A biblioteca sae ao medio: 2ª saída

O sábado 26 quixo chover. Miudiño, mais dando treguas que nos fixeron agradable o paseo diúrno polo sistema areoso de San Xurxo-Doniños. A luz do día permitiu valorar o papel das dunas como resultado de outros momentos xeolóxicos, e a súa importancia na dinámica mariña e continental. O patrimonio histórico tivo protagonismo no antiga batería do s.XIX, dende onde se domina a transición entre o mar salgado e o mar doce da lagoa de Doniños, cunhas comunidades vexetais e animais  adaptadas a este mundo duro, cambiante e fermoso.

Aos pés da lagoa, puidemos ver a vexetación lacustre insinuada na noite estrelada de hai unha semana, e aí lembramos, de novo, á oceanógrafa Ángeles Alvariño e a súa exemplar historia, baixo os outos piñeiros do lugar que mercara con Leira, o seu home, e doaran á Xunta de Galicia, actual propietaria dun lugar que merece unha mellor conservación e coñecemento público. Outro motivo para seguir coas nosas andainas naturalistas.