Desougamentos da Lagoa de Antela

Un desougamento romano da Lagoa de Antela?

As investigaciones máis recentes non atoparon probas documentais de que realmente tivera habido un desougamento romano de Antela. Sen embargo, de acordo con Rivas (1985) o primeiro dos numerosos proxectos e intentos para o desougamento da Lagoa de Antela dos que se ten noticia dataría do primeiro tercio do século II, baixo o mandato do Emperador Adriano, quizais coincidindo cunha pequena era de precipitacións inferiores ás actuais. A canle principal aberta tería dous brazos perto de Vilar de Barrio, para recoller tódalas augas da cabeceira. Logo, nos seus 27 km de lonxitude ata Ponte Liñares, recibiría varias canles secundarias que, dende as beiras da Lagoa, levaría as augas dos pequenos regatos ata a canle principal que tiña 17 m de largura e 1,5 de fondo (Conde-Valvís, 1975).

Tras o suposto desougamento romano de Antela, a explotación agrícola tería sido moi rendible. De feito, á Limia teríaselle chamar “o graneiro de Galicia” e “Palla Aurea”. Pero, a partires dunha época non precisada, “o caso é que o Bión volveu ó seu, todo se alagou outra vez e o único que ficaba era algún resto das tumias que enmarcaran a canle” (Rivas, 1985).

E se o houbo porque fracasou?

Como ben salientou S. González (en Martínez Carneiro, 1997), “non só descoñecemos o momento en que aconteceu o devandito, senón tamén as súas causas. Curiosamente, ningunha das persoas que ó longo dos séculos propuxeron desougar de novo Antela pareceu plantexarse os motivos deste primeiro fracaso, a pesares do seu trascendental interese”. Coa perspectiva e os coñecementos actuais iste autor plantexou dúas hipóteses contrapostas:

  • O deterioro das drenaxes reduciu, ou anulou, a súa eficacia e provocou o asolagamentoe abandono das terras de cultivo. Pero, si estas terras eran (aínda) tan produtivas, como uns agricultores ou propietarios prósperos deixaron arruinar as drenaxes que lles garantían a súa riqueza?
  • Tras un período de froitífera explotación agrícola, o rendemento das terras desecadas tería diminuido ao esgotarse a súa fertilidade. A menor rendibilidade agrícola levaría ó seu progresivo abandono e faría insostible o mantemento das canles de drenaxe, provocando a súa ruina e o novo asolagamento de Antela.

De ter existido un desougamento romano da Lagoa de Antela, hai varios argumentos a prol desta segunda hipótese. A exuberancia vexetal e a elevada produtividade das zonas húmidas depende precisamente das súas peculiares características:

  • presencia de auga,
  • escasa fondura da lámina de auga que permite a actividade fotosintética,
  • acopios de elementos minerais producidos polo arrastre e
  • interfase terra-auga.

Por iso, a drenaxe dos humidais permite tan só unha explotación agrícola durante un período máis ou menos breve. Ademais, a explotación agrícola de Antela tiña e ten severas limitacións:

  • Climatolóxicas, polo déficit hídrico estival e o reducido período libre de xeadas (123 días, do 26 de maio ao 26 de setembro) pois en promedio xea 133 días ao ano (Carballeira et al. 1983).
  • Edafolóxicas, pois os solos son ácedos, moi areosos, de débil estructura e pouco fértiles (Díaz-Fierros e Gil-Sotres, 1984).
Bidueiros xeados na Limia.

Intentos de desougamento da Lagoa de Antela nos séculos XVIII e XIX

Ó longo dos séculos a imaxe da Limia foi para moitos a que reflictiu o Canónigo Cardenal da catedral de Ourense Juan Manuel Bedoya (1831): “A natureza deu á Limia todos os elementos para a súa riqueza e benestar… un solo pingüe e fértil, un temple morno e saudable… tantas vantaxes naturais reclaman altamente os auxilios da arte para remover o único obstáculo que hai séculos oponse á súa opulencia. Éste é o grande e pestilente charco da lagoa Antela, enemigo declarado da industria agrícola, da granxería pecuaria e da mesma humanidade… despiden vapores fétidos e mortíferos que vician o ambiente… inmundo, inútil e nocivo charco, xermen de podremia e mortandade… ha de ser tan adversa a sorte da Limia, que lle estéa pechado para sempre o paso ós campos da súa felicidade pola triste auga de esa lagoa aborrecida?” 

