
Despois de varios meses de traballos preparatorios e xestións diversas, o 26-05-1997 a Sociedade Galega de Historia Natural solicitou ás administracións competentes na materia (Ministerio de Medio Ambiente, Junta de Comunidades de Castilla y León, Xunta de Galicia) a elaboración dun Plan de Ordenación dos Recursos Naturais das Serras do Courel e Enciña da Lastra para a súa posterior declaración como Parque Natural. SGHN remitíu, asimesmo, unha copia desta solicitude, xunto cunha carta explicativa, ós alcaldes dos dezaseis concellos das provincias de León, Lugo e Ourense que se beneficiarían pola declaración deste Parque Natural.
Tanto pola sua extensión (87.400 ha; 65.345 ha en Galicia) como polo indubidable interese natural, éste sería o espacio protexido máis sobranceiro de Galicia e tería entidade propia na rede de espacios naturais do noroeste ibérico. O Parque Natural proposto abrangue as Serras do Courel, de Oribio e do Rañadoiro, as serras do Bierzo leonés limítrofes con Lugo ó sur da N-VI, e as Serras de Cereixidos, dos Cabalos, de Enciña da Lastra e os Montes de Oulego.
A iniciativa da SGHN de promover a declaración do PN das Serras do Courel e Enciña da Lastra motivouna a preocupación polo desenvolvemento sostible, económico e ecolóxico, deste espacio natural, no convencemento de que a conservación do Medio Ambiente en xeral, e destas serras en particular, non poderá acadarse sen unha mellora da calidade de vida dos seus habitantes.

Valores xeolóxicos e xeomorfolóxicos
As razóns ambientais para declarar que as Serras do Courel e Enciña da Lastra, que constitúen unha unidade bioxeográfica natural, fosen declaradas Parque Natural son simplemente abrumadoras pois estas serras destacan dende o punto de vista xeomorfolóxico e xeolóxico:
- A riqueza de formacións glaciares e periglaciares de baixa altitude, destacando os vales da Seara, Visuña e Romeor, nos que se encontran depósitos e formas de orixe glaciar; sobresae tamén a Lagoa Lucenza na cabeceira do primeiro destes vales.
- As formacións cársticas, que se manifestan en fermosos exemplos de paleocarst, covas, sumideiros e surxencias.
- Os escarpes calcáreos de grande beleza paisaxística (Pena Falcoeira na imaxe da esquerda).
- A orixinalidade do modelado fluvial, moi pouco modificado pola acción antrópica.
Pena Falcoeira Ladeira de Covas Penarrubia
Valores botánicos
Posúen un excepcional valor botánico en relación coa Península Ibérica por:
- A súa elevada riqueza florística: máis de 1000 especies vasculares. A título ilustrativo cabe sinalar que esta cifra representa arredor da metade da flora total de Galicia en tan só un 2% da súa superficie.
- A presencia de 2 endemismos exclusivos (Petrocoptis grandiflora e Rhamnus legionensis), especies únicas a nivel mundial, e 9 endemismos de área restrinxida (Armeria rothmaleri, Campanula adsurgens e Leontodon farinosum, entre outros).
- A existencia nelas dunha cuarta parte das comunidades vexetais recollidas pola Directiva Hábitat para Galicia (8 delas de conservación prioritaria) e que constitúen o criterio base para a inclusión dun territorio na Rede Natura 2000 da Unión Europea.
Petrocoptis grandiflora Rhamnus legionensis
Valores faunísticos
Posúen un sobresaínte valor faunístico por:
- A existencia de máis de 190 especies de vertebrados, que constituen a práctica totalidade da fauna terrestre de vertebrados no Noroeste da Península Ibérica.
- Formar parde dunha IBA (Important Bird Area = área importante para as aves) polo que, de acordo coa Directiva Aves, a súa conservación é considerada de interese comunitario pola Unión Europea.
- A presencia de polo menos 8 especies (voitre branco, aguia albela, rapina cinsenta, águia real, águia perdiceira, falcón peregrino, lobo e londra) das 18 de vertebrados máis útiles para o sistema de indicadores faunísticos aplicable á planificación e xestión do medio natural na Península Ibérica.
