Centro Xeográfico de Galicia: outra desfeita ambiental e paisaxística

“Para mostra un botón”

Galicia conserva aínda algunhas paisaxes marabillosas, poucos, pero excelentes, xa que por desgraza a tónica de destrución e o auxe do feísmo como modelo identitario foise apoderando de territorio desde a costa ás chairas litorais, para recrearse con saña nas montañas. Estas accións sitúan a Galicia no vagón de cola da conservación da biodiversidade e da paisaxe, e no polo oposto ao desenvolvemento racional e sostible que proclaman as estratexias internacionais, europeas e estatais como piar da acción política.

O  mariscal prusiano Paul von Hindenburg consideraba que se podía xulgar a unha persoa ou as súas accións valorando simplemente o acicalado da súa vestimenta, forxando supostamente a famosa frase “para mostra un botón”. Aplicando o lema prusiano é fácil atopar en Galicia elementos singulares como modelos xenuínos de destrución ambiental e de feísmo, aos que probablemente tamén se lles poida outorgar outros cualificativos. De todos eles, un dos máis destacados é o que se esta a xerar no coñecido como Centro Xeográfico de Galicia, na parroquia de San Fiz de Amarante, no Concello lucense de Antas de Ulla.

Un eucaliptal no embigo de Galicia

O Centro Xeográfico de Galicia coincidía ata hai uns poucos meses cun eucaliptal, rodeado dunha extensa superficie de bosques de carballo e pequenas áreas agrícolas e forestais. Esta lamentable situación pódese observar fácilmente nos múltiples servidores de fotografía aérea. A intrusión do eucaliptal no Centro Xeográfico de Galicia remarcaba a funesta política forestal auspiciada pola Xunta de Galicia nas últimas décadas á conta de degradar e destruír a paisaxe tradicional. Unha forma como outra de facer “fermosa” a Galicia.

Con todo, a presente historia vai máis aló da eucaliptización do territorio galego, xa que a plantación foi arrasada, do mesmo xeito que un importante número de árbores caducifolios para instaurar un proxecto faraónico sufragado con fondos públicos. A Deputación Provincial de Lugo mercou os terreos no embigo de Galicia e unha parte importante do espazo que o rodea. Segundo os medios de comunicación, trátase de 6 parcelas catastrais cun total de 20.466 m2 mercados por 120.000 € (uns 0,17 €/ m2).

O proxecto

Nas novas sobre o Centro Xeográfico de Galicia informase que a Deputación de Lugo vai impulsar un “proxecto de acondicionamento e posta en valor deste gran espazo público de lecer e natureza” co que esperan “dinamizar o emprego e a economía do concello de Antas de Ulla e do conxunto da provincia”. “Está previsto que neste lugar se erga un monolito que fará referencia ao centro xeográfico de Galicia, así como un pequeno edificio, integrado na contorna, para poder desenvolver actividades”.

“Todo isto, rodeado dun parque público para que os veciños e veciñas de Antas, así como os visitantes ao concello poidan desfrutalo. Este ambicioso proxecto suporá un revulsivo turístico e económico para a comarca da Ulloa e para o resto da provincia, enmarcado no forte compromiso da Deputación polo reequilibrio territorial e a fixación de poboación no entorno rural, creando novos postos de traballo e dinamizando a actividade económica. Estamos traballando para que o proxecto estea rematado entre finais do 2021 e principios do 2022”, explicaba ante o medios de comunicación o presidente da Deputación.

Feísmo institucional no centro de Galicia

As fotografías que acompañan a presentación do proxecto foron publicadas entre outros medios por La Voz de Galicia. O inicio da execución do proxecto ilústrase con varias fotografías obtidas recentemente na que chama a atención o impacto visual dos monstruosos letreiros, así como a construción dun extenso aparcadoiro con capacidade de estacionamento e manobra de varios autobuses. Se a localización, dimensións, materiais empregados e formas construtivas resulta en conxunto aberrante, máis aberrante aínda é o castigo inflixido a varias ringleiras de torturados carballos que malvivirán rodeados por un bordo de formigón e integrados nun espazo gris. Non fan falla máis imaxes, nin comentarios, para mostra xa temos excesivos botóns.

O proxecto promovido e executado pola Deputación evidencia a falta de sintonía do órgano provincial e especialmente dos responsables do servizo de medio ambiente coas políticas ambientais impulsadas desde o Goberno Central a través da recentemente aprobada Estratexia Nacional de Infraestrutura Verde e da Conectividade e Restauración Ecolóxicas. Tamén resulta lamentable que a Deputación de Lugo, como responsable da xestión de dúas Reservas de Biosfera, sexa incapaz de incorporar noutros espazos os valores e criterios que enmarcan a xestión das Reservas.

Outra forma de facer Galicia é posible e necesaria. Pero as novas normas formas deben ser sempre respetuosas co patrimonio natural e cultural de Galicia, alonxándose dos modelos destrutivos e faraónicos que con excesiva frecuencia xorden unha e outra vez en Galicia.