Comunicado do Museo de Historia Natural da SGHN sobre a colección Manuel Cortizas

Ante a nota publicada hoxe na Edición de Ferrol da Voz de Galicia, a Dirección do Museo da SGHN desexa tranquilizar a todos os simpatizantes do Museo e aos membros da SGHN sobre o coidado na preservación dos fondos que se lle confían.

  • As mostras ás que se refire a nota foron recollidas polo noso inesquecible socio Manuel Cortizas. Boa parte delas foron musealizadas e atopanse expostas no Museo no lugar principal que merecen, e catalogadas nos seus rexistros. As restantes, das que non consta relación oficial nos arquivos do Museo, quedaron depositadas nun almacén anexo, á espera de acadar os medios necesarios para a súa conservación e posibles futuros tratamentos expositivos.
  • Estas mostras arbóreas estaban compostas por unha gran cantidade de madeira que nunca foi tratada, polo  se atopaba nun moi mal estado de conservación, o que xa viña sucedendo dende hai moitos anos, pois moitas delas proviñan dos restos de madeira recollidos tras o paso do Klaus (2009) por Galicia, tal como se recolle na Voz de Galicia. A almacenaxe sen tratamento dou pé ao ataque de especies de fungos, vexetais e animais que se alimentan de madeira e efectos colaterais como o incremento da presenza de ratas nesa parte do solar do Sánchez-Aguilera.
  • A actual dirección do Museo da SGHN no exercicio das súas responsabilidades procedeu a liberar a dependencia onde se atopaban, non incluída no convenio co Concello de Ferrol, constatando o lamentable estado de conservación das pezas citadas. Á vista da situación, os responsables do Museo procederon á súa retirada e xestión, segundo os criterios técnicos máis indicados, decidindo  depositar algúns destes troncos no xardín do propio Museo, para servir de acubillo a especies vexetais e animais. Procedeuse tamén a informar das decisións e xestión á familia de Manuel Cortizas.

Queda por último subliñar a determinación dos responsables da SGHN de seguir a traballar na liña de consolidar o legado da xenerosidade e traballo de tantos socios e socias, procurando mellorar o equipamento museístico que, grazas ao apoio da sociedade ferrolá e as sucesivas corporacións municipais, está ao dispor dos miles visitantes anuais que acoden e apoian os esforzos da entidade.

En Ferrol, a 22 de decembro de 2016
A Dirección do Museo da SGHN