Resume da 5ª Quedada no Museo (QnM)

Logo dun breve parón por mor da conferencia sobre a Lagoa de Sobrado da man de Rafael Carballeira, á volta da Semana Santa tivo lugar a 5ª xornada das QnM o pasado 5 de abril. Nela houbo ocasión de coñecer de primeira man o Proyecto “Karl Johan”, un interesante proxecto familiar con árbores micorrizadas con Boletus edulis, e cos que ao mesmo tempo están a erradicar especies alóctonas como os eucaliptos, ás que substitúen por outras autóctonas. Puidemos coñecer o xeito de traballar e a loxística, así como a ilusión neste interesante proxecto, ao que sen dúbida dende o MHNF desexámoslles o mellor.

Ao final da súa exposición, os irmáns Perico e Pablo ofreceron o habitual momento de atención de consultas, abrindo un debate ao respecto do seu proxecto e non dubidaron en animar a apostar por este xeito de recuperación forestal.

Logo, o socio Manuel Arzúa falounos de Wildbook, unha web que resulta moi interesante para poder identificar individuos de píntegas, a partir dos seus patróns únicos de manchas. Manuel convidounos a participar subindo as nosas imaxes destes animais referenciadas xeográficamente. Polo visto é unha ferramenta moi potente que aplica algoritmos de visión, polo que serve para identificar e rastrexar estes animais de xeito individual a través de centos de miles de fotos, identificándoos polas súas manchas. Algo moi interesante, tendo en conta que estamos a falar de especies moi lonxevas.

De seguido á presentación de Manuel, houbo momento para unha breve exposición por parte do tamén socio Pablo Torrella, quen compartíu co público algúns mapas e outras imaxes históricas de Ferrol e bisbarra de comezos, mediados e finais do século XIX. Foi coma unha pequena viaxe no tempo, e durante a súa proxección puidemos ver a evolución e modificación do territorio, coñecendo a planificación da cidade por aquel entón, dos seus arredores, da ría, dos estaleiros e das parroquias limítrofes coa cidade.