Conferencia: “A lagoa de Sobrado, unha gran historia por coñecer”

O vindeiro venres 22 de marzo, o Doutor en Bioloxía e investigador Rafael Carballeira abrirá o programa de conferencias “Xuntanzas Naturalistas” do ano 2024 da Delegación de SGHN en Ferrol, que está subvencionado pola Deputación da Coruña.

Rafael Carballeira – Doutor en Bioloxía pola Universidade da Coruña (UDC) e investigador postdoctoral do departamento de Ecoloxía da Universidad de Valencia – falará sobre a lagoa de Sobrado, un dos ecosistemas lacustres máis emblemáticos de Galicia durante décadas por ser a nivel local unha importante fonte de recursos.

A orixe seminatural desta lagoa como un encoro do Tambre, é a chave do sistema hidráulico dunha gran obra de inxeñería vencellada á Orde do Císter e do Mosteiro de Sobrado dos Monxes dende tempos históricos. Pervivíu a través dos séculos ata os nosos días como unha paisaxe natural dun enorme atractivo turístico e como un dos primeiros exemplos de custodia do territorio por parte da propia Sociedade Galega de Historia Natural. Este espazo de gran riqueza e valor natural, caracterízase polas comunidades biolóxicas que permiten o funcionamiento do ecosistema.

Ao longo da súa conferencia o investigador afondará e analizará a dinámica limnolóxica que rixe a propia lagoa, cuxo seguemento permitíu desvelar algúns dos segredos que se ocultan baixo as súas augas e que comprenden dende especies altamente ameazadas a datos preliminares sobre a súa paleoecoloxía, facendo unha inmersión histórica más aló do coñecido na que se vencellan as actividades humanas e os procesos naturais ao longo dos séculos conformando este ecosistema único en Galicia.

O eido de investigación de Rafael Carballeira comprende a botánica e a limnoloxía, que é a ciencia que estuda os lagos en todos os seus aspectos, e en xeral, as masas de auga continentais. Conta coa colaboración con institucións científicas de prestixio a nivel internacional, como as universidades de Oxford ou Colonia, e ten máis de 30 publicacións científicas relevantes en diversos campos como a botánica, limnoloxía, medioambiente, conservación, patrimonio monumental construído e mediciña legal, entre as que se atopan algunhas publicacións no prestixioso grupo Nature (Nature, Scientific Data). É editor da revista Frontiers in Ecology and Evolution e editor convidado da revista Toxins, así como revisor de múltiples revistas científicas de diferentes editoriais. Participou con máis de 38 conferencias científicas tanto nacionais como internacionais, e en 21 proxectos de investigación con múltiples e diversos grupos de investigación.

Está acreditado como profesor contratado doutor e de universidade privada pola ANECA, e entre a Universidade de Santiago de Compostela e a de Valencia, dirixíu máis dunha ducia de Traballos de Fin de Mestrado e Grao, así como varias teses doutorais na USC. Ademais da súa faceta científica, participou na diseminación e transferencia de resultados científicos á sociedade a través de múltiples actividades de divulgación, tanto a nivel local como nacional, con 10 artigos e 9 ponencias convidadas sobre humidais ou a nivel europeo, na “Noche Europea del Investigador 2021”, obtendo un premio á fotografía de ecosistemas vulnerables.