Trátase dun coleoptero endémico do noroeste penínsular. A distribución coñecida limita polo Sur en Coimbra (Portugal) e polo Este ata Arbón (Asturias). Está asociado indefectiblemente a cursos de augas limpas. Os requerimentos biolóxicos baséanse en augas ben osixenadas con praias de area, estas últimas para o desenvolvemento larvario.

Andrade, principal coñecedor desta especie, calcula que presenta tres ou catro xeracións por ano (Andrade, 1980). Este número de xeracións débese a unha temperá actividade dende principios de marzo, prologándose ata outubro, mes no que entrarían en invernación, tanto como adultos como en fase larvaria. As datas extremas nas que o temos atopado en actividade van dende o 7 de febreiro ata o 12 de septembro, o que coincide bastante coa bibliografía. A altitude non semella ser un obstaculo, pois existen citas dende altitudes menores de 100 metros ata Pena Trevinca (Jennel in Andrade,1980), aínda que sen precisar a altura. No interior da provincia de Pontevedra témolo atopado nos 750 metros.
Dentro das especies do grupo Carabus presentes en Galicia é unha das máis sobranceiras. O corpo é completamente mouro a excepción dos seus fémures que son bermellos. Os élitros están percorridos por costelas lonxitudinais, sendo moi semellante, salvo a coración, a Rhabdotocarabus melancholicus . Semella presentar un dimorfismo sexual respecto ó tamaño, cunha media de 25,0 mm nas femias e 22,5 nos machos, aínda que a mostra empregada, moi cativa (n=12), puidera falsear os datos. Polo día atópase agachado nas pedras das beiras dos ríos, mantendo a súa actividade pola noite. A alimentación consiste en lesmas e miñocas.
AMEAZAS
A contaminación dos ríos implica a súa desaparición, sendo sustituído por Rhabdotocarabus melancholicus. O coleccionismo indiscriminado podería provocar algunha extinción local, aínda que a súa capacidade reproductiva puidera solventar esta cuestión de non coincidir con outros factores.O descoñecemento da súa capacidade de desprazamento e potenciais enemigos naturais, unido á crecente degradación biolóxica dos ríos e as minicentrais, permítenos considerar a esta especie como vulnerable.
BIBLIOGRAFÍA
- Andrade Malde, Xulio (1980) Notas sobre la biología de Ctenocarabus galicianus, Gory. Nouv. Rev. Ent. X:19-28.
- Prieto Piloña, Fernando & Valcarcel, Javier P. (1996) Catálogo bibliográfico de los Caraboidea (Coleoptera) de Galicia (N.O. de la Península Ibérica). Suplemento nº 1 del Boletín de la Sociedad Entomológica Aragonesa. 17 pp. Zaragoza.
- SGHN (1991) Programa Esenga: Período 1985-1988. Voceiro de divulgación nº 6. 30 pp. Vilagarcía.
Xosé Lois Rey Muñiz
Xeira entomolóxica polas ribeiras de Gándaras de Budiño
Bolboretas
Publicacións Paspallás
Outras publicacións de interese
Guia de actuações numa zona queimada