A Lagoa de Antela e o complexo húmido de A Limia

Lagoa de Antela

Fotografía aérea da Lagoa de Antela dende o sur-surleste, coa vila de Xinzo de Limia en primeiro plano. Reproducida do libro Martínez Carneiro, X.L. (1997) Antela, a memoria asolagada, por cortesía de Edicións Xerais (www.xerais.com).

A Lagoa de Antela foi a “xoia da coroa” do grande complexo húmido de A Limia. Lamentablemente, hai agora 60 anos (16-09-1958) comezaron os traballos que levaron a súa desaparición.

Dende a súa creación o 02-02-2011, coincidindo co 40 aniversario da Convención de Ramsar, SGHN-Sección Antela traballa para compatibilizar a recuperación de humidais e zonas marxinais de Antela e o resto de A Limia coa explotación agro-gandeira sostible, sen afeccións negativas aos sectores económicos produtivos.

A Limia

A chaira da Limia é unha extensa comarca, ben diferenciada e coñecida dende moi antigo, situada na parte centro-meridional da provincia de Ourense entre os 42º01’37” e os 42º10’12” de latitude norte e entre os 7º34’10” e os 7º53’20” de lonxitude oeste. En canto á proxección U.T.M., A Limia atópase no fuso 29T e ocupa a meirande parte das cuadrículas de 100 km2 NG95, PG05, PG06, PG15 e PG16, así como unha franxa no sueste da cuadrícula NG96 e unha banda, de 1 km de largura, no extremo meridional das cuadrículas PG07 e PG17.

Administrativamente, a chaira de A Limia pertence ós concellos de Bande, Rairiz de Veiga, Vilar de Santos, Sandiás, Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio, Sarreaus, Trasmiras, Xinzo de Limia e Porqueira.

A chaira de A Limia, cunha superficie aproximada de 30000 ha, sitúase a unha altitude de 600-620 m s.n.m. Esta constituida pola depresión morfotectónica semiendorreica da antiga Lagoa de Antela e os seus marcos montañosos. A depresión da Limia tén a forma aproximada dun “V”, cun brazo principal de orientación NE-SO, polo que discorre o emisario principal de Antela, e un secundario de orientación E-O atravesado lonxitudinalmente polo río Limia. Xunto coas depresións de Maceda e Monforte de Lemos, A Limia forma parte da depresión meridiana da Galicia oriental, que ten unha morfoloxía fundamentalmente chaira, con drenaxe insuficiente, baixa capacidade de carga e perigo apreciable de asentos (IGME, 1974-1982).

A Lagoa de Antela

Situación

A Lagoa de Antela, que Madoz (1847) definiu como “pestilente charco”, atopábase principalmente augas arriba da estrada N-525. Ocupaba unha gran parte daquela extensa chaira, na intersección dos concellos de Sandiás, Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio, Sarreaus e Xinzo de Limia.

Dimensións

Os lindeiros da lagoa eran pouco precisos e cambiantes (Risco, 1928; Otero Pedrayo, 1979) segundo a pluviometría anual. En consecuencia, as  dimensións da superficie lagoenta propiamente dita varían moito segundo as fontes consultadas:

