Outra fin de semana moi ben aproveitada na Limia

Pois si, ben aproveitada e moi variada: participación nun debate sobre “agrogandería e biodiversidade”, visita aos últimos traballos na Veiga de Gomareite e dúas mañáns adicadas ao control de flora exótica invasora na zona das areeiras.

Sábado 29/09/2018

“IV conversas de taberna” Museo da Limia en Vilar de Santos (29/09/2018)

Có gallo do 60 aniversario da desecación da lagoa de Antela o Museo da Limia organizou estas “IV conversas de taberna” nas que participou SGHN na mesa de debate sobre “Agrogandeiría e biodiversidade”.

SGHN contou coa presencia do seu Presidente, quen puxo de manifesto que a desecación da lagoa de Antela conlevou o maior episodio de extinción de especies aniñantes en Galicia na nosa historia recente.

Con todo a mensaxe de SGHN foi moi clara: “é preciso conciliar agrogandeiría e biodiversidade”. SGHN-Antela está a demostrar que é posible a convivencia de agricultura e gandeiría coa restauración de hábitats para fauna e flora ameazadas asinando convenios de custodia do territorio con agricultores e gandeiros locais.

A segunda parte das “IV conversas de taberna” non deixou indiferente a ninguén coa aposta arriscada de varios xóvenes emprendedores para facerse un oco na economía local.

Así glosaron a experiencia no cultivo e explotación de sabugueiro ou vimbio, na gandeiría de vacún en extensivo ou có millo forraxeiro, proxectos diferentes aos que hoxe son preferentes na Limia: pataca, cereal e granxas industriais.

Interesante a participación do público tras cada mesa redonda, afondando nos temas e quitando outros como o das explotacións areeiras e as posibles actuacións para a súa restauración. SGHN apuntou a necesidade dun deseño pensado na recuperación das especies finalizada a extracción, cunha boa configuración das beiras que facilite a colonización pola vexetación e a fauna.

Domingo 30/09/2018

1ª fase de control de flora exótica invasora: Robinia pseudoacacia

E o domingo a actividade prevista era un pouco máis movidiña, pola mañá traballando nunha primeira fase de control de flora exótica invasora (Robinia pseudoacacia) na zona das areeiras.

Ficha de identificación de Robinia pseudoacacia no Atlas de Flora Exótica Invasora de Galicia de SGHN
Ficha de identificación de Robinia pseudoacacia

Levouse a cabo cun tratamento experimental que está a probarse con éxito sobre outra especie de flora exótica invasora, a acacia. Consiste en pelar o tronco desde aprox. un metro de altura ata o chan asegurándose de eliminar o cambium para que a planta acabe secando. Con este método evítase o rebrote tras corta e a utilización de produtos tóxicos para a eliminación da especie.

O primeiro foi explicar a elección e aplicación do método aos participantes e identificar ben esta especie de flora exótica invasora, o cal foi doado. De seguido comezou o tratamento e ao remate vese que pola cantidade de pés e a dificultade de achegarse a eles vai precisarse unha nova xornada xa a partir da primavera.

Seguimento dos traballos na “Poza dos arieiros”

A última hora da mañá avaliouse na “Poza dos arieiros” o resultado da xornada do ano pasado de control de flora exótica invasora e a evolución da poboación de Eryngium viviparum. Sen lugar a dúbidas os resultados son satisfactorios:

  • Instalouse unha nova colonia de anduriña das barreiras.
  • O Eryngium viviparum extendeuse polas zonas remexidas.
  • Diminuiu notablemente a presenza da planta exótica invasora Bidens tripartita, ainda así localizamos una zona recolonizada por Bidens que sería conveniente retirar antes que caian as sementes (xa algúns voluntarios están a pensar na actuación necesaria)

Tamén e debido ao encharcamento tan prolongado deste ano, a vexetación está moi medrada e espesa e haberá que proceder ao seu desbrozado, aínda que sería máis doado si poidesemos levar algunha cabeza de gando … xa veremos.

Revisando o estado da Poza dos Arieiros despois dos últimos traballos.
Revisando o estado da Poza dos Arieiros despois dos últimos traballos.

Traballos de restauración de hábitas na “Veiga de Gomareite”

Con estes pensamentos chega a hora do xantar para recuperar forzas e visitar os últimos traballos que acabamos de rematar na Veiga de Gomareite.

O proxecto denomínase “Recuperación de E. viviparum, V. vanellus e especies asociadas a humidais na ZEPA da Limia” e conta con subvención de Europa, España e Galicia ao abeiro das “axudas a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, cofinanciadas có Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR Galicia 2014-2020”.

Aproveitando os recursos ao máximo

A solicitude de SGHN aprobouse polo importe solicitado de 12.000 (IVE excluído) coas seguintes actuacións:

  • Remoción de montoneiras de entullos e materiais diversos:
    • Pedras dos peches de predios retirados nas concentracións parcelarias.
    • Tocóns de árbores.
    • Depósitos de demolicións de naves, galpóns e vivendas.
    • Depósitos de restos agrícolas.
    • Depósitos de residuos variados: botellas de vidro, pneumáticos, roupas e enseres, restos de traballos de albanelería, …
  • Separación de residuos e entrega a xestor autorizado.
  • Perfilado dalgúns elementos preexistentes:
    • Suavizado das beiras de charcas.
    • Arranxo e redistribución de pedras no muriño iniciado na anterior actuación.
    • Adecuación de charca para bebedeiro do gando.

Despois de expór o proxecto xeral sobre o plano, xirouse visita ao predio e aos traballos, disfrutando ao tempo da paisaxe e das espécies de flora e fauna, coas explicacións oportunas sobre os especiais valores que aínda perviven neste lugar e as melloras que van obterse coa execución deste proxecto e coaa gandeiría en extensivo que se desenvolve nel.

Coma sempre outra xornada completa e moi interesante traballando e aprendendo nun ambiente moi agradable que invita a repetir a experiencia.

Domingo 07/10/2018. Outro control de flora exótica invasora

De resultas do seguemento na Poza dos arieiros, catro voluntarios traballaron neste día no control doutra especie de flora exótica invasora, neste caso Bidens tripartita. Conseguiron nunha mañá encher dez bolsas.

Moitas grazas Beonfeitores.