Celebrando os 50 anos de SGHN-GOG en Enciña da Lastra

Continuando coas celebracións polo 50 aniversario de SGHN-GOG, a Delegación de SGHN en Ourense organiza unha saída, exclusiva para socios, polo PN Serra de Enciña da Lastra o sábado 06/05/2023. Na declaración deste Parque Natural, a SGHN tivo un papel sobranceiro e esta é unha moi boa ocasión para achegarse a este espacio singular e coñecer algúns dos seus elevados valores desde o paisaxístico ata o biolóxico.

Mapa del PN do Courel e Enciña da Lastra proposto por SGHN
Mapa do PN do Courel, Cereixido, dos Cabalos e Enciña da Lastra proposto por SGHN. Finalmente conseguiuse a declaración do PN de Enciña da Lastra: nada máis, pero tamén nada menos

Enciña da Lastra ten a particularidade de asentarse sobre sustrato calizo, e polo tanto acolle unha vexetación especial e unha fauna asociada tamén particular, acrecentando estas diferencias o carácter climático máis mediterráneo desta zona.

Os compañeiros de Ourense están a traballar na elaboración do percorrido pero xa van avisando para que os socios de SGHN poidan planificar e reservar data nas axendas. As estradas son estreitas, o espazo para aparcar nalgún dos puntos é bastante limitado e a pegada de carbono sempre conta, por eso estase axustar ao máximo para evitar dificultades no desenvolvemento da xornada.

Para facilitar a organización é imprescindible, polo tanto, que os que pensedes asistir o comuniquedes ao correo da SGHN-Ourense (ourense@sghn.org). Aos que se anoten se lles enviará o detalle máis exacto do desenvolvemento da xornada, pero de seguido vai un adianto:

  • ACTIVIDADE: Visita ao Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra en Valdeorras (Ourense)
  • DATA: Sábado 06/05/2023
  • HORARIO E PLAN:
    • No entorno das 10:00 h, encontro no Barco de Valdeorras e inicio da xornada
    • O itinerario da mañá discurrirá, en principio, entre Covas e Biobra
    • A comida será de campo nos arredores de Biobra (cadaquén deberá levar o que precise, especialmente auga)
    • Pola tarde itinerario por O Castelo e Vilardesilva
    • Previsión de remate da xornada, 18:30 h

A xornada promete, raro sería que a visita non aportara novidades para os visitantes. A verdade é que con respecto a Galicia, estaremos en sitio distinto, así que animádevos que esperamos unha marabillosa xornada na vosa compañía.

Penarrubia no PN da Serra de Enciña da Lastra
Penarrubia no PN da Serra de Enciña da Lastra
Flor de Petrocoptis grandiflora, unha das xoias do P.N. de Enciña da Lastra