Colonia de cirrios pálidos salvada en Cambados

Unha ave escasa en Galicia

O Cirrio pálido (Apus pallidus) é unha especie morfolóxicamente semellante ao mais coñecido e abundante Cirrio común (Apus apus) pero moi diferente na súa distribución e  fenoloxía. Trátase dun migrante trans-sahariano, que inverna en África ao norte do Ecuador e cría na área mediterránea, na península arábiga e o golfo pérsico.

En España a súa distribución é fragmentada. Cría en Andalucia, na costa mediterránea e cantábrica e algunhas localidades interiores, asi coma nos arquipélagos de Canarias e Baleares. En España encóntrase presente desde febreiro ata novembro, con variacións, condicionadas polo número de postas que realiza (1 ou 2).

A colonia de Cambados

En Galicia coñécense varias colonias de Cirrio pálido en localidades da costa occidental, ubicadas en edificios próximos ao mar. Unha delas, no edificio nº 19 da Avda de Galicia de Cambados, está ocupada desde polo menos o ano 2016, ocupando os buratos abertos debaixo das tellas do aleiro, nas 3 fachadas do edificio (oeste, norte e leste). Desde este ano ata a actualidade os Cirrios pálidos voltaron a criar tódolos anos, calculando o número máximo de niños en arredor de 20. En varias tempadas constatamos a presenza de polos no interior dos niños ata mediados de outubro e aves voando sobre a colonia ata o mes de novembro.

Unha destrución innecesaria

O día 03/09/2020 constatamos coma, no decurso das obras de reforma para local comercial do edificio que alberga a colonia de Cirrio pálido, procedeuse ao tapiado con cemento de todolos buratos que albergan niños na fachada leste e parcialmente nas fachadas norte e oeste, o cal provocaría a morte dos polos que aínda estaban no seu interior.

Carreira contra-reloxo para salvar a colonia

Nos días seguintes a sección de Ornitoloxía e a Delegación de Pontevedra da Sociedade Galega de Historia Natural xunto con SEO-BirdLife Pontevedra  realizamos unha longa serie de xestións, entrevistas e visitas á colonia cos axentes de Medio Ambiente Natural da Xunta de Galicia e a técnico de medio ambiente do concello de Cambados encamiñadas a impedir que se tapasen todolos buratos que ainda quedaban abertos e se restaurasen á situación previa aqueles buratos que xa foran cubertos con cemento.

Mentres tanto, no medio das obras e con varios niños taponados, as aves continúan presentes nos arredores  da colonia.

O día 09/09/2020, xunto coa técnico de Medio Ambiento do concello de Cambados, constatamos que aínda é preciso restaurar os buratos tapados que albergan niños, xa que ao anoitecer varios adultos intentan entrar, inutilmente, nos seus niños que agora están tapiados por cemento.

Restauración exitosa da colonia!

Finalmente, o día 10/09/2020 a requerimento das autoridades competentes e tralas xestións realizadas por SEO BirdLife Pontevedra e a SGHN, a empresa construtora procede á restauración total da fachada norte, deixando 26 buratos para niños e á restauración parcial das fachadas leste e oeste, deixando 14 e 15 buratos para niños respectivamente. O día 11 de setembro, ao anoitecer, comprobamos como algúns dos buratos restaurados albergan aves no seu interior.

Hai que recordar que a principal amenaza para a supervivencia dos Cirrios en España é a destrución das súas colonias de cría ao tapar os buratos dos seus niños, nas obras de restauración das construcións antigas e a ausencia deste tipo de buratos nas novas construcións.

O Cirrio pálido é un ave protexida, escasa en Galicia e a destrución das súas colonias representa unha perda importante para a biodiversidade, ademais dunha total falta de sensibilidade ao provocar a morte directa dos polos presentes nos niños dos buratos tapados.

Por outra parte, os niños de andoriñas, avións comúns e cirrios están protexidos tanto cando están habitados como baleiros. O nivel de protección garántese tanto na lexislación europea, concretamente a Directiva Europea de Aves (Directiva 2009/147/CE) coma na lexislación nacional pola Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial e do Catálogo Español de Especies Ameazadas (R.D. 139/2011) e pola Lei 42/2007, do Patrimonio Natural e da biodiversidade, na que se protexen as crías, os ovos e mediante a cal se prohibe expresamente “a destrución ou deterioración dos seus niños”, sancionables con multas desde 5.001 a 200.000 €.