A biblioteca sae o medio en Ferrol

A Delegación de Ferrol da SGHN, ao abeiro do seu convenio coa Concellería de Educación do Concello de Ferrol, presenta unha nova edición da actividade “A BIBLIOTECA SAE AO MEDIO: INTERACCIÓN LIBRO-NATUREZA”.

Un ano máis, as labores de divulgación do patrimonio natural de Ferrol corren a cargo desta delegación da SGHN coa realización de tres saídas ao medio natural. As actividades propostas serán gratuítas e ocuparán as mañás dos sábados 19 e 26 de setembro (Doniños nocturno e diúrno respectivamente), e a do 3 de outubro (xardíns históricos da cidade de Ferrol).

De día e de noite en Doniños

As contempladas neste mes, consistirán en dúas saídas ao medio natural, e terán unha versión nocturna e outra diúrna, co fin de facer unha comparativa do que se pode observar polo día e pola noite nun mesmo lugar. A intención deste contraste, que se realizará na contorna do areal e lagoa de Doniños, será para ademais de dar a coñecer a xea, flora e fauna do lugar, poder espertar os sentidos da vista, oído e olfacto do público participante.

Xardíns históricos de Ferrol

Con respecto á actividade na contorna urbana, poderemos coñecer o patrimonio natural agochado e a interacción deste coa cidade. Consistirá nun percorrido polos xardíns históricos da urbe, dende os xardíns das Angustias ata a Praza de Amboage. Esta mesma actividade goza de moita aceptación entre o público, por dar a coñecer de primeira man os elementos que polo xeral poden pasar desapercibidos e as árbores máis senlleiras que forman parte da paisaxe e patrimonio da cidade.

Inscrición

Para todas as actividades é obrigatoria a inscrición previa, que se realizará na Delegación de Ferrol da SGHN. O desprazamento ata o lugar de comezo da actividade correrá a cargo dos participantes e o número máximo de persoas inscritas está limitado a 20 persoas, sendo obrigatorio o uso de mascarilla durante toda a actividade, así como manter a distancia de seguridade entre participantes. Tamén resaltamos a prohibición de compartir roupa, bastóns, bebida e alimentos, con xente allea a un mesmo núcleo familiar.  Anímate a participar!