Hai 10 anos, cando o “Plan E”, reurbanizouse a Rúa Sta. Marta de Arriba en Santiago de Compostela. “Humanización” das rúas chamáronlle e, tendo as beirarrúas nada menos que 6 m de largura, ás árbores que plantaron deixáronlle uns rídiculos alcorques de apenas 0,9 m2 de superficie. Tan só 0,9 m2 para unhas árbores que poden acadar de 25 a 40 m de altura! E nin siquera de terra, pois seica para que quedara máis fermoso, os cans non fixeran neles as súas necesidades, non medraran “malas herbas” e fosen máis doados de limpar, pavimentaron os alcorques (máis…).
As “mentes privilexiadas” que deseñaron, aprobaron e financiaron tan rídiculos alcorques seica non sabían que as árbores teñen o costume de medrar. Ao non deixarlles suficiente espazo, as raíces comezaron a levantar algunhas baldosas das beirarrúas.
Calquera persoa que ame as árbores optaría pola solución correcta: ampliar os alcorques pois na beirarrúa hai espazo máis que de sobra para os peóns. Ás árbores medrarían máis sans e vigorosas. Poñendo unhas pinceladas de natureza na cidade: alivio para o espírito en tempos de confinamentos! Mitigando o ruido e a contaminación, proporcionándonos oxíxeno e sombra: alivio para o corpo todos os días!
Lamentablemente, algúns que toman decisións seica teñen a cabeza tan cuadriculada como os alcorques e optaron por outra “solución”: cortar polo san as raíces (de ata 8 cm de diámetro!) que tiveron a “osadía” de sairse dos 0.9 m2. Esperemos que non teña fillos, non vaia ser que aplique “solucións” semellantes cando non lles valgan os zapatos.
Coas raíces mutiladas, soportaran as árbores as borrascas invernais?