A pirámide da codicia en Corcoesto

Cando se trata de megaproxectos, como o de minería de ouro que Edgewater Exploration Ltd quere poñer en marcha en Corcoesto, é moi dificil para a meirande parte da xente facerse tan siquera unha idea aproximada das magnitudes de que se fala e comprender o que realmente significan e a magnitude da pirámide da codicia en Corcoesto.

Pero unha imaxe vale máis que mil palabras, velaquí o que suporá conseguir cada kilo de ouro de Corcoesto:

A piramide da codicia en Corcoesto 1
A piramide da codicia en Corcoesto. 1.

Cales serían as consecuencias para Galicia de que Edgewater Exploration Ltd se leve para Canadá as 34 toneladas de ouro que quere extraer en Corcoesto? nada mellor para explicalo que un gráfico que vale máis que mil palabras:

A pirámide da codicia en Corcoesto
A pirámide da codicia en Corcoesto. 2.

Máis aló desas cifras tan rechamantes, hai algo máis que números nesas montañas de residuos e entullos. No EIA bendecido pola Declaración de Impacto Ambiental positiva da Xunta de Galicia, Edgewater Exploration quítalle toda importancia ao impacto dos residuos mineiros decindo que “O contido en metais pesados que teñan os estériles da mina é o contido natural que ten o subsolo do emprazamento. Os estériles de mina non sufriron máis tratamento que unha disgregación por voadura ou machúqueo” , pero

O que é certo para o café tamén o é para as rochas

Todo o mundo sabe que para facer un café hai que moer previamente os graos e que as infusións fanse coas plantas picadas ou trituradas para que a auga quente poida extraer ben o aroma e os principios activos. Pois a supostamente inofensiva “disgregación por voadura ou machúqueo” das rochas ten exactamente o mesmo efecto sobre os elementos contidos nas rochas, sexa ouro, arsénico ou metais pesados.

  • Un bloque de rocha, por exemplo granito, de 1 m de lado ten un volume de 1 m3, unha superficie externa de 6 m2 e un peso duns 2700 kg. Xa que logo, ten unha superficie específica de 0,0022 m2 por cada kilo de rocha.
  • Para extraer o ouro das rochas, Edgwater Exploration prevé moelas ata un tamaño inferior a 100 micras (milésimas de milímetro), é dicir, o que se denomina area moi fina ou, para entendernos mellor, máis ou menos como a fariña que todos coñecemos.
  • Unha partícula cun tamaño de area moi fina (50-100 micras) ten unha superficie específica duns 23 m2 por kilo, ou sexa que ao moer o bloque de rocha de 1 m3 antes sinalado a súa superficie aumentaría máis de 10.000 veces.
  • Cunha superficie específica alomenos 10.000 veces maior, cabe esperar que sexa 10.000 veces maior a solubilización dos elementos contidos nas rochas, por exemplo coa auga de choiva ao infiltrarse por entulleiras e balsas mineiras… auga que finalmente irá a parar aos mananciais e ao río Anllóns.

Onte foi Nadal, velaquí o regalo envelenado do “Papa Nöel” Edgewater Exploration Ltd para os galegos

No EIA bendecido pola  Declaración de Impacto Ambiental positiva da Xunta de Galicia, Edgewater Exploration recoñece que:

  • Os residuos de mineral que se acumularán nas balsas de estériles poderán conter ata 10 g de cianuro por tonelada, cifra que multiplicada polos máis de 17 millóns de toneladas que quedarían nas balsas da como resultado 12 toneladas de cianuro, cantidade dabondo para matar a todos os españois e os portugueses.
  • Os solos de Corcoesto conteñen en promedio 494 g de arsénico por tonelada o cal indica que:
    • Os máis de 17 millóns de toneladas de residuos nas balsas mineiras conterán como mínimo 8.437 toneladas de arsénico tan finamente moído que será, cando menos, 10.000 veces máis soluble nas augas que antes da mina.
    • Se esa concentración de arsénico fose tamén aplicable aos entullos (non está claro coa información facilitada), os máis de 122 millóns de toneladas de entullos conterían 60.361 toneladas de arsénico, non moído como o dos residuos, pero si bastante máis disgregado (e soluble) do que estaba antes da mina.

Queren levarse o ouro e deixar os velenos. A Xunta quere subvencionalos

A Xunta de Galicia estudia declarar o proxecto mineiro de Corcoesto como proxecto industrial estratéxico, o cal tería entre outros (Artigo 42 da Lei 13/2011 reguladora da política industrial de Galicia) os seguintes efectos:

  • non suxeición á licenza urbanística municipal.
  • A declaración de utilidade pública e de interese social do proxecto industrial estratéxico, así como a necesidade e a urxencia da ocupación dos bens e dos dereitos afectados dos que o solicitante da declaración teña a condición de beneficiario da expropiación.
  • declaración de urxencia ou de excepcional interese público para os efectos previstos nesta lei.
  • A declaración de prevalencia sobre outras utilidades públicas.
  • A CONCESIÓN DE FORMA DIRECTA DE SUBVENCIÓNS de acordo co disposto na lexislación de subvencións.
Subvencións públicas a Mineira de Corcoesto
Subvencións públicas a Mineira de Corcoesto