31-08-2023: 50 anos de GOG-SGHN

En tal día como hoxe de hai 50 anos, tan só 87 días despois da primeira celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, o Goberno Civil da Coruña aprobaba a inscrición do Grupo Ornitolóxico Galego (GOG) conforme á Lei de Asociacións de 1964. No seu ADN estaba non só a ornitoloxía, senón tamén o “Estudio da natureza en xeral (mamíferos, insectos, vexetación, etc.) e “Difundir estes fins o máximo posible e procurar conseguir a protección da natureza” polo que, nunha evolución lóxica, apenas 3 anos despois, o GOG iniciou as xestións para refundarse como Sociedade Galega de Historia Natural, que se rexistrou o 7 de xuño de 1977. 

Dende o nacemento do GOG-SGHN, pasaron xa 18.262 días de actividade incansable “estudando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego”. Unha actividade que tería sido imposible sen ós consocios/as – os de antes, os de agora e os que veñan – co seu apoio, e amizade en moitos casos, porque somos unha sociedade e o medio ambiente galego, sen dúbida, está algo mellor (ou menos pior) grazas á SGHN. Por iso, hoxe queremos decirvos, alto e claro, a todos vós: 18.262 veces grazas!!

1973: Pioneiros do GOG na súa primeira visita á Serra do Courel
2023: Recoñecemento de SGHN como Institución do Ano polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia