Na constelación de Xéminis, case tocando a de Canis Minor, atópase unha nebulosa coñecida como a Nebulosa da Medusa. Trátase dunha nebulosa planetaria grande e de pouco brillo. O seu tamaño é de algo máis de 4 anos luz que corresponden a 10,2 minutos de arco.
Atópase a 1.500 anos luz e apareceu hai 8.500 anos ao colapsar unha xigante vermella que expandiu o gas polo espazo e no seu centro deu orixe a unha anana branca. Ten unha magnitude aparente de entre 16 e 25, polo que é difícil de observar na súa totalidade.
O nome da Medusa é debido aos filamentos serpentinos trenzados de gas brillante que suxiren o cabelo de serpes da Medusa (Gorgona), que foi decapitada polo heróe Perseo e que se atopa na mitoloxía grega clásica. Tamén é coñecida como Abell 21, PN A66 21, Sh2-274 e PK205 + 14.1.
Foi descuberta polo astrónomo estadounidense George Ogden Abell en 1955 que a considerou unha supernova, ata que en 1971 investigadores rusos puideron medir o movemento e outras propiedades do material na nube e identificalo claramente como unha nebulosa planetaria.
Para localizala uniremos a estrela Procyón en Canis Minor coa estrela Wasat en Xéminis e xusto no medio atoparemos á Medusa. Como a súa observación é dificultosa, de momento convidámosvos a vela na magnífica foto do noso amigo e extraordinario astrofotógrafo Raúl Villaverde.