Un equipo de investigación internacional dirixido por Ismael Miján da SGHN e integrado por Olivier Lambert do Museo Real de Ciencias Naturais de Bélgica e Stephan Louwye da Universidade de Gante, fai público o achado dunha nova especie de cetáceo cuxa datación estímase nuns 4 millóns de anos na revista científica Acta Paleontologica Polonica.
Dous dos autores do traballo, Ismael Miján e Olivier Lambert, publicaron no 2013 o descubrimento de catro novas especies descoñecidas achadas na Península Ibérica o que supuxo un gran descubrimento, ao que se han ir sumando outros traballos sobre histoloxía e mineraloxía publicados nos últimos anos.
Esta nova especie bautizouse co nome de Beneziphius cetariensis(de Cetaria, nome orixinal da vila de Cedeira) en alusión á localidade galega de Cedeira, un dos pobos pesqueros de Galicia de onde proceden moitos dos exemplares que se investigaron nos últimos dez anos. O único exemplar achado ata o momento e que se utilizou para a descrición desta nova especie foi doado por Gerardo González e Carmen Rodríguez logo de gardalo durante anos tras recuperalo dos fondos mariños a uns 500 metros de profundidade ao norte de Cabo Ortegal.