Consecuencia desta mentalidade os intentos para o desougamento da Lagoa de Antela xurdiron periódicamente.

Real Academia de Agricultura (1765)

Por iniciativa de Cornide, o 03-02-1765 a Real Academia de Agricultura de A Coruña analiza a posibilidade de desougar Antela con fins agrícolas (Martínez Barbeito, 1959). Lamentablemente perdeuse a documentación ó respecto.

O Correxidor Juan Toubes (1827-1835)

Juan Toubes, Correxidor de Xinzo de Limia dende 1825 e representado por Domingo Rodríguez Nieto, obtivo unha “real orde de 3 de Marzo de 1827 comunicada polo Excmo. Sr. Secretario do despacho de Estado ó intendente xeneral deste reino de Galicia,… para que fixese levantar o plano e calcular o custo das obras necesarias con todo o demáis que considerase conveniente” (Bedoya, 1831).

O proxecto

Bedoya, gran defensor da iniciativa de Toubes para o desougamento da Lagoa de Antela, indica que o seu proxecto consiste básicamente en “rachar e humillar a forza de brazos e barrenos” o penedal de Ponteliñares que actúa como “unha presa natural composta dunha gran masa de penas que obriga a retrogradar e rebalsarse a auga” e en “abrir unha nova nai ó río” cunha canle de “23666 varas ó longo… 16 varas de largo no cauce con 8 pés de profundidade” para os que estima precisos 37187 e 29582 xornais, respectivamente. O custo estimado da obra era de “428225 reais de vellón”.

Ao longo do texto Bedoya (1831) refirese á vara castelá (0,8359 m) e ó pé de Burgos (0,2783 m). Polo tanto, a canle proxectada tiña 19,8 km de lonxitude, 13,37 m de largura e 2,23 m de profundidade. A construción da canle suporía, un movemento de terras de 590000 m3 que, para realizarse cos 29582 xornais previstos, implicaría a remoción de case 20 m3 de terra por cada xornal (sen medios mecánicos).

O financiamento

En canto a cómo financiar o proxecto, Bedoya (1831) laiase de que “Noutros países máis exercitados en especulacións mercantís sobrarían capitalistas que combinando o seu propio interese co do público se prestasen a facer da súa conta este importantísimo servicio. Mais no noso escasean os xenios especuladores, e non abondan os capitais”. E engade “…fora ineficaz, inhumano e impolítico propoñer nin tomar en boca un reparto veciñal ou o recargo de imposicións sobre certas especies de consumo… Menos se pode solicitar e esperar que o erario anticipe estes caudais…”.

Por istes motivos Bedoya confíase no apoio dos bispos de Canarias e Jaca (oriundos de A Limia) e “outros amigos do país colocados en diferentes destinos brillantes” entre eles “o Excmo. Sr. Comisario xeneral de Cruzada D. Manuel Fernández Varela”. O financiamento completaríase coa contribución de xornais que “suscribiron os párrocos e outros propietarios”.

Un éxito parcial?

De acordo con Rico Boquete (2008), co cese de Toubes en 1835 paralizouse a obra que, malia que con menor intensidade que a descrita por Toubes (nunha carta chegou a afirmar que “non quedou unha gota de auga na tal lagoa”), deixou sentir os seus efectos, alomenos nos momentos iniciais. As obras promovidas por Toubes, aínda que inconclusas, tamén orixinaron os primeiros descontentos polas consecuencias negativas da desecación, o que hoxe chamaríamos deseconomías externas, pois conseguiron que “a auga corra libremente arrastrando nas enchentes a area ata o punto de ir cegando os pozos e cavidades… onde antes facían moita pesca” (Madoz, 1845).