  • Madoz (1847) sinala que “se ben noutro tempo puido ser maior, a súa extensión segundo a carta xeográfica de Galicia polo Sr. Fontán ten 1 legua de norte a sur e 1 1/4 de leste a oeste, con oito pés de profundidade no máis fondo”. Unha analise actual do mapa de Fontán indica que a superficie representada como lagoa é de 2630 ha e que, tanto pola súa extensión como pola súa morfoloxía, reflicte unha situación de asolagamento intermedio.
  • No proxecto de desaugamento de Toribio Íscar e os irmáns Mugártegui (Mugártegui Parga, 1866), manéxase a cifra de 5870 ha. Sen embargo, á vista do mapa anexo á publicación, incluían sen dúbida algunha as veigas asolagables nos concellos de Vilar de Santos, Rairiz de Veiga e Porqueira.
Lagoa de Antela segundo Íscar e os irmáns Mugártegui
Mapa da Lagoa de Antela segundo o proxecto de Toribio Íscar e os irmáns Mugártegui.
  • Risco (1928) sinala “6 km de lonxitude de nordeste a sudoeste e 4 km de largura, con 3 m de profundidade na época das chuvias e 1 como máximo no estío”.
  • Conde Valbís (1938) indica exactamente 30272765,3 m2. 
  • Dantín (1942) da a cifra de 5800 ha, quizáis tomada de Mugártegui Parga (1866).
  • Fernández (1967) indica “a desecación de 4000 ha asolagadas pola lagoa” aínda que despois manexa a cifra exacta de 3243,7 ha como solo “rescatado para o cultivo”.
  • Taboada Chivite (1969) afirma que “a superficie estéril era dunhas 8000 ha con profundidade que variaba de 0,25 a 2 m e menor a zona lamacenta“.
  • Rivas (1985) considera que a superficie da lagoa era de 4000 ha, cunha profundidade máxima de 3 m, e unhas 12000 ha a zona intermedia.
  • Villarino et al. (2002) sinalan que a superficie delimitada como lagoa na primeira edición (1942-43) das follas cartográficas nº 226 e 264 do Mapa Nacional E 1:50000, do Instituto Geográfico y Catastral totaliza 3795 ha. A esa superficie habería que engadirlle os terreos da contorna que se asolagaban nas enchentes.

Aportes e características da auga

Os aportes hídricos da lagoa de Antela procedían das chuvias e duns poucos regatos de curto percorrido e escaso caudal, procedentes das montañas circundantes e que desaparecían gradualmente na estación seca. Tamén das “augas que nacen no seu fondo” (Madoz, 1847) e “resurxencias de fondo, testemuña das súas fallas” (Dantín, 1942). A lagoa desougaba por un emisario duns 7 km de lonxitude: o río de Antela, tributario do río Limia.

Rede hidrografica
Lagoa de Antela e rede hidrográfica principal na chaira de A Limia

Tendo en conta as características da depresión limiá (semiendorreica), as do marco montañoso de Antela (granítico) e as da propia lagoa (profundidade de 1 a 3 m), xunto coas análises que fixeron, Villarino et al. (2002) deducen que “a Lagoa de Antela era unha masa de auga doce, pouco estratificada, pH lixeiramente ácedo e con escasa concentración de sales minerais disoltas. Estas deducións aválanse tamén por indicadores biolóxicos, como a presencia só ocasional de Phoenicopterus ruber e Recurvirostra avosetta, aves características de augas salobres (Cramp e Simmons, 1977, 1983), e a abondosidade de Lepidurus apus, crustáceo branquiópodo propio de áreas con niveis medios de sulfatos e baixos de cloruros (Margalef 1982, 1983).”

Hábitats na lagoa e a súa contorna

En Antela existía unha grande variedade de hábitats acuáticos (González e Villarino, 2001):

  • Augas libres de pouca profundidade (2-5 m), permanentes ou estacionais.
  • Augas con vexetación acuática flotante. As especies dominantes eran as cabazas (Nymphaea e Nuphar), a espiga de auga (Potamogeton) e as auganas (Ranunculus).
  • Grandes masas de macrófitas acuáticas emerxentes. Entre elas dominaban as xonzas negra (Carex) e branca (Cyperus), os xungos (Juncus), as canas (Phalaris), o beón ou antela (Scirpus) que daba os dous nomes á lagoa, o Sparganium e a espadana (Typha).
  • Veigas asolagables con vexetación de herbáceas ou mato ralo e pastoreadas fora do período de enchentas.
  • Ripisilvas de amieiros (Alnus), bidueiros (Betula), freixos (Fraxinus), chopos (Populus), salgueiros (Salix) e ulmeiras (Ulmus).
  • Ribeiras lamacentas e bancos de area.

Segundo González e Villarino (2001), a contorna de Antela era unha paisaxe agraria en mosaico constituida:

  • Terras cultivadas e pasteiros.
  • Sebes arborizadas (pradairos, Acer; amieiros, Alnus; bidueiros, Betula; castiñeiros, Castanea; avelairas, Corylus; sangüiños, Frangula; freixos, Fraxinus; acibros ou picaporcos, Ilex; chopos, Populus; carballos, Quercus; salgueiros, Salix; ulmeiras, Ulmus).
  • Arboredos dispersos (carballeiras, soutos, touzas e texos).