1528 palabras para desaugar Antela

Malia que chegou a haber un proxecto de F. Conde-Valvís en 1937 (véxase Conde-Valvís, 1975) e un intento frustrado para conseguir a concesión por parte da empresa “Agrícola de Antela, S.A.” (véxase Zapata Tejedor, 1967), a Lagoa de Antela sobreviviu durante a primeira metade do século XX a pesares das concesións, auxilios, subvencións (ata o 50% do orzamento) e exencións de impostos contemplados pola Ley de 24 de julio de 1918, promulgada por Alfonso XIII sendo Francisco Cambó o Ministro de Fomento, para “calquera Corporación particular ou Empresa domiciliados en España” que promovese “o desecamento e saneamento de lagoas, marismas e terreos pantanosos ou asolagables, sempre que a superficie saneada ou desecada fora superior a 100 hectáreas”.

Cabe deducir que as amplas facilidades oficiais non bastaron para atraer de novo á iniciativa privada a un proxecto para o desaugamento de Antela, seguramente polas dúbidas acerca da rendibilidade económica e a viabilidade do proxecto á vista da serie de intentos fracasados ó longo do século XIX.

Lei de 1956 para o desaugamento de Antela

“Resultando indispensable, polo tanto, a actuación do Estado”, Francisco Franco promulgou a “Ley del 27 de diciembre de 1956 sobre saneamiento y colonización de la laguna de Antela, sita en la provincia de Orense” que encomendou “a conquista para a produción agrícola e gandeira dos terreos da lagoa de Antela” ó Instituto Nacional de Colonización, creado en 1939.

1528 palabras bastaron para acabar coa Lagoa de Antela

A Lei de 1956 para o desougamento de Antela é breve (13 artigos, 113 liñas, 1528 palabras), salienta o interese agrícola e gandeiro da desecación, non fai referencia algunha a problemas de sanidade humana, estima a superficie a desaugar “nunhas 4000 ha” (sobreestimándoa en 750 ha), inclúe erroneamente a Porqueira na lista de concellos ós que pertence Antela, obvia calquera referencia ós valores ambientais e os aproveitamentos económicos tradicionais da lagoa que se perderían e, malia afirmar no seu preámbulo que establece “os preceptos necesarios para resolver o problema nos seus aspectos xurídicos e técnicos”, céntrase nos primeiros e omite os segundos, que se pospoñen ata a delimitación da superficie a desaugar e a elaboración do Plan Xeral de Colonización e do Plan Coordinado de Obras necesarias, a executar polos Ministerios de Obras Públicas e de Agricultura.

Lei de 1956 para o desougamento de Antela
Ley de 27 de diciembre de 1956 sobre saneamiento y colonización de la Laguna de Antela

Planificación teórica das actuacións

A Lei de 1956 para o desaugamento de Antela establecía a seguinte secuencia de actuacións:

  1. Elaboración da proposta de delimitación dos terreos a desaugar nun prazo de dous meses (art. 2).
  2. Un período posterior dun mes para reclamacións polos interesados (art. 3).
  3. Aprobación da proposta definitiva de delimitación dos terreos a desaugar (art. 4).
  4. Redacción do Plan Xeral de Colonización, que incluirá a “Enumeración das obras necesarias para o saneamento e colonización da superficie delimitada” (art. 8).
  5. Aprobación por Decreto do Plan Xeral de Colonización, que establecerá o prazo para elaborar “o Plan Coordinado de Obras necesarias para o saneamento e colonización da superficie delimitada… a) Características construtivas… b) Determinación das que corresponda construír… ó Ministerio de Obras Públicas e ó Instituto Nacional de Colonización, e c) Orde e ritmo a que deberán axustarse os proxectos e execución das obras” (art. 9).

O proxecto de desaugamento de Antela

Un proxecto elaborado en 2 meses!!

