8 de xuño, Día dos Océanos

Charadrius alexandrinus

O vindeiro 8 de xuño celébrase o Día dos Océanos, como data de reivindicación dos seus moitos problemas. Para eses días están convocadas actividades de voluntariado co fin de mellorar a conciencia pública sobre o estado das costas, algunha delas coa proposta de limpar de plásticos praias da bisbarra.

O feito é que nestas semanas están en pleno período reprodutor plantas, pequenos animais e vertebrados que como a Píllara das dunas, dependen de moi pouco tempo para poder reproducirse na estreita banda intermareal, entre o mar e as dunas.

A presenza de grupos numerosos de persoas non expertas nesa zona crítica, sumada á presión habitual de bañistas, paseantes con ou sen mascotas, entre outros factores, pode comprometer o éxito reprodutivo de moitas especies.

Todas as praias a mar aberto están incluídas dende o Cabo Prioriño ao norte no Lugar de Interese Comunitario (LIC) Costa Ártabra.

Polo exposto a SGHN apoia todas as iniciativas de concienciación que non comprometan a reprodución de especies, desaconsellando actividades que supoñan a presenza masiva de persoas entre marzo e principios de xullo, recomendando que os labores de limpeza institucionais ou privados se fagan fóra desas datas.

En conclusión, entre marzo e xullo:

  • Que non facer:
    • Frecuentar a zona alta da praia e as dunas polo perigo de compactación e destrución involuntaria de pequenos organismos e niños de Píllara.
    • Remover residuos na zona mencionada.
    • Eliminar argazos e materia orgánica de arribada, son alimento para moitas especies.
  • Que facer:
    • Colaborar na retirada de materias en datas apropiadas.
    • Evitar a contaminación das praias retirando os residuos propios.
    • Participar ou practicar actividades de observación non destrutiva do litoral.

A Delegación en Ferrol da SGHN pode ofrecer asesoramento máis amplo sobre o tema no seu local ou por medios electrónicos