Aves e plásticos no C.I. Umia-O Grove

Celebrando o “Día Mundial dos Humidais”

Un ano máis, o 2 de febreiro, celébrouse o “Día Mundial dos Humidais” xunto co aniversario da Sección Antela. Pero hai máis: tamén é o Día da Candelaria e casan os paxariños. Moito festexo xunto pero con sabor agridoce pois as zonas húmidas son ecosistemas moi fráxiles e moi ameazados: estímase que máis do 40% das zonas húmidas do mundo teñen desaparecido nos últimos anos e, en España, o 80% están nun estado de conservación pésimo por mor de: desecacións, cambios de uso, sobreexplotación dos acuíferos, contaminación, infraestructuras, especies invasoras, …

Para celebrar esta data, o que ven sendo habitual é visitar ou traballar nos proxectos de restauración de zonas húmidas que desenvolvemos na Limia, pero este ano cambiamos de escenario e a cita foi noutro espacio senlleiro: O Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira, “Zona de Especial Protección para las Aves (ZEPA)” e incluído no “Listado de Humidais de Importancia Internacional – Humedal Ramsar”.

…cunha actividade dobre

Con esta actividade pretendemos dar visibilidade ao problema dos plásticos (e do lixo en xeral) nun espacio húmido protexido, sobre todo despois do episodio de contaminación por pellets do que tanto se falou entre decembro e xaneiro e que semella xa non require maior atención.

Esta non foi a primeira vez que chegaron “pellets” deste tipo nas nosas costas, pero si a primeira vez que abeiraron en gran volumen e se xerou un impacto social significativo. Os “pellets” plásticos son sustancias altamente nocivas no medio acuático/mariño e deben ser tratados como residuos industriais, xa que non son residuos urbanos. Pero os pellets non son máis que a punta do iceberg e unha parte máis do xigantesco problema dos plásticos na costa e tamén no interior. Segundo as informacións oficiais despois deste episodio de vertido, a mediados de xaneiro A Xunta xa retirou das praias galegas 2.800 kilos de pellets e máis de 6.000 kilos doutros plásticos. Xa que logo é evidente que temos un gran problema có plástico en xeral.

E volvemos á nosa actividade, plantexada de xeito dobre, observación de aves e limpeza, a marea marcou o ritmo da xornada. Chegando ao punto de encontro os participantes observaron que as aves limícolas xa bulían na beiramar; así que unha vez feitos os honores da primeira hora, tocou montar os equipos na zona máis acaída para facilitar a observación tendo en conta que moitas veces non resulta doado identificar algunha especie puntual entre os centos de individuos que se afanan en alimentarse.

Semellaba bastante limpo…

A medida que baixa a marea e as aves van alonxándose, achégase o momento de recoller o lixo na parte interior do itsmo da Lanzada onde é máis que probable que non se realice ningunha recollida por parte das Administracións. Aparentemente non parece que vaia haber moito traballo, pero os que xa teñen máis experiencia nestas lides saben que en máis dunha ocasión as apariencias enganan … como así foi.

Postos máns a obra o que semellaba limpo non estaba tal. Pouco a pouco xuntáronse varios sacos que foron recollidos e trasladados ata os contedores máis cercanos: vidros, latas de refrescos, botellas de auga, bolsas de malla do marisco, cabos, caixas de porexpán, restos de artes de pesca, … entre 2 e 3 m³.

Á vista do recollido e de que a Xunta recoñeceu que se recolleron máis doutros plásticos que de pellets nas praias, parece claro que temos un gran problema e parecería lóxico pensar que algo haberá que facer e alguén terá responsabilidades no asunto. Ocorre que a limpeza do litoral en Galicia é esaxerada durante o verán por mor do turismo e o uso intensivo das praias mentres é practicamente inexistente durante o inverno, precisamente cando os temporais e correntes mariñas “vomitan” moitos residuos plásticos á costa.

Propostas de SGHN

Por todo o devandito, dende a SGHN entendemos que urxe un programa operativo a medio e longo prazo para a descontaminación das costas de Galicia e a eliminación continua de residuos plásticos no litoral, establecendo programas de seguemento científico dos plásticos (macro, meso e microplásticos) nas augas galegas para minimizar o efecto tóxico en caladoiros de pesca, zonas de marisqueo e na biodiversidade mariña e costeira.

Pero non debemos esquecer que todos nós como cidadáns temos a nosa responsabilidade e debemos tormar conciencia do enorme problema xerado e contribuír, cando menos, á correcta xestión destes residuos colaborando cós sistemas de recollida ou empregando os puntos limpos que están ao dispor da cidadanía. Con esto algo se avanzaría, pero o seu é pasar do desleixo có que tratamos os plásticos á toma de conciencia e a limitación do uso xeralizado e masivo que se fai en moitos eidos da vida cotiá empezando polos lineais do supermercado.

Un xantar ben merecido

E nós a seguir no traballo ata ben pasadas as dúas da tarde. O xantar sempre é un bó momento para intercambio de impresións, novidades e anécdotas. Nesta ocasión levou, como quen non quere a cousa, a unha completa e interesante charla sobre os traballos da Sección Antela e a restauración de zonas húmidas na Limia. Deseguido fíxose unha escapada ao alto da Siradella para despois achegarse ata a zona de San Vicente do Grove para completar as observacións do día.

Como sempre unha ledicia traballar e disfrutar xuntos deste día, máis que primaveral, grazas ao traballo e a colaboración de moitas persoas. Moitas grazas a todos os participantes e a todos os que fixeron posible esta interesante e produtiva xornada.