Ademáis, Rico Boquete (2008) sinala que, con data 26-03-1848, José Pinal (vecino de Partovía, O Carballiño), “elevou unha instancia ó Goberno político da provincia denunciando os perxuicios que acarreou a desecación dunha porción da lagoa… pola destrucción do criadeiro das mellores sambesugas que a España posuía”.

Lagoa de Antela segundo Fontán (1845)
Lagoa de Antela segundo Fontán

Justo Pelayo Cuesta (1850)

“Considerando os informes favorables do concello de Xinzo de Limia e da Xunta de Agricultura, unha Real Orde do Ministerio de Comercio, Instrucción e Obras Públicas, de 26 de decembro de 1848, prescribía efectuar o recoñecemento da lagoa e a posterior formación do presuposto necesario para o seu desougamento, propoñendo os medios para levalo a cabo e acudindo, se fora necesario, ó auxilio da empresa particular, recompensando os adiantos co recoñecemento de concesións perpetuas ou temporais” (Rico Boquete, 2008).

Neste contexto, Pelayo Cuesta dirixiu unha instancia á reina o 14-05-1850 plantexando o desougamento da Lagoa de Antela como unha obra técnicamente fácil e ofrecéndose a asumir todo o custo da empresa a cambio da “concesión de todo o terreo que actualmente ocupa a Lagoa de Antela e que logo quedará en seco… co goce das exencións e privilexios que son inherentes polas leis de cultivo de terreos novos” (en Rico Boquete, 2008). Por Real Orden de 17-06-1850, Pelayo Cuesta recibiu autorización provisoria para o desougamento. Ao incumprir moi amplamente o prazo para depositar a fianza, o Consello Real declarou caducada a concesión desestimando o intento de Liberto Malagamba para facerse con ela (véxase Rico Boquete, 2008).

Aínda que fracasada, a iniciativa de Pelayo Cuesta, quen logo chegou a ser Ministro de Facenda (11-01-1883 a 14-10-1883) e Presidente do Consello de Estado (26-01-1886 a 27-11-1887), pode considerarse un éxito algo tardío do folleto de Bedoya (1831), que finalmente atraeu cara ó proxecto de desougamento de Antela ós “xenios especuladores”, dos cales Justo Pelayo Cuesta só sería o primeiro. Tamén sería o primeiro en intentar atraer socios extranxeiros para a empresa, pois Rico Boquete (2008) sinala que contactou con outros “homes de negocios, os Sres. Partington e Edwards”.

Os irmáns Mugártegui e Toribio Iscar (1854-1874)

Cunha instancia presentada o 25-02-1854, os irmáns Román e Francisco Javier Mugártegui Parga solicitaron a concesión para “desougar a lagoa Antela e parte do río Limia” con “un proxecto moi elaborado e argumentado que incluía plano topográfico, presuposto, plano das obras e memoria descritiva” (Rico Boquete, 2008).

Este autor sinala que, no preceptivo periodo de 20 días para exposición pública e presentación de alegacións, o 27-03-1854 rexistrouse a entrada dun escrito “asinado por máis de trescentos cabezas de familia” dos concellos afectados polo proxecto, que “contaba co apoio e a rúbrica dos sacerdotes das diversas parroquias”, e no que manifestaban a oposición á obra e solicitaban a denegación do permiso, sobre todo pola perda dos pasteiros (“máis produce o terreo en prados que non investido en cultivo, por dar máis utilidade a gandería como a experiencia demostra”) e os cambios na propiedade da terra (“uns poucos serían os donos absolutos e todos os outros meros arrendatarios”).