Para dar cumprimento á Lei de 1956 para o desaugamento de Antela, en xuño de 1957 o Instituto Nacional de Colonización encargou o proxecto ó Enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos Francisco Zapata Tejedor, quen o realizou no prazo esixido de dous meses. Iso si,  fixo constar expresamente na memoria do proxecto que “pola premura de tempo e o limitado en recoñecementos do solo, a solución proposta era perfectible” e incluíndo unha cita a Terzaghi acerca de que “a boa enxeñería esixe seguir o seguinte procedimento fronte ós problemas hidráulicos de solos: o proxecto execútase fundándose nos resultados dunha investigación, pero tendo o cuidado durante o periodo de construcción e, se é necesario, durante varios anos posteriores se efectúen observacións na obra, para determinar se, e ata qué punto, as condicións reais do solo difiren das supostas” (Zapata Tejedor, 1967).

Do proxecto fíxose eco o opúsculo “Veinte años de paz en el Movimiento Nacional bajo el mando de Franco. Provincia de Orense” (Anónimo, 1959) nos seguintes termos: “Teniendo en cuenta todos los esfuerzos anteriormente realizados, fracasados en general por carencia de elementos, y el enorme interés político, económico y social que representa el rescate de los terrenos que constituyen la Laguna de Antela, el Gobierno del Generalísimo Franco promulgó la llamada «Ley de  la Laguna de Antela» por la que se declaraba de Alto Interés Nacional la zona de la Laguna y se dictaban las normas por las que debía de regirse esta empresa.”

Alternativas consideradas

De acordo co documento “Veinte años de paz en el Movimiento Nacional bajo el mando de Franco. Provincia de Orense” (Anónimo, 1959) e o indicado por Zapata Tejedor (1967), barallouse a posibilidade de desaugar Antela (situada a unha cota de 620 m s.n.m.) transvasando o auga ó río Arnoia (cota 600 m s.n.m.) a través dunha serie de túneles, pero esta alternativa desbotouse polo seu maior custo e porque subtraería ó río Limia os aportes de auga de 162 km2 da bacía na súa cabeceira. Finalmente optouse por un proxecto para desaugar Antela basicamente semellante ó que se levaba tentando executar dende os tempos do Correxidor Toubes (véxase Bedoya, 1831), 130 anos antes.

Fases do proxecto

O proxecto elaborado por Zapata Tejedor constaba de tres fases:

  • 1ª fase. Saneamento e desecación da Lagoa, que contemplaba canalizar o treito inferior do río Limia (cunha canle de 3,5 km de lonxitude e 34 m de largura en soleira) e o Emisario da Lagoa ata o río Limia (cunha canle de máis de 7 km de lonxitude e 17 m de largura en soleira), ademais da construción da rede de canles principais de drenaxe na propia lagoa cunha lonxitude total de 11 km e 4-9 m de largura en soleira.
  • 2ª fase. Transformación en regadío, que contemplaba un encoro na cabeceira do río Arnoia en Riobó, 9 km de canle de transvase dende o río Arnoia ata a chaira de Antela e 42 km de canles de regadío.
  • 3ª fase. Colonización das terras “rescatadas”.
Planta desougamento proxecto 1957
Planta para o desaugamento da Lagoa de Antela segundo o proxecto realizado en 1957 polo enxeñeiro Francisco Zapata Tejedor

Inicio dos traballos

Malia carecerse aínda da delimitación dos terreos a desaugar, do Plan Xeral de Colonización e, polo tanto, do “Plan Coordinado de Obras necesarias para o saneamento e colonización da superficie delimitada” establecidos pola Lei de 1956 para o desaugamento de Antela, os traballos que levaron finalmente á súa desaparición comezaron o 17 de setembro de 1958.

As seguintes imaxes, reproducidas do libro Martínez Carneiro, X.L. (1997) Antela, a memoria asolagada, por cortesía de Edicións Xerais, amosan diversas fases da execución do proxecto elaborado para dar cumprimento á Lei de 1956 para o desaugamento de Antela.

1962: remata o desaugamento

As obras de desaugamento avanzaron ata acadar en maio de 1962 o inicio do desaugamento definitivo de Antela (se ben os traballos de encanamento aínda estaban “case rematados” en 1963 segundo Zapata Tejedor, 1967). Mentres, os tres meses previstos para delimitar os terreos a desaugar convertéronse en case seis anos, ata que o Decreto 2336/1962, de 20 de setembro, aprobou a delimitación definitiva e fixou a superficie de Antela en 3243,76 ha:

  • 54,44 ha de propiedade particular.
  • 2161,33 ha de propiedade particular e comunais “pero suxeitos a expropiación de acordo co artigo sétimo da Lei Especial da Lagoa”.
  • 1027,97 ha de dominio público.

