Mesa redonda sobre o proxecto de creación do Xeoparque do Cabo Ortegal

O vindeiro venres 29 de maio de 2015 ás 19:30 no Museo de Historia Natural da SGHN en Ferrol tera lugar a mesa redonda que se dividirá en dúas partes, unha primeira na que os diferentes poñentes farán unha breve exposición de aspectos importantes do proxecto e unha segunda parte aberta á participación do público e que, esperemos, de paso a un interesante debate e serva para aclarar as dúbidas que poidan surxir.

Os poñentes e os temas que se expoñerán son os seguintes:

  • Francisco Canosa Martínez, doutor en xeoloxía, autor e alma mater do proxecto, explicará qué significa a figura de Xeoparque e en qué consiste o proxecto, posteriormente, fará unha introdución á xeoloxía do Complexo de Cabo Ortegal para amosar a importancia científica deste territorio.
  • Rafael López Loureiro, profesor e naturalista, tratará o tema das especies botánicas máis valiosas desta bisbarra e do seu estado de conservación. Nun breve paseo pola botánica rara ou moi escasa asociada ao Complexo de Cabo Ortegal xustificará a catalogación de “importancia excepcional para o mantemento da biodiversidade” que lle concedeu o Ministerio de Medio Ambiente á Costa Ártabra.
  • Belén Pérez Pérez, bióloga e presidenta da Asoc. “Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal” e membro de AEPECT, falará sobre o desenvolvemento local, xeoturismo e das distintas propostas de actividades económicas nos outros xeoparques españois. Finalmente presentará a asociación e cal é a súa finalidade.