A resolución do expediente dos irmáns Mugártegui demorouse por mor da inestabilidade política. Mentres tanto, os veciños mercaron alomenos 3200 ha de terreos colindantes coa lagoa postos á venta polo Estado. Ao mesmo tempo sucedíanse os intentos por facerse coa concesión dirixindo instancias ao ministro de Fomento (Rico Boquete, 2008):

  • William Partington e José Joaquín Figueras (13-11-1863).
  • Toribio Íscar (04-1864).
  • Juan Sabugo (13-06-1864).
  • Juan Sabugo e Victoriano Moro (16-07-1864).
  • Victoriano Moro (15-08-1864).

Só Iscar presentara un auténtico proxecto que “foi informado favorablemente polos diferentes organismos administrativos” (Rico Boquete, 2008). A instancias da Administración, os Mugártegui abandoaron a súa oposición a colaborar con Íscar, creando unha empresa conxunta.

Os argumentos para o desougamento da Lagoa de Antela

Para tentar vencer a oposición veciñal ao proxecto de desougamento F. Mugártegui (1866) publicou o folleto “A empresa para o desougamento e saneamento da lagoa Antela, ós pobos de A Limia” co que pretendía “desfacer, en canto sexa dable e posible, a atmósfera que pretende crearse contra o máis importante pensamento agrícola, e industrial, que pode realizarse hoxe nesta provincia”. No folleto, baseado moi amplamente no de Bedoya (que inclúe como anexo), Mugártegui emprega argumentos de:

  • Salubridade pública. Para iso inserta nas páxs. 8-9 un longo parágrafo entrecomiñado de Bedoya que non se corresponde exactamente co orixinal (páx. 16 deste) pois, á longa lista de males e enfermidades que Bedoya achacaba á lagoa (hidropesía, asma, gota, parálisis, reuma e fiebres pútridas), engade unha nova: “o bocio que inutiliza para o servicio militar a tantos xóvenes”. Inclúe tamén unha referencia á “máis plena e cumprida aprobación científica no expediente de salubridade pública instruido neste Goberno de Provincia no ano de 1864 a petición do Señor D. José Joaquín Figueras” (quen solicitara as concesións para desougar as lagoas de Antela, Gallocanta e Fuentedepiedra, e obtivera a das dúas últimas).
  • Incremento da producción gandeira. Pero, alegando “que non somos investigadores nin axentes da administración”, ó comparala coa existente elude valorar “o precio medio desta riqueza”, aínda que asegura que destinándolle 1100 ha desougadas (e as restrebes das cultivadas) podería duplicarse o seu número e valor.
  • Notable incremento da producción agrícola. Contemplaba adicar 1650 ha ó cultivo de trigo e centeo e outras tantas ó de millo pois “a comarca chamada Limia” é “feraz”, “fertilísima” e “de prodixiosa feracidade”.
  • Beneficios para o Tesoro Público. Obteríanse polo “aumento da riqueza pública, polo aumento de imposto” ó incrementarse a produción agrogandeira.
Concesión oficial para o desougamento da Lagoa de Antela

Finalmente, cun Real Decreto de 15-04-1868, os Mugártegui e Íscar obteñen a concesión para desougar o que eles consideraban Antela. Tratábase dunha ampla superficie de 5870 ha que incluía o vaso da lagoa propiamente dito e tamén as chairas de asolagamento dos ríos Limia, Fírbeda, emisario de Antela e Vidueiro nos concellos de Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Xinzo de Limia e Porqueira (Mugártegui Parga, 1866).

Lagoa de Antela e A Limia (Íscar, 1866)
Mapa da Lagoa de Antela e A Limia segundo Íscar (1866)

As condicións da concesión (Real Decreto de 15-04-1868) poden considerarse moi favorables para a empresa:

  • Cesión do 5% das terras desougadas para explotación agrícola e gandeira polos pobos veciños.
  • Obtención da propiedade do 95% das terras.
  • Preferencia para o aproveitamento das augas da lagoa que puideran derivarse das obras.
  • Construción dunha granxa-escola dotada con 10 ha de terreos saneado.
  • Depositar o 1% do orzamento do proxecto como garantía.
  • Comezar as obras no prazo dun ano e rematalas noutros catro.
Magnitude do desougamento da Lagoa de Antela respecto a outros humidais españoles

Segundo o anuncio da Dirección Xeral de Obras Públicas das “concesións otorgadas polo Ministerio de Fomento dende a lei de 3 de agosto de 1866 para o saneamento, desougamento e aproveitamento de terreos” (Gaceta de Madrid, 23-04-1871), a de Antela era a iniciativa máis costosa (1590239 pts).  Coas súas 5870 ha era tamén a máis ambiciosa despois do saneamento de 10000 ha de marismas en Lebrija (Sevilla).