No seu artigo 3, o Decreto 2336/1962 reitera que “polo Instituto Nacional de Colonización se redactará o Plan Xeral de Colonización ó que se refire o artigo octavo da mencionada Lei Especial da Lagoa de Antela”.

Nova sobre a finalización da canle de drenaxe de Antela
Nova sobre o remate das obras de canalización do emisario de Antela e comezo do desaugamento da lagoa, publicado no xornal catalán La Vanguardia o 11-05-1962

Ao admitir que se realizaran obras sen estar aprobado, polo Consello de Ministros, o Plan Xeral de Colonización, este Decreto recoñece implicitamente o incumprimento da Lei de 1956 para o desaugamento de Antela.

Orzamentos previstos

FaseConceptoOrzamento(1)Importe actualizado(2)
1ª. Saneamento e desecación (3) Encanamento río Limia e emisario de Antela. Canles drenes principais 36.300.745,99 pts
8.233.338,52 €
2ª. Transformación en regadío Encoro de Riobó** 86.326.385,54 pts 19.579.607,42 €
Canles principais** 39.703.445,59 pts
9.005.101,66 €
Redes de acequias, desaugues e camiños*
127.400.000,00 pts
28.895.475,82 €
Expropiacións(4) 13.000.000,00 pts
2.948.517,94 €
3ª. Colonización terras(5) Sistematización de terras(6) 12.000.000 pts
2.721.708,87 €
Núcleos rurais**(7) 15.000.000 pts
3.402.136,09 €
Mobiliario vivo e maquinaria
60.000.000 pts
13.608.544,34 €
Obras complementarias zona regable(8)
45.500.000 pts
10.319.812,79 €
Total 435.228.618,12 pts
10.319.812,79 €
* Esta obra variouse respecto ó plan inicial: non se construíu a rede de acequias, pero si estacións de bombeo na canle-dren principal.
 ** Esta obra non chegou a executarse.
  1. Fonte: Veinte años de paz en el Movimiento Nacional bajo el mando de Franco. Provincia de Orense” (Anónimo, 1959).
  2. Criterio: “actualización de rentas co IPC xeral para periodos anuais completos” (http://www.ine.es/calcula/).
  3. Indica que “debe preverse a posibilidade de que o custo real alcance a cifra duns 40 millóns de pesetas”.
  4. Malia non indicalo, seguramente unha parte era para os afectados pola inundación das súas propiedades polo encoro de Riobó.
  5. Indica que “aínda non se formulou un orzamento ó respecto, pero pode realizarse gracias á experiencia de moitas outras zonas”.
  6. Cálculo para 3000 ha a 4000 pts/ha.
  7. Malia non indicalo, seguramente era para reacoller ós desprazados pola construción do encoro de Riobó.
  8. Cálculo para 9100 ha a 5000 pts/ha.

Investimentos finais (parcial)

De momento, só están recompilados os investimentos finais para a 1ª fase (Saneamento e desecación).

ConceptoAnosInvestimento realImporte actualizado(1)
Encanamento río Limia e emisario de Antela. Canles drenes principais 1958-59(2) 24.000.000,00 pts 5.443.417,74 €
1960(3) 11.999.999,23 pts 2.483.379,18 €
1961(4) 11.999.999,06 pts 2.460.338,22 €
1961(5)
11.999.999,45 pts 2.460.338,30 €
Redes secundarias de desaugues 1964(6)
12.282.873,59 pts 2.126.250,47 €
Total 72.282.871,33 pts 14.973.717,90 €
  1. Criterio: “actualización de rendas co IPC xeral para períodos anuais completos” (http://www.ine.es/calcula)
  2. Cantidade, pendente de confirmación, estimada considerando un ritmo constante de investimento nos 5 anos de duración destas obras (1958-1963) e que nos tres últimos anos investíronse polo menos 36 millóns de pesetas.
  3. Decreto 1071/1960, de 2 de xuño.
  4. Decreto 266/1961, de 16 de febreiro.
  5. Decreto 1671/1961, de 6 de setembro.
  6. Resolución do Instituto Nacional de Colonización, de 5 de marzo.

