Campionatos de caza de raposos

Proliferación de campionatos

Diante dos anunciados “campionatos” de caza do raposo a desenvolver dende o 12 e xaneiro ó 2 de febreiro nun número de sete ó longo da xeografía galega, SGHN acordou manifestar o rexeitamento de tales “campionatos” e presentou un escrito de protesta diante da Consellería de Medio Ambiente pola vulneración da Lei 13/2013 de caza de Galicia.

Segundo esta lei, no seu artigo 1. Obxecto e finalidade, indica “Esta lei ten por obxecto regular o exercicio da caza na Comunidade Autónoma de Galicia coa finalidade de protexer, conservar, fomentar e aproveitar ordenadamente os seus recursos cinexéticos de xeito compatible co equilibrio natural e cos distintos intereses afectados”.

A celebración indiscriminada destas actuacións en nada fomentan os recursos cinexéticos e o medio natural. Ata onde lle consta á SGHN, a Xunta carece de datos propios que avalíen as densidades dos raposos tanto a nivel local como a nivel global galego. Neste senso a SGHN solicitou á Xunta información sobre este extremo, que estudos ten desenvolvido, de que ano, autores e tendencia das poboacións desta especie.

Raposo
Cachorros de raposo (Vulpes vulpes)

Importancia ecolóxica do raposo

SGHN destacou á administración o papel sanitario desta especie, controlando as poboacións de pequenos vertebrados, que poden ser prexudiciais para o ser humano e axudando a manter o equilibrio ecolóxico, e eliminando restos de animais mortos que poden resultar focos de enfermidades para a fauna silvestre.

Non menos importante resulta a parte ética dunha caza, presuntamente deportiva, que simplemente é matar por matar, sen ningún tipo de aproveitamento, pois a diferencia doutras especies, o raposo non ten interese culinario. Non se pode entender como deporte unha actividade que conleve a morte gratuíta de calquera especie e que ademais incide negativamente no equilibrio ecolóxico e indirectamente na saúde das persoas.

Davila 09-01-2019 campionatos caza raposo
Viñeta de Luis Davila, publicada hoxe no Faro de Vigo e reproducida con permiso do autor.

SGHN tamén laiase profundamente que, a pesares das queixas do persoal da Xunta, da sociedade galega e os xestores deste Consellería sobre a limitación de recursos económicos, a Xunta subvencione con cartos públicos esta actividade, segundo figura nos cartaces publicitarios destas actividades.