As consecuencias da prohibición hai catro anos (18-12-2012) das granxas de visón en Holanda (terceiro produtor mundial) a partires de 2024 continúan a sentirse na proliferación de novas granxas ou ampliación das existentes en Galicia. O último caso, polo de agora, é unha segunda ampliación da granxa existente en Troitosende (A Baña, A Coruña).
Unha traxectoria ben pouco exemplar
A granxa, con permiso para só 2 naves dende 1991, pero que xa contaba con 4 naves alomenos dende 2002-03, mercouna a empresa Matomba Mink Farm, SL para a que consta como administrador único Petrus Gerardus Raijmakers Lambertus e como apoderada Marta Maria Blanco Vispo (ver recadro abaixo). Cunha enorme desfachatez “galaico-holandesa” a empresa Matomba Mink Farm, SL construiu sen permiso 7 naves adicionais en 2014 e agora ven de presentar un “Proxecto de adecuación, modernización, reforma e legalización de instalacións en explotación de cría de visóns”.
Foto aérea da granxa con dúas naves legais e dúas ilegais en 2005 (esquerda) e pillada “in fraganti” en 2014 coas obras de ampliación non autorizadas (dereita). Imaxes PNOA cedidas por © Instituto Geográfico Nacional – Xunta de Galicia.
O proxecto está suxeito a avaliación de impacto ambiental simplificada pois está incluido nos supostos contemplados no artigo 7.2.b. da Lei 21/2013 de avaliación ambiental ao poder afectar de xeito apreciable, directa ou indirectamente, a espazos protexidos da Rede Natura 2000, pois a granxa atópase a 1,3 km do río Tambre, augas arriba da Zona de Especial Conservación ES1110016 Río Tambre.
SGHN solicita a máxima sanción para os responsables…
Xa que logo, tal como actuaron os promotores cometeron unha falta grave segundo a Lei 21/2013 de avaliación ambiental, polo que SGHN ven de solicitar á Secretaría Xeral de Avaliación e Calidade Ambiental (máis…) que abra un expediente sancionador contra Matomba Mink Farm, SL, Petrus Gerardus Raijmakers Lambertus e Marta María Blanco Vispo e, tratándose dunha instalación tan perigosa para a biodiversidade, se lles impoña a máxima sanción posible por falta grave 240.400 euros e, ademais, que se proceda á clausura e precintado inmediatos de todas as naves que carecen dos preceptivos permisos legais.
… unha avaliación ambiental rigorosa…
Por outra banda, no caso de que os promotores intenten continuar coa tramitación do proxecto, SGHN solicitou que se someta a avaliación de impacto ambiental e que o estudio correspondente avalíe con seriedade e rigor os efectos sobre todas as especies incluidas no anexo I da Directiva Aves, nos Anexos IV e V da Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e a Biodiversidade, nos Libros Vermellos estatais e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas presentes na zona e nos LICs máis próximos, e que poderían sufrir a depredación ou a competencia, por visóns fuxidos ou “ceibados”.
… e a máxima seguridade para unha instalación altamente bio-perigosa
Finalmente, no caso de aprobarse o proxecto, se esixa á empresa promotora que:
- Todos os animais reprodutores estean obrigatoriamente provistos dun colar con radiotransmisor que permita a súa localización, captura e erradicación en caso de que cheguen ao medio natural.
- Todos os animais non reprodutores sexan esterilizados ao nacer ou estean provistos dun radiotransmisor como o indicado no punto anterior.
- Contrate un seguro de responsabilidade civil para facer fronte a todos os gastos que as Administracións públicas teñan que efectuar para localizar, capturar e erradicar os visóns fuxidos ou “liberados” da granxa.
A “conexión galega” para as granxas de visón americano: Marta Maria Blanco Vispo mantén múltiples e estreitas vinculacións con empresas peleteiras en Galicia:
- Agapel Pelting SL (apoderada)
- Blomvis Spain SL (foi apoderada)
- European Minkfarm Rooijakkers SL (apoderada)
- Galimink, SL (apoderada)
- Katmink, SL (apoderada)
- Matomba Mink Farm, SL (apoderada)
- Productos y Mixturas para Alimentación Animal SL (Secretaria e Conselleira)
- Rijo Mink Europe, SL (apoderada)