Descontando o importe das obras non executadas (encoro, canles de rega, expropiación e núcleos rurais), o orzamento contemplado polo proxecto de desaugamento e colonización das 3243,7 ha de terras “rescatadas para o cultivo” ascendería a 281.198.787 pts do ano 1958. Mesmo sen considerar que ese orzamento, como os prazos de execución, sufriu o habitual desvío ó alza característico das grandes obras públicas e tendo en conta que entre 1958 e 2009 as rendas multiplicáronse por 37,8 de acordo coa “actualización de rendas co IPC xeral para períodos anuais completos” (Instituto Nacional de Estadística, http://www.ine.es/calcula), o investimento público a prezos actuais sería cando menos de 63.774.609 €, é dicir, polo menos 19.661 €/ha.

Artigo en La Vanguardia (18-09-1968) sobrecostes desecación
Artigo sobre os erros e desvíos orzamentarios “siderais” do proxecto de desaugamento de Antela publicado no xornal catalán La Vanguardia o 18-09-1968, xusto dez años e un día despois do comezo das obras.

Transformación agrícola da Antela desaugada

As obras de transformación agrícola de Antela, que comezara o Instituto Nacional de Colonización, continuounas o Instituto Nacional para la Reforma y Desarrollo Agrario (IRYDA, creado pola Lei 35/1971 de 21 de xullo) que aplicou nas terras “rescatadas para o cultivo” as transformacións “a expensas do Estado” previstas na Ley de Reforma y Desarrollo Agrario, promulgada polo Decreto 118/1973, de 12 de xaneiro.

“Art. 5. 1. O Goberno poderá encomendar ó Instituto (IRYDA), en zonas ou bisbarras que se determinarán por Decreto, as seguintes actuacións:

  1. a) Transformación económico-social, por razóns de interese nacional, de grandes zonas, mediante a realización das obras que requira o mellor aproveitamento das terras e as augas, e a creación de novas explotacións agrarias.
  2. b) Ordenación das explotacións agrarias para que acaden as dimensións suficientes e axeitadas características socio-económicas.
  3. c) Establecemento de Plans de Mellora para bisbarras deprimidas.
    Anos despois de que o IRYDA outorgase concesións provisorias ós agricultores beneficiados, en 1991 a Xunta de Galicia rematou o proceso de “rescatar para o cultivo” as terras da Lagoa de Antela ó adxudicar en propiedade as leiras, vendéndoas ós agricultores concesionarios a un prezo de 43.066 pts/ha a pagar en 15 anos, no canto dos 10 anos establecidos como máximo polo artigo 10 da “Lei Especial da Lagoa de Antela”. Tendo en conta que entre 1991 e 2009 o IPC acumulado é dun 82,8% (Instituto Nacional de Estadística,
    http://www.ine.es/calcula) a devandita cantidade equivalería na actualidade a 472,35 €/ha, é dicir, un 2,40% dos fondos públicos investidos.
  4. d) Concentración parcelaria.”
Cartel IRYDA Lagoa de Antela
Cartel do IRYDA ao carón do Emisario de Antela no cruce coa N-525

A Xunta privatiza a lagoa desaugada no franquismo

Anos despois de que o IRYDA outorgase concesións provisorias ós agricultores beneficiados, en 1991 a Xunta de Galicia rematou o proceso de “rescatar para o cultivo” as terras da Lagoa de Antela ó adxudicar en propiedade as leiras, vendéndoas ós agricultores concesionarios a un prezo de 43.066 pts/ha a pagar en 15 anos, no canto dos 10 anos establecidos como máximo polo artigo 10 da “Lei Especial da Lagoa de Antela”. Tendo en conta que entre 1991 e 2009 o IPC acumulado é dun 82,8% (Instituto Nacional de Estadística, http://www.ine.es/calcula) a devandita cantidade equivalería na actualidade a 472,35 €/ha, é dicir, un 2,40% dos fondos públicos investidos.