Concesións desougamento da Lagoa de Antela e outros humidais en España ata 1871
“Concesións outorgadas polo Ministerio de Fomento dende a lei de 3 de agosto de 1866 para o saneamento, desougamento e aproveitamento de terreos” (Gaceta de Madrid, 23-04-1871).
As obras de desougamento

Os traballos comezaron o 16-06-1868 cara augas arriba e abaixo dende a ponte da actual N-525. Pero a primeiros de novembro foron detidas pola manifiesta (e mesmo violenta) hostilidade veciñal neses momentos de inestabilidade política. Nese tempo conseguiron abrir  9770 m lineais de canle cun movemento de case 50000 m3 de terra segundo o informe do enxeñeiro provincial (véxase Rico Boquete, 2008). Se ningunha delas é incorrecta, esas cifras indicarían case con seguridade que, alomenos nun treito ben significativo (cecais na totalidade), non se trataba dunha nova canle senón do arranxo da canle aberta a instancias de Toubes, pois do contrario a sección da canle (apenas 5 m2) sería claramente inferior á de 29,8 m2 da proxectada por Toubes (Bedoya, 1831) e insuficiente para desougar a lagoa.

O 11-07-1872 a empresa obtén unha prórroga de tres anos para executar as obras (Gaceta de Madrid, 26-06-1890). Os traballos reanúdanse moi brevemente en xuño de 1873 pois son “paralizadas violentamente poucos días despois” (Rico Boquete, 2008). Nestas circunstancias, o 09-12-1874 os concesionarios transfiren os dereitos a John Stone (enxeñeiro director das obras) e Richard Freeman. Estes “súbditos ingleses que residen na cidade de Santiago”, obteñen a preceptiva subrogación oficial para a concesión por acordo do Presidente da República do 22-12-1874 (Gaceta de Madrid, 26-12-1874).

John S. Stone e os seus socios (1874-1889)

John Stone e Richard Freeman obteñen prórrogas para executar as obras con datas 28-06-1875, 05-07-1878, 12-03-1881, 10-09-1882, 24-01-1885 e 29-10-1886. O prazo de finalización da última prórroga era o 15-10-1888.

O 03-10-1888 Inocencio Vilardebó presenta unha instancia solicitando a caducidade da concesión e que ésta se lle otorgue a él. Mentres, o 13-10-1888 John Stone e Ana María Phillips solicitan unha nova prórroga de 2 anos para rematar as obras. Ambalas dúas peticións son desestimadas por Real Orden de 08-11-1889 (Gaceta de Madrid, 28-11-1889).

Unha Real Orden do 20-06-1890 considera que “os concesionarios do desaugamento e saneamento da lagoa Antela e encauzamento dunha parte do río Limia deixaron transcurrir, con notorio exceso, o prazo fixado… e o das sete prórrogas que obtiveron… veñen a demostrar que a actual empresa carece de propósito ou de medios para realizalas…” En consecuencia “declara caducada a concesión outorgada por Real decreto de 15 de abril de 1888” (Gaceta de Madrid, 26-06-1890).

