Resume da 3ª Quedada no Museo (QnM)

Nesta terceira xornada de “Quedadas no Museo” (QnM), que tivo lugar o pasado venres 16 de febreiro e na que contamos cunha maior presenza de público tanto socio como non, tivemos a sorte de escoitar ao compañeiro da SGHN Ferrol Paco Girón, quen nos falou dalgunhas pequenas aves insectívoras que fomos documentando a través de fotos tomadas nestes últimos anos no xardín do Museo de Historia Natural.

Na súa interesante exposición, Paco contou algunas anécdotas persoais con respecto a estas aves, así como experimentos feitos para estudar os seus comportamentos (por exemplo co paporrubio), e outros participantes tamén compartiron algunhas das súas experiencias e observacións que resultaron igualmente cativadoras.

A este respecto Pablo Torrella falounos tamén dunhas observacións de aves que fixo nos últimos días na cidade de Ferrol. Pablo compartiu con nós un vídeo e unha foto desas observacións, e falou ao respecto dunha desas aves da presenza do bicudo en Ferrol. Participou no debate o socio Javier López Blanco, que ao ser un profesional nos traballos en altura para o mantemento de xardíns no concello de Ferrol, puido aportar algunhas das súas observacións, moi oportunas e interesantes. Ambos socios adiantaron que próximamente sairá publicado na revista da Sociedade Cultural Columba un artigo deles sobre este escaravello en Ferrol.

Seguidamente, o socio Manuel Arzúa amosounos os resultados da mostraxe co noso detector colocado por espazo de 3 noites nunha árbore no xardín do museo co fin de detectar o paso de aves, e vimos como traballa co software empregado para analizar os datos obtidos.

Logo da súa comunicación, adiantamos ao público a aprobación por parte do Green Campus da UDC dun proxecto presentado dende o MHNF, para facer en colaboración co seu voluntariado vencelaldo á Universidade da UDC, no programa de Marzo Ambiental que van realizar no Campus de Esteiro.

Falamos tamén das últimas doas recibidas no MHNF, como é o caso da aportación por parte da Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ferrol dunha entrega de arredor de 800 macetas destinadas aos carballos cos que estamos a agasallar ao público visitante do museo.

Tamén houbo momento de comentar o libro escollido ao chou na “Biblioteca da Natureza”, e finalmente a socia Julia Ocampo falou da compostaxe que están a facer dende o Green Campus da UDC e do experimento piloto do Concello de Ferrol no barrio de Canido cos colectores marróns para a recollida de materia orgánica.