Celebrando o Día das Aves pola Limia

Nun ano tan especial, non deixamos de celebrar o día das aves. Claro que con certas novidades, xa non só pola COVID senón tamén porque na xornada houbo algúns “paxareiros” máis que noutras ocasións, de seguida veremos o por qué.

Nestas datas, de medidas especiais e grupos reducidos, a actividade organizouse exclusivamente para socios, colaboradores e … participantes tanto no “I Curso de iniciación á ornitoloxía” (Ourense, último trimestre de 2019) como nos concursos telemáticos de recoñecemento de aves que se desenvolveron desde o confinamento ata fin de agosto. Dito así parece que a actividade diríxese a demasiadas persoas pero resulta que, en moitos casos, nunha mesma persoa conflúen varias destas condicións.

Con todo estableceuse un máximo de 25 participantes polos condicionantes da COVID. Ao final, producíronse algunhas baixas de última hora e novas incorporacións ata completarse un grupo de 21 persoas todas dispostas a practicar cós prismáticos, a aplicar os coñecementos adquiridos nos últimos meses e a gozar das aves e … da compañía.

A Limia foi unha vez máis o obxectivo da xornada. O itinerario escolleuse buscando lugares xa coñecidos pola maioría dos participantes procurando centrar a atención principalmente nas aves e secundariamente noutros elementos.

Moitas observacións pola mañán

A primeira parada foi nun dos observatorios instalados nas charcas areeiras, concretamente na casa dos terróns, á procura principalmente de anátidas, ardeidas e podicipediformes. Para a nosa sorpresa, faltáronos os mergullóns tan frecuentes nos últimos anos. En canto aos corvos mariños (Phalacrocorax carbo) xa se nota o incremento polos exemplares invernantes e tamén o efecto dos seus excrementos sobre o arboredo. E qué bonito espectáculo nos proporcionaron os merguilletes (Tachybaptus ruficollis)!

De seguido camiñamos nun itinerario circular por varias charcas areiras (incluída a poza dos arieiros na que SGHN ten alugada unha parcela ao Bantegal e un acordo de custodia cun empresario da zona). Cabe citar en todo o percorrido a observación dunha garceta grande (Ardea alba), tres tartarañas das xunqueiras (Circus aeruginosus), un bilurico de ás negras (Tringa ochropus) e … un mergullón cristado (Podiceps cristatus) onde antes había varias parellas reprodutoras. Ao transitar polas pistas alcanzamos a albiscar en varios puntos visóns americanos (Neovison vison) que poden explicar a redución de poboacións dalgunhas especies de anátidas como os mergullóns.

Si ben esas son as especies máis destacadas, non podemos deixar de citar a presenza de lavanco común ou ánade real (Anas platyrhynchos), buxato común (Buteo buteo), merguillete (Tachybaptus ruficollis), lavandeira branca (Motacilla alba), subeliña común (Aegithalos caudatus) e varios páridos. Tamén o rousinol bastardo (Cettia cetti), outrora descoñecido que agora está a ampliar a súa distribución favorecido polo cambio climático. De aquí ao mes de xaneiro, momento de realización dos censos de aves acuáticas invernantes, aínda queda moito tempo e moitas aves por chegar, aínda que en días pasados con algúns temporais xa se viron cercetas comúns (Anas crecca), garcetas comúns (Egretta garzetta), cullereiros comúns (Platalea leucorodia) e mesmo ibis mouro (Plegadis falcinellus) e avocetas comúns (Recurvirostra avosetta).

E pola tarde máis!

Pola tarde, despois dun descanso para xantar e pasear polo contorna da ermida do San Bieito da Uceira, toca visitar ás veigas, onde se están realizando actividades de restauración.

De novo deixamos os vehículos e camiñamos por pistas de Gomareite e a parcela que mantemos en acordo de custodia cun gandeiro do lugar. A perseverancia, a paciencia e un bo comportamento dos participantes, propicia novas e interesantes observacións, especialmente peneireiro cinsento (Elanus caeruleus) que fixo as delicias dos participantes e pernileiro (Burhinus oedicnemus) con cinco exemplares que se movían pola zona desprazándose con voos máis ou menos curtos entre varias parcelas.

Como complemento á xornada toca un pouco de botánica (Erica tetralix, Nardus stricta ou Eryngium viviparum, entre outras especies) para saleintar os valores destes especiais ecosistemas limiaos que en poucos meses encheranse de auga e de vida grazas ao traballo dos voluntarios con SGHN … pero para eso haberá que agardar un chisco.

Entre observación e observación houbo tempo para as charlas, as consultas e as explicacións sobre as diferentes actuacións e proxectos da sección Antela para os vindeiros meses.

Como sempre non queda máis que agradecer aos participantes a súa asistencia, apoio e o exquisito e estrito comportamento tanto para a observación de aves como coas medidas hixiénicas e sanitarias por mor da COVID. Agardamos ter pronto novidades e actividades para seguir afondando no coñecemento das aves ás que dedicamos este día. E poder seguír coas nosas actividades e proxectos … por nós non vai quedar.