SGHN-Ourense celebra os 50 primeiros anos de SGHN+GOG

Para a celebración deste 50 aniversario da SGHN achegámonos o 31/08/2023 a un deses sitios que soen pasar inadvertidos pero que agochan valores de grande interese cultural e natural e, o que é máis importante, no que fomos moi ben recibidos pola veciñanza do lugar con quen compartimos casa e mantel.

E porque o 31 de agosto? Pois en tal día de 1973 o Goberno Civil da Coruña aprobaba a inscrición do Grupo Ornitolóxico Galego (GOG) conforme á Lei de Asociacións de 1964. No seu ADN estaba non só a ornitoloxía, senón tamén o “Estudo da natureza en xeral (mamíferos, insectos, vexetación, etc.) e “Difundir estes fins o máximo posible e procurar conseguir a protección da natureza” polo que, nunha evolución lóxica, apenas 3 anos despois, o GOG iniciou as xestións para refundarse como Sociedade Galega de Historia Natural (rexistrada o 07/06/1977).

No mosteiro de S. Pedro de Rocas

Para iniciar a celebración dos 50, achegámonos ao singular Mosteiro de San Pedro de Rocas, o vestixio máis antigo en Galicia da vida monástica e eremítica como se reflicte na súa lápida fundacional, da que aqui podedes ver unha réplica. Alí estivemos acompañados por “Frai Benito, prior de San Pedro de Rocas ” a quen estamos moi agradecidos porque, sabendo que non é unha das súas ocupacións, fixo un alto nas súas rutinas diarias e desatendeu as súas obrigas monásticas mentras durou a visita. Como poidemos comprobar, o “prior” é bó coñecedor da zona e, tratándose dun grupo como o noso, complementa as súas explicacións sobre a súa casa con comentarios sobre a relación do monumento con algunhas especies de fauna e as problemáticas do entorno.

En Loña do Monte

Desde o Mosteiro chegámonos a Loña do Monte e, despois dun refrixerio na súa tenda-bar, subimos á “Ermida da Virxe do Monte” un lugar emblemático para as xentes da contorna que alí nos agardaban para acompañarnos na festa do noso 50 aniversario. Como manda o protocolo, houbo un tempo para que os representantes de todas as entidades presentes tivesen unhas palabras e deseguido compartimos merenda de campo que rematou có apagado das velas e o consabido “cumpleanos feliz”.

Desde estas liñas queremos agradecer vivamente a agarimosa acollida dos veciños de Loña do Monte, amén das viandas aportadas para a ocasión, por parte da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Loña e da Asociación de Veciños de Loña do Monte (empanadas e bicas elaboradas pola panadería local). Non podemos esquecer tamén ao Concello de Nogueira de Ramuín polos agasallos de recordo que nos entregou nesta tan especial data para a SGHN. Realmente temos que dicir que quedamos abraiados pola acollida e agardamos poder ter a ocasión para amosar o noso agradecemento con algunha actividade.

Entre lusco e fusco

Con todo esto … perdemos a preciosa posta de sol … pero preparámonos para ollar a saída da lúa, que se fixo rogar agochada entre unhas nubes baixas detrás da cima do Monte Meda. Na espera tocou falar do ceo, do espacio, do tempo, do espazo/tempo e coñecer un pouco de todo o que acontece, aconteceu ou pode acontecer alí no alto. Aproveitamos para observar algunhas estrelas e constelacións coas súas historias e mitos. Tamén disfrutamos da observación dalgún pequeno (ou non tan pequeno) planeta mentres o frío da noite ía deixándose notar … e demos por rematada a xornada. Tan interesante foi esta parte final que case quedamos emprazados para facer outra actividade deste tipo.

Non temos máis que palabras de agradecemento a todas as persoas e entidades que fixeron posible esta celebración dos 50 anos da SGHN e so nos queda agardar pola siguiente. Moitas, moitas grazas á veciñanza de Loña do Monte e parabéns á SGHN.