Bolboretas, libélulas, outros insectos… e máis

Repetimos por segundo ano esta saída centrada principalmente nos nosos insectos. No sábado 22/07/2023 comezamos a actividade da mañá nun pequeno treito do “Sendeiro ecolóxico” no concello de Piñor (Ourense), denominación un tanto sorprendente e pomposa para referirse a este camiño á beira do río Arenteiro. O sendeiro será “ecolóxico”, pero algúns dos seus usuarios son algo porcos e deixan a súa inconfundible pegada: latas e botellas de plástico amén de envoltorios variopintos. Así que, desde o minuto un, a recollida de lixo convértese nunha actividade complementaria ao obxectivo principal: a observación de bolboretas e libélulas.

Polas beiras do Arenteiro

Ó carón dun conxunto de 4 muíños en “cascada” (algo pouco habitual na nosa provincia) o compañeiro Xosé Lois comparte có grupo uns apuntes entomolóxicos antes de porse á faena e capturar os primeiros exemplares de bolboretas para velas máis de preto e identificalas coas guías na man e con breves explicacións dos elementos clave que permiten determinar a especie. Observando polo miúdo algúns exemplares queda patente a importancia das ilustracións das guías para amosar inequivocamente eses pequenos detalles decisivos: un punto cego ou non, un bordo máis anguloso ou redondeado, unha micro-distancia entre puntos, …  

Seguindo o curso do río bordeado por grandes grupos de fento real (Osmunda regalis), có rumor da auga e baixo a cobertura dos amieiros, salgueiros e freixos explóranse os distintos ambientes procurando especies de interese como Carabus galicianus especie endémica da Península Ibérica, ligada a cursos fluviais de augas limpas e catalogada como vulnerable.

A histórica fábrica de papel de Lousado

No itinerario chaman a atención unha ponte e unha impoñente represa construídos para derivar a auga cara unha canle que discorre á beira do camiño, na súa parte final a levada vai cuberta cruzando outra pista e atravesando un potente muro de mampostería que delimita o terreo e as instalacións do que foi a fábrica de papel de Lousado, fábrica que funcionou entre 1836 e a década de 1950. A forza da auga impulsaba unhas rodas hidráulicas que accionaban os mazos para desfacer os trapos cós que se obtiña a pulpa ou pasta para elaborar o papel. As instalacións propiamente industriais contan con outras construcións auxiliares vencelladas á vida cotiá dos traballadores e dos propietarios como un forno, as cuadras para os cabalos, unha capela e a casa principal.

A biodiversidade nun antigo pasteiro

O camiño sigue entre fincas con carballos e castiñeiros ata chegar ó que foi un pasteiro, hoxe sen aproveitamento con herba alta, algúns arbustos dispersos e cunha masa de Acacia dealbata que avanza inexorable. A parcela descende ata o río onde se levanta un muiño de tres moas provisto da súa levada e aliviadoiro por onde voan algunhas outras especies de interese como Limenitis camilla.

Entre unhas e outras observacións vai quedando claro que, para o estudio das bolboretas é importante coñecer os seus ciclos vitais e a súas épocas de voo pero tamén axuda moito coñecer os hábitats e a vexetación como elementos determinantes das probabilidades de atopar ou non algunha especie ou as súas eirugas. Ademáis hoxendía a cousa complícase cós cambios que estamos a vivir como o incremento das temperaturas e o “desprazamento” de especies en altitude e latitude e mesmo a modificación nos ciclos da vexetación que pode xerar desaxustes importantes entre a súa floración e crecemento e o ciclo dalgunhas bolboretas o que pode representar un serio problema para estas.

Paseniño, entre especie e especie, remata a mañá e ademais de alimentar o espírito hai que alimentar o corpo e hai que regresar ós coches onde agarda outra sorpresa unha especie tan rechamante como a Tornasolada (Apatura ilia) que se alimentaba nun silveiro xusto onde estaban aparcados os coches.

Xantando no Campo do Casledo

O punto elixido para o xantar era o Campo do Casledo xa en Oseira, debaixo duns fantásticos carballos, ollando as torres do mosteiro e á beira do río. Despois do xantar, da sobremesa e das charlas tocaba outra pequena camiñada augas arriba pola beira do río Oseira á sombra dos amieiros e desfrutando doutro ratiño de descubrimentos incluíndo unha eiruga de Mimas tiliae. Nesta zona tamén se observa o abandono dos lameiros, sen gando e sen sega, os pasteiros pouco a pouco desaparecen, desaparecendo con eles un hábitat de interese para moitas especies tanto de flora como de fauna, unha realidade que leva parello un lento pero inexorable cambio da biodiversidade e da nosa paisaxe agraria tradicional.

O mosteiro de Oseira

Para rematar a xornada non quedaba máis que achegarse ata o Mosteiro de Oseira onde comprobamos con desgusto o empeoramento dos tileiros que no seu tempo foron formación senlleira e dos que hoxe un está seco, outro secando e os outros aparentemente frondosos despois da poda drástica que sufriron hai uns anos. Usualmente no xardín diante do mosteiro soen voar algunhas bolboretas pero nesta ocasión non foi así, tampouco había moita actividade de cirrios ou anduriñas de cú branco como noutras ocasións, así que neste punto deuse por rematado outra interesante e completa xornada descubrindo e coñecendo algo mellor os nosos patrimonios.

Como vemos, case calquera recuncho, mesmo en zonas próximas e accesíbeis, poden agocharse cousas interesantes e así quedou ben patente nesta actividade na que houbo un chisco de patrimonio natural e cultural. E, unha vez máis, moitas grazas a todos os participantes e a todas as persoas que fixeron posible esta fantástica actividade.