
SGHN presentou sendos escritos diante do concello de Vigo e Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático por mor das obras que se van realizar rua Poboadores do Concello de Vigo no voladizo do Paseo de Alfonso.
Trátase dun tema recurrente e sobre o que se quere volver actuar. SGHN non se opón ás abras, pero está en desacordo coas datas e procedementos a levar a cabo.
Por estes motivos solicitáronse varias medidas conciliadoras coas reparacións necesarias e a conservación destas aves.
Adopción de medidas provisionais que ordenen o cesamento das actividades que perturban os niños das especies mencionadas, para garantir que non se produzan efectos nocivos. Se tal acción está amparada por unha licenza ou autorización, os seus efectos deberán suspenderse ou o seu contido deberá modificarse para evitar danos ao medio ambiente..
Inicio de procedemento sancionador no caso de perturbación da colonia e destrución de niños, no que, tras a tramitación do expediente correspondente, se impoña unha sanción polo feito cometido.
Que calquera actuación no miradoiro do Paseo de Alfonso que implique intervir na parte inferior do voadizo e/ou no muro de pedra inferior se pospoña ata mediados de agosto, cando os cirrios xa terán abandonada a colonia de cría.
Non tapiado dos ocos existentes entre as pedras do muro baixo o miradoiro do Paseo de Alfonso.
Un pouco da súa vida
A maioría das parellas inician a reproducción en maio e alongan o período de cría ata xullo, cando voan os polos. Efectúan unha única posta anual. Case sempre é un ave colonial, con niños moi próximos uns aos outros. Copula tanto en voo coma no interior do niño que habitualmente se sitúa en buratos de edificios en núcleos urbanos. O Cirrio común manifesta unha elevada fidelidade á súa parella e adoita regresar todolos anos ao mesmo niño. Ambolos dous sexos chocan os ovos durante 20 días e posteriormente alimentan aos polos unhas 10 veces cada día ata que estes voan , cando teñen 40-45 días. Son aves lonxevas que acadan os 21 anos.
É unha especie estival en España, migradora de longa distancia con áreas de invernada en África ao sur do ecuador.
O Cirrio común é un especialista na captura de pequenos insectos voadores (aeroplancton) que captura voando coa boca aberta
A poboación española mostra unha tendencia decrecente a longo e curto prazo. As súas principais amenazas son a perda de lugares de nidificación, por destrucción dos buratos nos edificios e a desaparición grave e paulatina das poboacións de insectos e invertebrados en voo polo emprego de pesticidas.
