Lei de Ordenación do Territorio de Galicia (LOT)

SGHN ven de presentar as súas alegacións (ver PDF) ao anteproxecto de Lei de Ordenación do Territorio de Galicia (LOT). A primeira das consideracións de SGHN é que a revisión da LOTGA 1995 non é necesaria, pois os motivos que se expoñen no anteproxecto de LOT están superados nas propias Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) aprobadas en 2011, unha das poucas oportunidades de aplicarse que se deu a LOTGA e que demostraron a vixencia e efectividade da LOTGA cando se quere aplicala.

Aspectos máis negativos do borrador de LOT

A xuizo de SGHN, son aspectos especialmente negativos:

  • A eliminación dos Plans Coordinados de Actuación (PCA), coa excusa de non terse redactado ningún. Os PCA son o único instrumento operativo que vincula os orzamentos e organismos da Xunta cos obxectivos marcados nos instrumentos da LOTGA 1995.
  • A inexistencia de proposta de suposto sancionador.
  • O cambio do alcance das DOT que pasan a ser na súa maioría non vinculantes.
DOT Galicia
Directrices de Ordenacion do Territorio de Galicia

Alegacións xerais á LOT

Debería recuperarse a relación dos obxectivos fundamentais da política territorial, que si figuraban na LOTGA:

  • O desenvolvemento socioeconómico equilabrado das rexións, cunha clara tendencia á eliminación das grandes diferencias no nivel de vida.
  • A mellora da calidade de vida, que, entre outras cousas, se concreta nunha maior accesibilidade da poboación ós equipamentos colectivos de todo tipo na mellora das infraestruturas.
  • A xestión responsable dos recursos naturais e a protección do medio natural que faga compatible a satisfacción das necesidades crecentes de recursos e a súa conservación, así como o respecto ás peculiaridades propias de cada comarca en canto ás súas formas de vida.
  • A utilización racional e equilibrada do territorio, definindo os usos aceptables ou que hai que potenciar para cada tipo de solo, creando as axeitadas redes infraestructuras e mesmo incentivando aquelas actuacións que mellor persigan o fortalecemento do espírito comunitario.

Ben está que se mencione a consecuención dos obxectivos da Estratexia Europea de Ordenación do Territorio (EEOT), pero compre salientar que ésta se basea, entre outros, nos obxectivos da CEOT 1983, que se eliminaron do preámbulo da LOT. En calquera caso, a LOT debera procurar non o “desenvolvemento económico e social” senón o “desenvolvemento social e económico conservando os valores ambientais”.

Malia asegurarse que o borrador de LOT “presta especial atención á efectividade dos principios de seguridade xurídida e transparencia, promovendo a máis amplia participación da cidadanía” a eliminación dos PCA e o brevísimo prazo dado para a participación cidadá suxiren o contrario.

Un instrumento de ordenación do territorio como os planeamentos urbanísticos sempre debería someterse a avaliación estratéxica ordinaria e non simplificada.

O borrador de LOT máis que “sintetizar” os instrumentos de ordenación o que fai é eliminar algúns tan importantes e transcendentes na ordenación do territorio como os Plans Coordinados de Actuación aos que se despreza afirmando, falsamente, que tiñan un “carácter netamente inversor”. En ralidade, segundo o artigo 16 da LOTGA: “Son funcións dos programas coordinados de actuación: a) Formular un programa plurianual, referido á totalidade do ámbito comunitario ou a algunhas das áreas deste, de carácter sectorial ou intersectorial, integrando as actuacións propostas polas distintas administracións ou organismos públicos que operen no ámbito da Comunidade Autónoma. b) Determinar, conxuntamente e de acordo co réxime de competencias establecido pola lexislación vixente, as administracións ou os organismos responsables da súa execución e, se é o caso, os criterios para establece-los necesarios acordos ou convenios entre as administracións públicas que deban proceder ó seu desenvolvemento conxunto.”

Guía de campo para a interpretación do feismo en Galicia
Guía de campo para a interpretación do feismo en Galicia

Alegacións específicas á LOT

Artigo 1. Como vai a LOT lograr o obxecto de “coordinación da política territorial” si elimina, sen incorporar alternativa, o único instrumento contemplado na LOTGA con tal finalidade (os Plans Coordinados de Actuación)?

Artigo 2. Establece como “principios e criterios orientadores” da LOT “a utilización racional do territorio galego e protexer o medio natural, a mellorar a calidade de vida e a contribuír ao equilibrio territorial”, que a LOTGA ten establecido como “obxecto”, con moita maior forza vinculante.

Artigo 4.2. A estas alturas do século XXI, cando moitas voces autorizadas levan tempo falando de decrecemento ou non crecemento, sería máis razoable falar de “necesidades humanas” e non de “necesidades de crecemento”.

Artigo 9. Resulta confusa e preocupante a mención relativa a promover a participación da iniciativa privada nun artigo sobre “Competencia administrativa”.

Artigo 17. A supresión dos Programas Coordinados de Actuación é o maior erro do borrador de LOT.

Artigo 19. A tipificación que se pretende facer das determinacións, leída conxuntamente coa disposición transitoria segunda, altera sustancialmente o espírito e a letra das DOT. A falta dunha adaptación pormenorizada de todas as determinacións das DOT (que debería constar nun anexo ao borrador de LOT), debería facerse a interpretación máis prudente equiparando as:

  • “determinacións excluintes” das DOT coas “determinacións de aplicación directa” da LOT
  • “determinacións orientativas” das DOT coas “determinacións vinculantes” da LOT.

Artigo 30. Considérase absurdo e inaceptable que, dispondo de información anual, a Xunta de Galicia só facilite información ao Parlamento Galego cada tres anos. Si a xustiza deixa de selo cando é demasiado lenta, a transparencia comeza a ser opacidade se hai que agardar tres anos a recibir a información.

Artigo 38.7.c. Daquela “os obxectivos, principios, criterios e propostas de carácter sectorial das directrices de ordenación do territorio” seica non están concretos, completos nin adaptados á realidade territorial e iso van facelos uns plans sectoriais que poden ser promovidos pola iniciativa privada?