Apoio de SGHN a Manuel García e o MEL

O vindeiro día 2 de marzo terá lugar no xulgado de Xinzo de Limia o acto de conciliación previo a unha demanda civil por danos interposta por COREN contra o compañeiro do MEL (Movemento Ecoloxista da Limia), Manuel García. A causa ten a súa orixe nunha suposta intromisión ilexítima de Manuel no dereito ao honor de dita empresa, por facer presuntamente “imputacións falsas” contra ela nun programa de “España Directo” de TVE emitido en setembro de 2019. COREN estima os danos e prexuízos nun millón de euros. 

A gandería industrial ten repercusións ambientais innegables, tanto a nivel global como local. A nivel global a gandería industrial é responsable dunha parte importante das emisións de gases de efecto invernadoiro e da deforestación de enormes extensións para os grandes monocultivos onde producir os pensos para a gandería intensiva. 

A nivel local a gandería industrial impacta especialmente sobre a auga e os solos, pois a cantidade de xurros e residuos que xera é un grave problema en moitas zonas. En Galicia, a cabeceira da bacía do Limia absorbe cada ano máis dun millón de toneladas de estercos e zurros, a miúdo moi mal xestionados: sen tratamento previo, amoreados ou aplicados en terreos xeados ou encharcados, ou vertidos reiteradamente en “parcelas de sacrificio” levan anos contaminando as augas superficiais e subterráneas. Os datos oficiais revelan que a auga de abastecemento a un pobo da chaira limiá non era potable polos niveis excesivos de nitratos en cinco das seis analíticas feitas nos últimos dous anos. O problema repítese periodicamente noutros pobos e nun número descoñecido de pozos particulares.

SGHN e o MEL levan anos denunciando os efectos da gandería intensiva na bacía do Limia derivados tanto da pésima xestión dos estercos e puríns, causa do aumento das concentracións de nitratos e a eutrofización das augas, como do consumo crecente de auga polo incremento continuo de granxas.

Lixiviados da mega-esterqueira de polos en Sandiás.
Lixiviados da mega-esterqueira de polos en Sandiás.

Dende SGHN queremos mostrar a nosa total solidariedade con Manuel García e os compañeiros do MEL e decir alto e claro que seguiremos a divulgar as malas prácticas e os impactos negativos da gandería industrial sobre a saúde das persoas e do medio ambiente, e loitando por unha produción de alimentos racional e sustentable. 

Porque temos dereito a unha agua limpa na Limia e no resto de Galicia