Planta composta procedente de America do Sur, citada en Galicia dende 1852. Foi introducida en Europa de xeito accidental, probablemente asociada ao comercio da lá. A súa altura máxima de 60 cm, a abondosa pelosidade que lle da un aspecto griseiro, a ramificación preto da base, os papos de 4-5 mm e os flósculos de ata 4,2 mm nos que sobresaen os estilos das flores tubulares, son características propias que a diferencian de Coniza canadensis, que ten unha altura máxima de 1,50 m, menor pelosidade, a ramificación máis alonxada da base, os papos de ata 2,8 mm e flósculos de ata 3 mm nos que non sobresaen con tanta claridade os estilos das flores liguladas.
É problemática para os cultivos por dificultar os labores agrícolas. Atópase tamén en beirarúas, cunetas, zonas urbanas, solares etc. Abondosa nos terreos removidos e alterados das zonas costeiras, menos frecuente nas dunas, areais ou humedais onde compite coa vexetación autóctona.