Arquivo persoal do botánico Xavier Sóñora (1956-2016)

A SGHN vén de publicar o Proxecto de Arquivo persoal do botánico Xavier Sóñora (1956-1996). O proxecto ten como obxectivo principal a organización e tratamento arquivístico, co fin de facilitar un acceso web ás descricións arquivísticas do fondo documental persoal do botánico, polo seu interese como fonte documental para as investigacións científicas sobre o ecosistema galego en xeral e, máis concretamente, para a investigación das coleccións de exemplares formadas por el e custodiadas no Museo da Sociedade Galega de Historia Natural (Ferrol, A Coruña).

Dende a Sociedade Galega de Historia Natural, lembramos que o biólogo Xabier Sóñora ocupou o cargo de delegado desta entidade en Ferrol durante anos e foi un destacado botánico na Universidade de Santiago de Compostela, sendo autor e coordinador de numerosos traballos científicos e divulgativos que aínda hoxe son bibliografía de referencia na materia. Faleceu inesperadamente, pouco antes de presentar a súa tese de doutoramento, no ano 1996.

Ademais de varias coleccións museográficas (entre as que se inclúe material de herbario, algario, froitos, fósiles, cunchas, crustáceos, etc), a familia depositou no Arquivo da Sociedade Galega de Historia Natural parte do produto documental da súa actividade investigadora que foi obxecto deste proxecto. O fondo tamén inclúe outros tipos documentais que completan a súa faceta persoal e aportan contexto á súa labor investigadora e divulgativa.

Este proxecto foi realizado mediante unha subvención da Secretaría Xeral de Cultura, pertencente á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, en base á convocatoria das axudas destinadas á Colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos (DOG nº65, do 6 de abril de 2016)