O Concello de Ferrol aporta 1.000 € para a biblioteca da SGHN-Ferrol

Mediante a súa Concellería de Educación, o Concello de Ferrol e a Delegación de Ferrol da SGHN acaban de asinar un novo convenio de colaboración para a adquisición de material bibliográfico con destino á biblioteca especializada da entidade naturalista.

Os 1.000 € dese aporte, que dende hai anos se vén asinando entre ambas partes, tamén inclúen o pago dos seguros de responsabilidade civil para o público participante nas tres saídas divulgativas que a entidade organizou de balde como cada ano no municipio de Ferrol (Doniños nocturno e diúrno, e xardíns históricos da cidade) dentro da actividade “A biblioteca sae ao medio: Interacción libro-natureza”.

Como vén sendo habitual, o remanente resultante logo do pago deses tres seguros, é destinado única e exclusivamente á adquisición de material bibliográfico de carácter naturalista, que agás a subscrición a algunha publicación seriada, na súa meirande parte foi adquirido en librarías locais dentro da cidade de Ferrol.