A “Marquesa de Longueville” (1877)

Segundo Conde Valvís (1975) “En 1877, a Marquesa de Longueville, con numeroso séquito e personal as súas ordes, instalada suntuosamente, soubo, con agasallos e promesas, atraerse a vontade dos refractarios ó proxecto. Uns inoportunos exortos de Francia, fixeron voltar ó seu país a tan aristocrática dama e desbaratar os seus plans”. Non embargante, esta afirmación, recollida con posterioridade por outros autores, inclúe alomenos dous erros:

  • Naquela época a concesión para desougar a Lagoa de Antela ostentabana John S. Stone e Richard H. Freeman.
  • En Francia non existiu nunca o título nobiliario de Marqués de Longueville, pero si os de Conde e Duque de Longueville, unha estirpe que se extinguiu en 1694.

Antela no cambio de século (1894-1907)

Unha poxa fallida

Por Real Orden de 23-06-1894 convócase “a adxudicación en pública subasta da concesión do desaugamento e saneamento da lagoa Antela e encauzamento dunha parte do río Limia, na provincia de Ourense, baixo o orzamento de 149.747 pesetas 83 céntimos” (Gaceta de Madrid, 03-07-1894).

Desta subasta faise eco en La Habana (Cuba) o xornal “La Tierra Gallega” con data 23-09-1894. A nova de prensa salienta que:

  • Os gastos de execución material serían de 2.440.992,99 pesetas.
  • “Executados desaugamento e encauzamento e segregado o ocupado por canles e cauces quedan dispoñibles para o cultivo 5.000 hectáreas”.
  • “Tendo en consideración a calidade do subsolo, que segundo resulta das calicatas feitas en diferentes puntos e análises practicadas das súas capas superiores, non pode calificarse máis que como de regular ou mediano… non pode asignarse máis valor á hectárea de terreo saneado que o de 1.030 pesetas”.
  • “Algúns donos de terreos nesta famosa lagoa opóñense ás obras en proxecto, descoñecendo as inmensas vantaxes que han de reportar”.
  • “O último fracaso correspondeu a unha compañía inglesa, que despois de ter comezados os traballos, abandonounos diante de dificultades pecuniarias insuperables, non sen antes sufrir graves perdas nos seus intereses”
A “Duquesa de Longueville”

A concesión para o desougamento da Lagoa de Antela volve sair a poxa por Real Orden de 30-09-1895 (Gaceta de Madrid, 02-10-1895). Seguramente, nela fíxose cos dereitos Carlota Partington de quen Rico Boquete (2008) sinala que “finalizando o século, Dna. Carlota Partington, Duquesa de Longueville e familiar dun dos socios de Pelayo Cuesta, asumiu a empresa con moita vontade malia que con escaso éxito”. Dito socio era William Partington Hurst quen, asociado con Joaquín Figueras, obtivera as concesións para:

  • Desougamento e saneamento das lagoas de Gallocanta (Teruel, 31-12-1868) e Fuentedepiedra (Málaga, 16-08-1869) (Gaceta de Madrid, 22-04-1871).
  • Proxectos de aproveitamentos hidráulicos en diversos puntos de España.

Efectivamente, Carlota Partington e de Cárcer, a filla anglo-española de William Partington e Amalia de Cárcer, ostentou no cambio de século a concesión para o desougamento da Lagoa de Antela. Tamén posuía a concesión para o aproveitamento hidroeléctrico no Penascal de Ponteliñares (Gaceta de Madrid, 02-02-1903).

Pero o Ministerio de Fomento aprobou a transferencia da concesión para o desougamento da Lagoa de Antela “a favor da Sociedade The Limia Company Limited” (Gaceta de Madrid, 02-02-1903) que quedaba obrigada a responder “a calquera alcance que poidera corresponder á actual concesionaria Dona Carlota Partington, por razón das dilixencias que está a practicar dita Comisaría de Guerra” (refírese á de Granada).

O que non está en absoluto claro é o suposto título nobiliario de Carlota Partington como Duquesa de Longueville, pois:

  • A linaxe dos Duques de Longueville desapareceu a finais do século XVII.
  • Nos anuncios oficiais publicados na Gaceta de Madrid nunca se menciona título nobiliario algún, mención que era habitual ó referirse a algún personaxe da aristrocracia española ou extranxeira.