Andaina nocturna por Doniños da Delegación de Ferrol da SGHN

O sábado 18 tivo lugar a saída “Doniños á noite. Praia e lagoa de Doniños”

Esta é a segunda das tres rutas guiadas por monitores da SGHN, grazas ao patrocinio da Concellería de Educación do Concello de Ferrol, mediante o convenio de colaboración “A biblioteca sae ao medio: Interacción libro-natureza” asinado coa SGHN. Este acordo permite adquirir libros para a “Biblioteca da Natureza”, integrada dentro das instalacións e servizos do Museo de Historia Natural, que en Ferrol ten a SGHN. A biblioteca está aberta ao público e integrada na Rede de Bibliotecas de Galicia, polo que se pode consultar os seus fondos mediante o programa Meiga. 

Á saída, guiada por dous monitores entre as 21 e as 24 h, asistiron vinte persoas para percorrer a barra post dunar e achegarse despois á máis singular das lagoas costeiras de Galicia.

A súa auga doce, e os 12 m de profundidade máxima, a convirten nunha singularidade dentro dos humidais ibéricos. Esta visita nocturna convida a usar, ademáis da vista -sen linternas- aos outros sentidos: grazas ao tacto sentimos cando adabamos sobre madeira, area, pedras ou asfalto, tamén os toxiños das beiras do camiño; o olfato e o sabor permitiron sentir o arrecendo da flora dunar e o salgado salseiro mariño, coa dificultade das máscaras protectores. Coa vista nocturna acomodada puidemos apreciar a contaminación lumínica local, e a de Ferrol e Coruña, pese a unha lúa case chea. Tamén situamos os faros á vista, dende o próximo de Lobadiz á lonxana luz de Sisargas, onde vira a Costa da Morte. 

Dende o conto de Outeiro,

a carón do baluarte que fixo a primeira defensa do ataque británico en agosto de 1800, apreciamos a vista da lagoa aluada entre piñeiros e as luces dos lugares pa parroquia de Doniños. Baixo as farolas do antigo campo de tiro da Armada puidemos ver evolucionar a varios morcegos, para logo baixar a nivel do lago por unha corredoira con muros de pedra seca e contar, ao pé dos piñeiros máis vellos da volta, a historia do lugar onde hai un observatorio ornitolóxico, na finca doada pola falecida investigadora Ángeles Alvariño e o seu esposo. Este lugar mercado coa idea de facer unha estación limnolóxica, que non chegou a ser realidade, foi doada á Xunta de Galicia a finais dos anos 90, canda a xubilación da carreira da Dra. Alvariño en EE.UU; a SGHN de Ferrol colaborou para xestionar a construcción do observatorio de aquela, hoxe estase a intentar que se coide a fermosa contorna e aos seus doadores. Sobre as 24 h rematamos a ruta circular, citados o vindeiro sábado 25 para facer o mesmo percorrido, esta vez baixo a luz do día