Excepcional xornada de aprendizaxe e disfrute

Dende o arboreto de Lourizán ata as Gándaras de Budiño

Coa organización do Grupo de Arboredo Urbano da SGHN-Ourense e a Delegación de SGHN en Pontevedra, o 20/10/2018 xirouse visita ao parque botánico ou arboreto de Lourizán e ás Gándaras de Budiño, coñecendo o proxecto de restauración que SGHN-Pontevedra desenvolve desde hai catro anos.

Con éxito de participación completando o aforo previsto e con compañeiros de Ferrol, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo que chegaron puntuais á cita para gozar dun día extraordinario.

O arboreto de Lourizán

Contamos cun anfitrión de luxo, o Dr. Silva Pando, eminente botánico, investigador e educador. Con él descubrimos, entre anécdotas, a historia e elementos que conforman o parque botánico ou arboreto de Lourizán.

Un pouco de historia

O arboreto de Lourizán creouse no 1949 como centro de investigación e experimentación mantendo sempre unha finalidade didáctica e recreativa, e como ben apuntou o anfitrión pode ser visitado por calquera persoa os 365 días do ano de luz a luz.

O Centro de Investigación Forestal e o xardín botánico ocupan 52 ha, nas que conviven máis de 850 especies, conta coa mellor colección de Galicia de camelias centenarias e algúns exemplares de árbores incluídas no catálogo galego de árbores e formacións senlleiras (Decreto 67/2007; Decreto 10/2015).

O predio adquiriuno en 1941 a Deputación de Pontevedra, previamente fora propiedade de D. Eugenio Montero Ríos, presidente do Consello de Ministros entre finais do XIX e principios do XX.

A finca conserva aínda elementos daquela época: o pazo, o invernadeiro e algún dos elementos característicos dos xardíns. Elementos aos que se engadiron novas edificacións e plantacións acordes aos tempos e aos novos usos do espazo.

O arboreto

En canto ao arboreto de Lourizán, súrtese das especies dos xardíns de Montero Ríos e as aportacións en distintas épocas dos equipos directivos do Centro.

Parque das autonomías

No parque pódese gozar de especies de moi diferentes zonas empezando polo parque das autonomías que conta con exemplares ibéricos tan interesantes como Tetraclinis auriculata, que en Europa en estado silvestre coñécese únicamente dos arredores de Cartaxena (Murcia). No arboreto de Lourizán plantouse no 1993 e na actualidade é o exemplar de T. auriculata máis alto de Europa.

Arboreto de Lourizán: Tetraclinis auriculata
Tetraclinis auriculata
Unha Wollemia nobilis!!!

Nunha parte máis aberta do parque destaca unha das últimas adquisicións, un exemplar de Wollemia nobilis plantada en xuño para celebrar o 75 aniversario do centro. W. nobilis é unha especie da familia das araucarias considerada extinta e que foi redescuberta no 1994 nuns canóns próximos a Sidney. Da especie quedan na actualidade unhas 80 árbores adultas.

Continúa a visita transitando polas inmediacións do pazo, edificio de estilo modernista deseñado polo arquitecto Genaro de la Fuente, no que destaca a gran escaleira de pedra da fachada principal, as fiestras e as estatuas clásicas de mármore branco.

Inevitable a visita ao antigo cenador coa súa impresionante mesa de pedra realizada nunha soa peza. Nela tomáronse e asinaronse importantes decisións políticas cando Montero Ríos.

O Eucalyptetum

Seguimos polo “eucalyptetum” e coñecemos algo máis sobre este xénero e sobre algunhas especies a través dos comentarios sobre flores, froitos e cortizas, ademais dalgúns detalles sobre a súa chegada e plantación en Europa e en Galicia.

Desde aquí tomamos o camiño cara ao parque dás rías gozando dos magníficos exemplares de Magnolia grandiflora ou Sequoia sempervirens ata chegar á zona do estanque seco onde destaca tanto polo súa morfoloxía como polo seu tamaño un exemplar de Araucaria angustifolia.

Outras árbores salientables

Pola pista que regresa cara á zona edificada, o Dr. Silva Pando sinala e comenta algúns dos máis destacados exemplares:  Dacrydium cupressoides, Podocarpus totara, Agathis australis; xunto con outros algo máis coñecidos Liquidambar styraciflua, Liriodendron tulipifera, Pinus canariensis bordeados de Castanea sativa e inmediatos a unha sorprendente alineación de Platanus x hybrida.

Así ata a parte posterior do palacio onde a aira e o hórreo recordan á economía doutros momentos mentres sobre o palacio estendemos a mirada sobre ría de Pontevedra.

