a solución máis sensata.