Catamarán e biodiversidade no encoro de San Martiño

Unha zona húmida “ex-importante” a nivel nacional

SGHN leva desde 1985 estudiando e avaliando o estado natural deste encoro e ten información precisa e detallada sobre a súa evolución. San Martiño estivo cualificado como zona húmida de importancia nacional pola cantidade e “calidade” de aves acuáticas invernantes, cualificación que perdeu en boa medida pola enorme transformación do entorno e o uso do encoro nos últimos anos, coas intervencións para construcción de infraestruturas varias, zonas deportivas, así como a eliminación da chopeira e as actividades lúdico-deportivas.

Cronoloxía dun declive da avifauna acuática

Nos censos de aves acuáticas invernantes realizados por SGHN recólleuse a presencia de 27 especies de aves. O lavanco real (Anas platyrhynchos), a garza real (Ardea cinerea), o galo de auga (Fulica atra), a galiña de auga común (Gallinula chloropus), o mergullón cristado (Podiceps cristatus) e o merguillete común (Tachybaptus ruficollis) obsérvanse regularmente pero cun importante e continuado descenso do tamaño das súas poboacións. O corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo) pasou dun exemplar en 1991 ata os 200 individuos na primeira década deste século para logo diminuir nos últimos 10 anos a só 94 individuos, xa que se espallaron por outras localidades de Valdeorras.

Como citas máis senlleiras en San Martiño podemos indicar a presencia do pato rubio (Netta rufina), a gaivota cana (Larus canus), e principalmente do mergullón cincento (Podiceps grisegena) e o parrulo castaño (Aythya nyroca); destacando a presenza no seu momento do pato cristado (Aythya fuligula) e pato chupón europeo (Aythya ferina) que deron ao encoro a cualificación de zona húmida de importancia nacional, pero que prácticamente non se localizan nos censos dende 2000.

Mergullón cristado (Podiceps cristatus) invernante

Asemade, neste período (1985-2019) tamén se detectou pato albelo (Anas acuta), pato asubiador común (Anas penelope), pato mediano (Anas strepera), gaivota tripeira (Larus ridibundus), ganso común (Anser anser), garzota común (Egretta garzetta) ou garza boieira (Bubulcus ibis). Nos últimos anos tamén se detectou nos censos: garza branca (Ardea alba), avefría choromica (Vanellus vanellus), aguaneta cabra (Gallinago gallinago), furamatos común (Rallus aquaticus), mesmo águia pescadora (Pandion haliaetus).

Importancia ornitolóxica actual

Aínda e con todo, a día de hoxe o encoro de San Martino conserva alguns valores ambientais de alto interese para Ourense e Galicia, en especial pola poboación invernante e, sobre todo, reprodutora de mergullón cristado (Podiceps cristatus), pola existencia dunha incipiente colonia de garza real (Ardea cinerea), a segunda de Galicia, e pola poboación reprodutora de garciña pequena (Ixobrychus minutus).

Malia o declive continuado desde os anos 90 do pasado século no número de individuos e de especies de aves acuáticas que utilizan o encoro como zona de invernada, desde 2015 semella que a situación estase a reverter probablemente como resultado da estabilidade ambiental unha vez remataron as actuacións sobre o arboredo da choupeira.

A ameaza da navegación lúdico-deportiva

Noutras zonas húmidas de Ourense, como o encoro de Castrelo de Miño, as actividades turistico-náuticas coincidiron coa rarefacción dalgunhas especies invernantes (por ex. o mergullón cristado) e reprodutoras (galo de auga, a galiña de auga común). Que con estos precedentes, pódese entender facilmente que a navegación dun catamarán turístico tería unha incidencia considerable sobre a biodiversidade do encoro. Por estes motivos, SGHN solicitou ao Concello da Rúa, a D.X. de Patrimonio Natural e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que non se poña en funcionamento a ruta en catamarán polo encoro de San Martiño e se prohiba todo tipo de navegación nas illas e illotes (e a súa contorna) existentes entre A Rúa e Petín.