As asociacións ecoloxistas solicitan á Xunta paralizar a caza da rula

Comunicado suscrito por: Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), Ecoloxistas en Acción, Grupo Naturalista Hábitat, Sociedad Española de Ornitología (SEO/BirdLife), Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) e Verdegaia.

As asociacións ecoloxistas solicitaron no Comité Galego de Caza a suspensión na caza desta ave en perigo de desaparición. Segue aberto o expediente sancionador da Comisión Europea por non conservala debidamente. Sete entidades ecoloxistas e preto de 50.000 cidadáns demandan que se prohiba definitivamente a súa caza en Galicia.

As asociacións ecoloxistas propuxeron esta mañá na reunión telemática do Comité Galego de Caza unha moratoria na caza da rula. Neste comité escoitáronse as distintas propostas para o establecemento dos períodos hábiles de caza para a temporada 2020-2021 nas distintas modalidades.

Até o de agora, a caza da rula estaba permitida na media veda no espazo natural protexido da Limia, desatendendo así os requirimentos da Comisión Europea e numerosas demandas dos cidadáns e das entidades conservacionistas para que se prohiba definitivamente a súa caza e se declare especie protexida.

Rula europea (Streptopelia turtur)

O indignante caso da ZEPA da Limia

A Limia está integrada na Rede Natura, sendo declarada ZEPA (zona de especial protección para as aves) pola Xunta de Galicia no ano 2009, recollendo o mandato da Directiva Aves da Unión Europea de crear espazos de protección para as aves. O goberno galego ven permitindo a caza da rula en 9 concellos da Limia entre finais de agosto e mediados de setembro, período chamado media veda. Nos últimos cinco anos o número de rulas foi en promedio un 60 % inferior ás cifras previas ao inicio da súa caza na media veda hai 17 anos, segundo datos do programa SACRE de seguimento de aves na península ibérica.

Evolución da poboación reprodutora de rula común nos 20 puntos de censo do Programa SACRE na cuadrícula PG1060 en A Limia entre 2002 e 2019

Segundo datos oficiais, dende o ano 2014 téñense cazado nela 3.870 rulas, deteriorando severamente a súa poboación nun dos poucos enclaves galegos nos que aínda atopa un hábitat axeitado para procrear e, consecuentemente, habendo podido vulner a citada directiva e a Ley 42/2007 del Patrimonio Natural y la Biodiversidad.

Ademais de permitir a caza da rula, tamén autorizará a do paspallás (codorniz en castelán) neste espazo natural protexido, cando se ten constatado que no período da media veda aínda está criando os polos das postas tardías. Nos últimos 6 anos téñense matado 50.172 paspallás na ZEPA da Limia.

Cambios que non supoñen un avance significativo

A prohibición da súa caza fóra da media veda da Limia, non supón ningunha medida de protección efectiva para a especie. Cando se abra en outubro o período xeral para a caza no resto de Galicia, as rulas xa terán migrado a África. Xa que logo, esta prohibición non ten ningún efecto máis que o de simular que limitan severamente a súa caza.

O representante ecoloxista no comité solicitou que Galicia se sume ás comunidades que na actualidade xa prohiben a súa caza: Asturias, Cantabria, Canarias, País Vasco y Comunidade Valenciana.

Hai algo que agochar na media veda da rula?

Dende agosto do 2019, a SGO ten solicitado en dúas ocasións copia dos informes nos que se teña baseado o goberno galego para autorizar a caza da rula na ZEPA da Limia nas últimas seis tempadas. Malia a insistencia, a Dirección Xeral do Patrimonio Natural négase a proporcionalos, vulnerando un dereito amparado pola Ley 27/2006 que regula o dereito de acceso á información ambiental e pola Ley 19/2013 de transparencia administrativa. Este comportamento da Dirección Xeral do Patrimonio Natural resulta inaceptable, sendo a transparencia e o rigor nos datos unha ferramenta fundamental na conservación das especies ameazadas ou cinexéticas.

Preto de 50.000 cidadáns opóñense á caza das rulas galegas

Na plataforma Change.org está aberta unha campaña espontánea de recollida de sinaturas en favor da prohibición da caza da rula. No momento de redactar estas liñas teñen asinado máis de 48.240 persoas. A sociedade expresa así o seu rexeitamento á matanza dun ave tan simbólica e querida como é a rula. Estas cifras demostran que o goberno galego non está atendendo ós intereses xerais por beneficiar a uns poucos cazadores, malia que isto supoña un grave deterioro do noso patrimonio natural.

Enlace á campaña en Change.org: https://www.change.org/p/xunta-de-galicia-queremos-que-vuelvan-las-rulas

O expediente de infracción da Comisión Europea segue aberto

O proceso de infracción iniciado pola Comisión Europea o 25 de xullo do 2019 contra o Estado español por non tomar medidas de conservación que freen o declive das rulas segue en marcha. España alberga máis da metade da poboación reprodutora europea polo que é o país clave na conservación desta ave, que está a sufrir en toda Europa un forte declive. Debido a que as competencias en conservación da natureza están transferidas, no caso dun resultado condenatorio os galegos teremos que pagar as sancións económicas que impoña a Unión Europea, por non se tomar inmediatamente medidas efectivas de conservación, empezando pola prohibición da súa caza.

Faladoiro sobre a rula en tempos de confinamento

Para divulgar o estado de franca regresión que está sufrindo a rula e a indiferenza do goberno galego ante esta situación, o Grupo Naturalista Hábitat programa una charla vía web para este venres día 17 ás 20:30 horas. Intervirán entre outros Serafín González (presidente da SGHN) e Óscar Rivas (presidente da SGO). Ademais de escoitar en directo a varios expertos, o público poderá facerlles preguntas. Será a cuarta ocasión en que Hábitat empregue este novo formato, motivado polo contexto de confinamento sanitario, tendo logrado anteriormente un gran éxito de público.

Enlace á charla vía web: https://gnhabitat.org/falando-de-natureza-os-ameazados-arrolos-das-nosas-rulas/