A zona de baño que ameaza á R.B. Terras do Miño

Unha xoia fluvial da biodiversidade…

A conca alta do río Miño integrada na Reserva de Biosfera Terras do Miño (en adiante RBTM) constitúe na actualidade o ecosistema acuático de maior biodiversidade da Rexión Atlántica da Península Ibérica, acubillando un elevado número de especies acuáticas e higrófilas protexidas pola normativa europea, estatal e autonómica. A diversidade dos medios fluviais é consecuencia da falta de regulación, a ausencia de presas e encoros, así como dunhas condicións fisicoquímicas e ecolóxicas que, aínda non sendo óptimas, favorecen a existencia dunha gran diversidade de hábitats e de especies. O treito do Miño desde A Fonmiña ata o se entroncamento co Neira é Zona Núcleo da RBTM e, de acordo coa normativa española e galega, nela débese garantir a preservación da diversidade biolóxica e os ecosistemas.

A naturalidade e biodiversidade do río Miño, concretamente ao longo da capital provincial, debería considerarse un Patrimonio Natural fráxil, único e irrepetible. A súa conservación e preservación debería ser o obxectivo básico do órgano xestor da RBTM, o Concello de Lugo, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a D.X. de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia.

…ameazada unha e outra vez

A RBTM acumula nos últimos anos numerosas denuncias diante da UNESCO pola deterioración dos seus humidais. Entre as denuncias interpostas por SGHN diante do Comité Español do Programa MAB, debemos salientar as formuladas en relación co proxecto dunha zona de baño no río Miño no T.M. de Lugo. A primeira denuncia (2011) foi por un proxecto que trataba de instalar a zona nun treito designado como zona núcleo que ademais formaba parte da R.N. 2000 e conservaba un importante número de especies de flora e fauna protexida, entre elas o raro e ameazado nenúfar de río (Nymphoides peltata). O informe emitido polo Comité Español conclúe que o proxecto non resulta compatible cos obxectivos dunha zona núcleo.

Nymphoides peltata (Wikipedia)

Polo devandito informe e a non autorización da Consellería de Medio Ambiente, o proxecto foi rexeitado pero non esquecido, expóndose en anos posteriores novos emprazamentos. Finalmente, o Concello de Lugo propuxo construír a zona de baño augas abaixo, nun treito fóra da Rede Natura 2000 pero que é Zona Núcleo da RBTM, polo que SGHN interpuxo en 2022 unha nova denuncia diante do Comité Español do Programa MAB, aínda non respondida.

A información científica referida ao tramo do actual proxecto de zona de baño testemuña a existencia no mesmo dunha elevada biodiversidade, incluídas numerosas especies protexidas de flora e fauna silvestre, como reflicten os informes feitos pola D.X. de Patrimonio Natural e as empresas contratadas polo concello de Lugo, que revelan a existencia dunha importante colonia de bivalvos de auga doce de tres especies (Margaritifera margaritifera, Unio delphinus, Potomida littoralis, as dúas primeiras protexidas).

Potomida littoralis (© David Pérez (DPC), Wikimedia Commons, Licencia cc-by-sa-4.0)

Unha proposta lesiva, perversa e ilóxica

A zona de baño proposta polo Concello de Lugo é totalmente incompatible cos obxectivos de conservar e preservar a biodiversidade e os ecosistemas como establece a UNESCO e a normativa española e galega sobre biodiversidade e patrimonio natural. A execución do proxecto supoñería un grave incumprimento dos obxectivos que debe cumprir unha Reserva de Biosfera.

Compre salientar, ademais, que resulta perversa e ilóxica a proposta do Concello de Lugo de traslocar aos individuos de especies protexidas a outros tramos fluviais, expulsalos do seu hábitat natural, enviándoos a un lugar incerto onde a súa pervivencia non estaría asegurada, para poder desenvolver unha actividade ambientalmente lesiva para o ecosistema fluvial. Unha proposta desatinada desde un punto de vista ambiental, salvo que a biodiversidade non importe, e que pon en evidencia unha aposta aloucada por un modelos irracional e insostible.

Solicitudes de SGHN ás autoridades competentes

  • Concello de Lugo: que arquive nun caixón de obras inútiles e irrealizables a proposta de creación dunha zona de baño á conta de destruír o mellor tramo fluvial de Galicia e un dos elementos máis singulares da Reserva de Biosfera. O Concello de Lugo debería exporse outro tipo de propostas para facilitar o uso recreativo e o baño sen ter que destruír ou alterar o minguado Patrimonio Natural.
  • Confederación Hidrográfica do Miño-Sil: que anule as autorizacións outorgadas ao Concello de Lugo para a construción dunha zona de baño, ao non avaliar na mesma os posibles efectos ambientais sobre os ecosistemas e a biodiversidade dunha zona núcleo dunha Reserva de Biosfera. A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil debería ser máis eficiente á hora de asegurar a preservación da biodiversidade e dos ecosistemas, evitando a realización de proxectos que resultan contrarios aos obxectivos derivados da Directiva Marco da auga e da normativa estatal e galega.
  • Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia:
    • Que declare de forma inmediata todo o corredor fluvial do río Miño que transcorre polo Concello de Lugo como Humidal Protexido (Zona Núcleo da Reserva de Biosfera). Outorgando de forma cautelar unha protección integral ao mesmo.
    • Que non autorice ningunha obra que poida causar unha perda ou deterioración do estado de conservación dos hábitats naturais-seminaturais e das poboacións de especies de flora e fauna protexida.
    • Non autorice ningún tipo de traslado de efectivos de especies protexidas destinado a facilitar a execución de proxectos que supoñen unha deterioración da biodiversidade e dos ecosistemas da zona núcleo.
  • UNESCO: que avalie a situación, do mesmo xeito que o resto das afeccións xeradas na Reserva de Biosfera que son susceptibles de constituír un grave e continuo incumprimento dos obxectivos da Reserva da Biosfera. Ditos incumprimentos deberan constar na avaliación decenal que se está a realizar para esta Reserva e, no seu caso, que se inclúa a Reserva de Biosfera na Estratexia de saída contemplada pola UNESCO para aqueles espazos con graves incumprimentos dos obxectivos fixados no Programa Persoa e Biosfera.

SGHN quere trasladar esta lamentable situación aos medios de comunicación e á sociedade civil, especialmente á cidadanía de Lugo para que protexa e defenda a súa Biodiversidade e o seu Patrimonio Natural, e esixa aos poderes públicos que actúen conforme aos obxectivos e obrigas que enmarcan a acción sobre o medio ambiente e a biodiversidade.