Máis información sobre o arsénico en Corcoesto
No recente artigo científico de Devesa-Rey e colaboradores (2011) estes investigadores do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago afirman que (tradución literal do texto en cursiva, o único cambio feito por SGHN é o emprego de negriña para salientar algunhas frases):
- “Nos arredores dos sitios de mostraxe 10 e 11, existen vastos filóns de cuarzo-arsenopirita que conteñen ouro e que foron explotados no pasado. A deposición de materiais metalíferos augas abaixo desta área podería ser a causa das elevadas concentracións de arsénico observadas neses sitios”. (páx. 375) (Nota: os sitios de mostraxe 10 e 11 sitúanse augas abaixo de Corcoesto).
- “Malia que a ocurrencia de arsénico na bacía do Anllóns está a asociada aos filóns de arsenopiritas, a súa acumulación nos sedimentos fluviais pode considerarse unha consecuencia directa das actividades mineiras e, polo tanto, asignada a orixe antropoxénica. A súa toxicidade para as poboacións bentónicas e o elevado contido de arsénico mobilizable de acordo co test de oxalato permiten considerar a este elemento como de elevada preocupación ambiental.” (páx. 385).
- “O elevado enriquecemento en arsénico, elevada extractabilidade con oxalato e toxicidade potencial para os organismos bentónicos salienta a necesidade dun cuidadoso seguemento ambiental dos sitios afectados”. (páx. 385)
![Entrada dunha antiga bocamina en Corcoesto](https://sghn.org/wp-content/uploads/2018/12/Corcoesto_Antigua_bocamina_2_web.jpg)
Esta publicación ven a engadirse á de Costas e colaboradores (2011), sobre os riscos sanitarios e ambientais dos elevados niveis de arsénico na bacía do río Anllóns, e á de Macías Vázquez e Calvo de Anta (2009) sobre os niveis xenéricos de referencia do arsénico para garantir a protección da saúde humana e dos ecosistemas.
Solicitude de SGHN ao Presidente da Xunta
Tendo en conta a devandita información científico-técnica, a máis recente e detallada dispoñible, publicada por prestixiosos grupos de investigación do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC), a Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela, e mesmo financiada e/ou encargada pola Xunta de Galicia nalgúns casos, SGHN ven de solicitar ao Presidente da Xunta de Galicia (PDF):
- Que en aplicación do principio de cautela se anule a Declaración de Impacto Ambiental positiva para o proxecto Concesións de explotación “Emilita” nº 1221, “Ciudad de Landró” nº 1454 e “Ciudad del Masma” nº 1445, que forman o coñecido como “Grupo mineiro de Corcoesto” (Cabana, Coristanco e Ponteceso; A Coruña).
- Que a Consellería de Sanidade e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas avalíen, respectivamente, o risco natural que para a saúde humana e para os ecosistemas terrestres, fluviais e mariños supoñen as elevadas concentracións naturais de arsénico na zona en que Edgewater Exploration pretende poñer en explotación a mina de ouro de Corcoesto.
- Que a Xunta de Galicia no autoricen ningunha explotación mineira, nin movementos masivos de terras, na zona de Corcoesto en tanto non se dispoña da devandita avaliación de risco natural.
![](https://sghn.org/wp-content/uploads/2018/12/Corcoesto_Antigua_bocamina_1_web.jpg)
Ademais, SGHN remitiu á Defensora del Pueblo (PDF) unha copia íntegra do artigo científico solicitándolle que tamén o teña en conta na investigación de oficio que ten aberta pola mina de ouro de Corcoesto.
Bibliografía citada
- Macías Vázquez, F., Calvo de Anta, R. (2009). Niveles genéricos de referencia de metales pesados y otros elementos traza en suelos de Galicia. Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Xunta de Galicia).
- Devesa-Rey, R., Díaz-Fierros, F., Barral, M.T. (2011). Assessment of enrichment factors and grain size influence on the metal distribution in riverbed sediments (Anllóns River, NW Spain). Environmental Monitoring and Assessment 179, 371–388.
- Costas, M., Prego, R., Filgueiras, A.V., Bendicho, C. (2011). Land–ocean contributions of arsenic through a river–estuary–ria system (SW Europe) under the influence of arsenopyrite deposits in the fluvial basin. Science of the Total Environment 412-413, 304-314.
![](https://sghn.org/wp-content/uploads/2018/12/Corcoesto_e_Salvemos_Cabana_web.jpg)