- A existencia de importantes poboacións de quirópteros, incluíndo a principal colonia de Miniopterus schreibersi de Castela-León e Galicia, que é, ademáis, unha das cinco maiores da Península Ibérica.
- Albergar o gradiente de comunidades faunísticas máis rico de Galicia e un dos máis ricos de Castela-León, con biocenoses características das rexións mediterránea e eurosiberiana.
- A importante riqueza das súas comunidades de mamíferos carnívoros (lobo, raposo, armiño, donicela, tourón, marta, garduña, teixugo, londra, algalia e gato bravo).
- A existencia de comunidades animais, moi singulares, en medios antropizados, o que constitúe un dos últimos exemplos en Europa occidental da integración da fauna en medios humanos tradicionais que presentan, asimesmo, importantes valores etnográficos.
Voitre branco (Neophron percnopterus) Águia albela (Circaetus gallicus)
Morcego de cova (Miniopterus schreibersi) Excremento de lobo (Canis lupus)
Valores etnográficos e culturais
- Posúen sobranceiros valores paisaxísticos, pola singularidade da utilización dos sistemas agrosilvopastorais adaptada as diferentes condicións do medio de montaña.
- Albergan destacables valores culturales tanto prehistóricos (castros, indicios de ocupación paleolítica), como históricos (sinais do proceso de romanización, a entrada en Galicia do camiño de Santiago).
Apoio ao desenvolvemento sostible
As Serras do Courel e Enciña da Lastra poden aínda alcanzar un desenvolvemento económico sostible se se aplica a Estratexia Mundial para a Consevación elaborada polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), o Fondo Mundial para a Vida Silvestre (WWF) e a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), estratexia que incorpora os principios de:
- Sostenemento ecolóxico para que o desenvolvemento sexa compatible con mante-los procesos ecolóxicos, a biodiversidade e os recursos biolóxicos.
- Sostenemento económico para que o desenvolvemento sexa economicamente eficente e equitativo entre as xeneracións e dentro destas.
- Sostenemento social para que o desenvolvemento aumente o control das persoas sobre a súas propias vidas e manteñan e fortalezan a identidade da comunidade.
- Sostenemento cultural para que o desenvolvemento sexa compatible coa cultura e cos valores das persoas afectadas por él.
Ademais, son merecedoras de medidas legais de protección de acordo co espíritu e a letra da Ley 4/89, da Conservación dos espazos naturais e da flora e fauna silvestres, hoxe sustituida pola Ley 42/2007 do Patrimonio Natural e a Biodiversidade.
Apoios científicos á campaña
Todos istes argumentos científicos e ambientais deberan abondar para que as distintas administracións houberan tomado a iniciativa de declarar o PN das Serras do Courel e Enciña da Lastra. Non foi así, pero a proposta de SGHN recibiu o apoio dun total de 50 investigadores da Universidade de León (Departamentos de Bioloxía Vexetal e Bioloxía Animal), a Universidade do País Vasco (Departamento de Bioloxía Vexetal e Ecoloxía), a Universidade de Santiago de Compostela (Departamentos de Bioloxía Vexetal, Ecoloxía e Xeografía), a Universidade de Vigo (Facultad de Ciencias) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (Estación Biolóxica de Doñana, Real Jardín Botánico de Madrid, Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia).
A campaña de SGHN e os valiosísimos apoios que recibíu conseguiron unha victoria parcial pero moi importante: mediante o Decreto 157/2002, do 04-04-2002 a Consellería de Medio Ambiente declarou o Parque Natural da Serra de Enciña da Lastra cunha superficie de 3.151 ha, unha vez que o Decreto 77/2002, do 28-02-2002, aprobase o seu Plan de Ordenación dos Recursos Naturais. A nova foi, sen dúbida, moi boa en canto supuxo a protección da Serra de Enciña da Lastra, unha das xoias máis valiosas e ameazadas do patrimonio natural galego (máis…).