Corcoesto: cronoloxía dunha vitoria ambiental

9 de xullo de 2013

Nova de prensa da Consellería de Economía e Industria

Segundo unha nova de prensa remitida polo seu Gabinete de Prensa (PDF), a Consellería de Economía e Industria vén de manter hoxe un encontro con representantes da empresa mineira de Corcoesto no que se lles trasladou que a administración non autoriza o proxecto mineiro de non cumprir as máximas garantías de viabilidade técnica e económica. Comunicouse á compañía que, trala análise levada a cabo polos técnicos da Consellería, considérase que o proxecto mineiro non cumpre cos requirimentos técnicos e económicos esixidos, polo que a empresa deberá acreditar as garantías necesarias para asegurar a viabilidade e a solvencia do proxecto.

En concreto, a Consellería de Economía e Industria solicitou á empresa que acredite unha solvencia mínima do 25% de fondos propios sobre o investimento do proxecto e un compromiso en firme do resto do financiamento, así como a documentación que acredite a capacidade técnica da empresa para desenvolvelo. De non cumprimentarse axeitadamente os requisitos ambientais, técnicos e económicos, o proxecto sería rexeitado definitivamente e non se continuaría coa tramitación deste.

Valoración de SGHN

Segundo a nova de prensa emitida onte, a Consellería de Economía e Industria “non autoriza o proxecto mineiro” de Corcoesto porque “non cumpre cos requirimentos técnicos e económicos esixidos, para asegurar a viabilidade e a solvencia do proxecto”. Semellaría inicialmente que a Consellería só se refire a problemas financieiros e técnico-mineiros, pero lendo máis polo míudo a nova de prensa indica que “De non cumprimentarse axeitadamente os requisitos ambientais, técnicos e económicos, o proxecto sería rexeitado definitivamente e non se continuaría coa tramitación deste”.

Cabe pois entender que esta decisión da Xunta de Galicia é un primeiro paso atrás no seu apoio ao proxecto mineiro. Esta acertada decisión semella froito, en boa parte, da enorme presión cidadá en contra desta mina perxudicial para a saúde das persoas e dos ecosistemas, que deu lugar á maior mobilización cidadá en Galicia por cuestións ambientais dende o Prestige: máis de 233.000 sinaturas en contra da megaminería contaminante en Galicia, máis de 32.000 para que Barclays Bank e Credit Suisse non financien a mina de Corcoesto e unha multitudinaria manifestación cun único lema: “Galicia non é unha mina. Defende a terra, defende a vida”.

Sabíamos que o proxecto de Corcoesto é malo dende os puntos de vista da saúde humana e a protección dos ecosistemas. A Xunta recoñéceo agora implícitamente entre liñas e ademais asegura que o proxecto é tamén deficiente en base a criterios técnicos e económico-financieiros. A qué agarda, pois, a Xunta de Galicia para anular a súa Declaración de Impacto Ambiental positiva e desbotar totalmente o proxecto?

15 de outubro de 2013

Novo parón da Xunta de Galicia á mina de Corcoesto. Definitivo?

Segundo novas de prensa de esta mesma mañán a Xunta de Galicia paraliza a mina de Corcoesto por insolvencia financieira e técnica (El PaísEl Correo GallegoFaro de VigoLa Voz de Galicia). Esta decisión da Xunta de Galicia é un segundo paso atrás no seu apoio ao proxecto mineiro. Á espera de coñecer a resolución oficial da Xunta, a información filtrada á prensa suxire que, sen ser definitiva pois é recurrible pola empresa, trataríase dunha paralización con maiores consecuencias que a que xa sufriu o proxecto o pasado 10 de xullo e incide de novo “na falta de solvencia financieira e técnica do proxecto”.

Seguramente nunca o recoñezan de xeito expreso, pero esta acertada decisión non é allea á enorme presión cidadá en contra desta mina perxudicial para a saúde das persoas e dos ecosistemas, que deu lugar á maior mobilización cidadá en Galicia por cuestións ambientais dende o Prestige e que recolleu xa máis de 241.000 sinaturas en contra da megaminería contaminante.

Os criterios sanitarios, ecolóxicos, económicos e técnicos coinciden en que o proxecto de Corcoesto é malo. A qué agarda, pois, a Xunta de Galicia para anular a súa Declaración de Impacto Ambiental positiva e desbotar totalmente o proxecto?

14 de marzo de 2014

Denegada definitivamente a solicitude de Edgewater – Mineira de Corcoesto!!!

SGHN ven de ter coñecemento de que hai tres días, por Delegación do Conselleiro de Economía e Industria, o Director Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución de denegación definitiva do proxecto de mina de ouro a ceo aberto de Corcoesto con data11-03-2014. Ponse así, alomenos por esta vez, punto e final a un proxecto no que todos os criterios sanitarios, ecolóxicos, económicos e técnicos coinciden en que era malo e que afectaba aos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso.

Como xa salientou SGHN o pasado 15-10-2013, seguramente nunca o recoñezan de xeito expreso, pero esta acertada decisión non é allea á enorme presión cidadá en contra desta mina perxudicial para a saúde das persoas e dos ecosistemas, que deu lugar á maior mobilización cidadá en Galicia por cuestións ambientais dende o Prestige e que recolleu xa máis de 244.000 sinaturas en contra da megaminería contaminante.

Sen dúbida algunha, o enorme éxito de conseguir o rexeitamento do proxecto mineiro de Corcoesto, cando xa contaba mesmo cunha declaración de impacto ambiental positiva, é o froito dun inmenso esforzo colectivo no que SGHN síntese especialmente satisfeita e orgullosa de ter traballado arreo e codo con codo con todolos cidadáns e asociacións que compartían a opinión, agora recoñecida pola propia Xunta de Galicia, de que o proxecto era definitivamente malo.

5 de outubro de 2014

Edgewater-Mineira de Corcoesto xa non teñen dereitos en Corcoesto!!!

En resposta á pregunta nº 30357 formulada polo Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda sobre “a información da Conselleria de Economia e Industria respecto do eventual proceso administrativo derivado da denegaciñon da autorización do proxecto mineiro en Corcoesto” (BOPG nº 380, do 26-11-2014), a Conselleria de Economia e Industria ven de respostar que, cumpridos os trámites legais e analizadas as alegacións presentadas pola empresa, “con data 7 de agosto de 2015 ditase a Resolución pola que se declara a caducidade das concesións de explotación ‘Emilita’ n° 1221, ‘Ciudad de Landro’ n° 1454 e ‘Ciudad de Masma’ n° 1455, da titularidade de Mineira de Corcoesto SLU.” (PDF).

Un final feliz, alomenos de momento, para unha longa e intensa loita dos movementos veciñais e de defensa ambiental galegos.