Importante poboación de Woodwardia radicans ameazada pola modificación da AC-566

La Voz de Galicia do 21/02/2020 recolle unha noticia referente á modificación por parte da Xunta de Galicia de “A estrada AC-566, entre os puntos quilométricos 13+100 e 17+070, no municipio de Valdoviño… Os traballos comezarán xusto ao saír do núcleo urbano de Valdoviño, cunha mellora do trazado existente ao longo dos dous primeiros quilómetros de vía.  Incrementarase a plataforma mediante a inclusión de carrís adicionais para  adiantamento seguro, entre os puntos quilométricos 0+100 e 0+810 en sentido directo, e  do 1+150  ao 1+625, en sentido inverso”.

Entre o quilómetro 1+919 e o 2+535 manterase o trazado actual, “para minimizar as  afeccións  á  canteira e  á  vagada” e rectificarase a curva existente xunto á canteira. Entre os puntos 2+535 e 3+635 corrixiranse as curvas e ampliaranse os radios a un valor mínimo de 130 metros; e engadirase un carril adicional en sentido inverso, entre o quilómetro 2+900 e o 3+600. A Consellería de  Infraestruturas precisa que se alargará e reforzará o firme en 2,11 quilómetros e rectificaranse curvas e habilitarase un carril adicional en 1,86 quilómetros. Tamén está previsto instalar novas marquesiñas nas paradas do autobús”.

Afeccións á ZEC Costa Ártraba e Woodwardia radicans

A noticia non fai ningunha referencia a que esta obra incide sobre un espazo natural protexido, a  ZEC Costa Ártabra, nun tramo onde existe unha importante poboación do fento relicto Woodwardia  radicans, situada tanto dentro como fóra dos límites da  ZEC Costa Ártabra. Woodwardia radicans é unha especie ameazada, catalogada como “Vulnerable” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007), na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial e do Catálogo Español de Especies Ameazadas (Real Decreto 139/2011) e no Anexo II da Directiva 92/43/CEE. A protección legal de Woodwardia radicans acorde co réxime establecido na  Directiva 92/43/CEE, a Lei 42/2007 estatal e a Lei 5/2019 galega, inclúe a todos os seus núcleos poboacionais, tanto dentro do ámbito dos espazos naturais protexidos, como fóra destes.

Woodwardia radicans

Solicitudes de SGHN á Xunta de Galicia

Polo devandito, SGHN ven de solicitar á Xunta de Galicia que someta calquera proxecto de modificación da estrada Valdoviño–Cedeira ao correspondente proceso de avaliación de impacto ambiental. Dito proxecto só podería aprobarse tras asegurarse de que non causará prexuízo á integridade da ZEC Costa Ártabra e á poboación de Woodwardia radicans.

SGHN solicitou asimesmo copia de calquera informe, autorización ou resolución emitida pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en relación co proxecto de adecuación / transformación da estrada AC-566.