Desde o invernadeiro descendemos pasando polas inmediaciones dunha Metasequoia glyptostroboides avanzando por unha senda debaixo de distintas especies de frondosas autóctonas: Fraxinus excelsior, Betula celtibérica, Fagus sylvatica, Prunus avium, Alnus glutinosas, Quercus robur e diferentes especies de Acer como A. davidii ou A. morrisonense antes de chegar á área de flora australiana con diferentes especies de Callistemun e Melaleuca e á colección de flora de Taiwán con Callitris rhomboidea ou Callitris oblonga.

Fontes e fentos

Xa na pista de acceso bordeada de Camelias, as fontes son o atractivo da visita xunto con algúns exemplares singulares como os fentos arbóreos Sphaeropteris cooperi e Dicksonia antarctica.

Aínda que foron máis de tres horas o tempo pasou case sen sentir no arboreto de Lourizán. Intercambiando impresións entre os participantes finalizou a mañá cunha afectuosa despedida ao Dr. Silva Pando a quen agradecemos que comparta connosco o seu tempo, a súa paciencia e a súa sabedoría.

É tempo de xantar e os compañeiros de SGHN-Pontevedra guíannos por intrincados caminos ata o arboreto e lago de Castiñeiras. Tras o refrixerio e no paseo polo lugar atopamos unha cobra moribunda, un exemplar xoven de Malpolon monspessulanum; e coa mesma seguimos camino.

No Lago Castiñeiras ollando unha cobra.

Nas Gándaras de Budiño

O plan para a tardetamén prometía ser moi interesante, sobre todo por achegarnos a un proxecto no que os nosos compañeiros de Pontevedra afánanse e traballan a reo: Gándaras deBudiño.

Xulio Valeiras, coordinador e “alma mater” do proxecto, xunto có apoio dos seus colaboradores habituais, ten todo disposto para a nosa visita. Mesmo tiveron que “despexar” a zona de paso retirando unha boa cantidade de rá das veigas (Discoglossus galganoi) para evitar que puideramos pisotealos. Todo un detalle que reflicte a sensibilidade e grao de compromiso dos nosos compañeiros coa conservación deste lugar.

As dificultades do proxecto

Xulio, có apoio dos paneis, explica o traballo que con gran esforzo están a desenvolver para a recuperación deste espazo. Salienta a dificultade de estar nunha área urbano-industrial moi degradada e condicionada pola calidade das augas e os procesos de sedimentación e/ou drenaxe de canles, o cal ten repercusións importantes sobre a dispoñibilidade de auga, recurso básico para a conservación dos ecosistemas típicos das ribeiras do Louro.

Coméntannos que teñen varias ideas para realizar na zona, pero hai dificultades pola propiedade dos terreos, a converxencia de competencias de varias administracións, a presión da poboación local, o finanzamento, … Cuestións todas elas complexas de abordar e resolver e que esixen a dedicación de moito tempo e traballo.

O xa feito

De seguido condúcennos a coñecer unha das súas actuacións máis ambiciosas: a “restauración ambiental da parcela onde se atopaba o edificio en ruínas do centro de interpretación da natureza das Gándaras”.

No lugar construíuse no ano 2002 o Centro de Interpretación cun custe de 420000 euros. O centro nunca se inaugurou, nunca se usou e có paso do tempo foi vandalizado, deteriorouse e quedou reducido a ruina.

O proxecto de SGHN trata de recuperar o valor ambiental desta parcela que forma parte do ZEC As Gándaras. O tesón dos nosos compañeiros e a tozudez de Xulio Valeiras levou en 2015 a deseñar a demolición das ruinas, coa retirada de escombros e a adecuación do espazo, contando con finanzamento do concello de O Porriño.

Complétase o proxecto coa adecuación dunha charca na zona asolagable e a plantación de árbores autóctonas para crear un bosquete. Conseguir especies autóctonas e plantar neste lugar non é fácil. O terreo moi compactado e o material groso da demolición dificultan a apertura de buratos.

Colaborando na prantación dun carballo.

Todos os traballos lévanse a cabo coa axuda de voluntarios. A continuación plantamos uns exemplares de Quercus robur, e comprobamos as dificultades apuntadas para facer os buratos e as posibilidades de arraigamento das plantas. A celebración da xornada de convivencia rematámola cun paseo ata o río Louro e agradecendo aos compañeiros a súa acollida, traballo e compaña.

Moitas grazas a todos os que fixeron posible esta completa e interesantísima xornada.